
17/09/2013
O SLG esixe á Xunta que garanta a continuidade das explotacións agrarias afectadas polos incendios forestais
Dende o Sindicato Labrego Galego queremos solidarizarnos con todas as persoas afectadas pola devastación do incendio forestal de Carnota e de todos os que se levan producido ao longo do verán. En especial, queremos expresar o noso apoio a todas as explotacións agrarias e gandeiras que viron arder o seu medio de vida e que teñen nomes propios, como a Cooperativa Rainha Lupa, de Quilmas (parroquia do Pindo) onde arderon as colmeas, invernadoiros e plantacións froiteiras (ver fotografías); ou a comunidade de montes de Caldebarcos, na que a súa produción apícola se viu seriamente afectada ao ficar arrasada a vexetación e arborado dos que se alimentan as abellas en moitos quilómetros á redonda.
O Sindicato Labrego Galego, do mesmo xeito que o fixo no seo da Asemblea Galega contra ou Lume, denuncia que os principais culpables deste desastre non son unicamente os pirómanos criminais; ademais deles, tamén son culpables os responsables políticos -nomeadamente a Xunta de Galicia- que botan o ano enteiro sen pór en marcha estratexias de prevención e que, cando chega o verán, dilapidan millóns de euros en fornecer uns dispositivos de extinción nos que se gastaría moitísimo menos se desenvolvesen axeitadas políticas forestais e de xestión do monte e do medio rural. E todo isto co agravante de ter sido o actual goberno do Partido Popular quen se encargou de desmantelar todo o que se tiña avanzado co bipartito en materia de xestión forestal, prevención de lumes e articulación dun voluntariado de apoio ás brigadas de extinción. Solucións á lacra dos incendios forestais hai, o que non hai é vontade política de poñelas en marcha.
Dende o Sindicato Labrego Galego tamén denunciamos que a Xunta de Galicia, ademais de culpable por omisión dunha política preventiva contra os incendios, é culpable á mantenta por permitir, ano tras ano e a pesares dos centos de denuncias presentadas, a violación flagrante da Lei de Montes, ficando pasiva diante dos miles de plantacións forestais realizadas en todo o país en terras onde deberían estar prohibidas ou sen respectar as distancias legais establecidas con respecto a vivendas, núcleos de poboación e outras fincas arboradas ou agrícolas.
Por iso, esiximos da Xunta que mude unha estratexia pola que, cada ano, arden en Galiza miles de hectáreas e millóns de euros en danos e gastos de extinción, e faga súa a táboa reivindicativa da Asemblea Galega contra o Lume1. A maiores, tamén esiximos que, feito o mal, ademais de rectificar teñan a decencia de declarar Carnota como zona catastrófica e habilitar axudas a fondo perdido para que todas as explotacións agrogandeiras galegas que perderon o seu medio de vida ou viron a continuidade da súa actividade profesional seriamente afectada polos estragos do lume, poidan repoñer os medios produtivos na medida do posible e vexan compensado, ademais, o lucro cesante provocado pola mingua ou extinción dos seus ingresos económicos en tanto estes non se regularicen de novo.