Demandámoslle á Xunta de Galicia, ao Ministerio de Agricultura e á Unión Europea que poña a andar un plan de actuación. Precisamos lexislar, investigar e encontrar novos métodos para combater a vespa velutina.
“Unha vez que se remate a época da esmelga, se non hai unha resposta por parte da Administración, imos convocar as todas as asociacións e colectivos de persoas abelleiras co fin de organizar unha gran concentración en Galiza”, sentencia o apicultor e Secretario de Acción Sindical do SLG, Brais Álvarez.
Galiza, 16 de xullo de 2026. O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) alerta, outro verán, do aumento da vespa velutina en Galiza, unha ameaza coa que convivimos ano tras ano. A súa propagación, afectada en gran medida polo cambio climático, canda o aumento da infección varroa destrutor, ocasionan unha altísima mortaldade das abellas e pon en perigo o sector apícola.
“Dende comezos do século a produción por colmea reduciuse á metade, pasando dunha media de 20 quilos por colmea a 10 quilos, isto está motivado precisamente por termos un clima cada vez de máis extremos, que provoca que os períodos de floración sexan máis curtos ou que por mor das inclemencias meteorolóxicas -moita calor ou moita choiva- directamente as abellas non as aproveite”, afirma o mozo apicultor, Brais Álvarez, Secretario de Acción Sindical do SLG.
Demandámoslle ás Administracións actuacións
Como reflectimos nun comunicado o pasado 20 de maio, no Día das Abellas, dende o Sindicato Labrego Galego demandámoslle á Xunta de Galicia, ao Ministerio de Agricultura e á Unión Europea que poña a andar un plan de actuación coordinado e con fondos suficientes para frear o avance da vespa velutina e outras especies invasoras que ameazan a supervivencia das abellas, e que cubra os gastos derivados das perdas que ocasiona a vespa velutina, dando unha axuda a tanto alzado sobre o censo anual en relación ás baixas directas e indirectas que xera a vespa velutina.
Precisamos lexislar, investigar e encontrar novos métodos para combater a velutina
Ademais, hai países que están valorando a creación de lexislación e normativas arredor da vespa velutina, como é o caso de Alemaña ou Francia. Por exemplo, en Europa estase traballando para estudar os efectos do que se chaman as trampas troyanos, analizando que efectos podería ter no medio ambiente e na velutina o seu uso e en que produtos.
Por iso, no SLG, pedimos que se avance na lexislación, investigación e en novos métodos para combater a vespa velutina. “Somos consciente de que actualmente é un momento complexo pola presenza da varroa destrutor pero, unha vez que se remate a época da esmelga -ao fin do verán-, se non hai unha resposta por parte da Administración, imos convocar as todas as asociacións e colectivos de persoas abelleiras co fin de organizar unha gran concentración en Galiza, en Compostela ou onde sexa preciso”, sentencia Brais Álvarez.
