folga xeral por Palestina 27S

23/09/2024

O SLG é unha das organizacións convocantes da folga en apoio ao pobo palestino do 27de setembro

Control dos alimentos e destrución estratéxica de cultivos e recursos mariños: Israel utiliza a fame como arma xenocida. A loita do pobo palestino pola soberanía alimentaria está interconectada ca loita pola súa soberanía nacional

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) é unha das organizacións convocantes da folga e xornada de loita a nivel estatal que terá lugar este venres 27 de setembro. Os locais do Sindicato en toda Galiza permanecerán pechados, e facemos un chamamento á cidadanía a secundar as accións previstas.

Durante os 76 anos no que o pobo palestino leva sufrindo a violenta ocupación do seu territorio por colonos israelís, o control por parte do Goberno de Israel da alimentación á que poden acceder foi unha constante. “Non é unha coincidencia que a Área ‘C’ de Cisxordania, que comprende máis do 60% de Cisxordania, estea baixo a administración militar total das forzas de ocupación israelís. Non é unha coincidencia que sexa a terra más fértil e rica en recursos e non se nos permita utilizala”, explica a labrega Yasmeen El-Hasan da Unión de Comités de Traballo Agrícola (UAWC), organización palestina -hostigada polo goberno israelí- compañeira no movemento labrego mundial La Vía Campesina Internacional, do que o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas fai parte.

Ao longo de décadas o pobo de Gaza vén sufrindo altos niveis de inseguridade alimentaria, desemprego, confiscación de terras e mar e unha limitación estratéxica do seu acceso aos servizos esenciais necesarios para a supervivencia, sendo privado da súa dignidade e imposibilitado o seu dereito á soberanía alimentaria. “A nosa loita pola soberanía alimentaria está interconectada coa loita pola nosa soberanía nacional. Se tiveramos control sobre a nosa terra e os nosos recursos naturais, non enfrontaríamos problemas de inseguridade alimentaria”, apunta Yasmeen El-Hasan.

A día de hoxe Israel está perpetrando un xenocidio contra Palestina, no que a fame é empregada claramente como arma de guerra. Ademais dos bombardeos masivos contra hospitais, escolas, vivendas, lugares de culto e toda infraestrutura básica, no que a maioría de vítimas están a ser mulleres e crianzas -41.272persoas asasinadas, segundo datos do 20 de setembro- , ca connivencia dos gobernos internacionais Israel impón un bloqueo completo a Gaza, impedindo aos 2,3 millóns de palestinos/as acceder a alimentos. Ademais as persoas agricultoras e mariñeiras non poden traballar as terras agrícolas ni ao mar, gran parte do cal foi bombardeado como parte da estratexia de Israel de matar de inanición ás persoas que sobrevivan aos bombardeos.

Segundo a Análise Específica da Franxa de Gaza da Rede de Sistemas de Alerta Temperá de Fame (FEWS NET) (informe do 31 de maio de 2024), os tres limiares da Clasificación Integrada da Seguridade Alimentaria en Fases (CIF) (consumo de alimentos, desnutrición aguda e mortalidade) probablemente se alcanzaron ou superaron no norte de Gaza xa no mes de abril.

Dende o Sindicato Labrego Galego esiximos o cese inmediato do asalto israelí á Franxa de Gaza e Cisxordania, así como da súa actitude belixerante con outros países da contorna. As accións de Israel contra a poboación palestina, en extrema situación de vulnerabilidade, no deben quedar sen resposta. Corresponde á comunidade internacional aplicar medidas restritivas e esixir responsabilidades ao Estado xenocida de Israel polos seus crimes contra a humanidade.

Achegamos as mobilizacións confirmadas a data de hoxe para a xornada de folga do venres 27 de setembro: A Coruña, manifestación ás 20h no Obelisco; Compostela, manifestación ás 12h na Praza Roxa e concentración ás 19h na Praza do Obradoiro; Pontevedra, manifestación ás 20h en Loureiro Crespo, fronte ao Hospital Provincial; Vigo, manifestación ás 19h fronte ao Marco; Ferrol, concentración ás 20h na Praza Vella.

Apoio das organizacións da LVC

Dende o primeiro momento o movemento internacional La Vía Campesina, do que o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) forma parte, denunciou a agresión israelí a Gaza e solidarizouse co pobo palestino, advertindo de que, como parte das numerosas vítimas civís, multitude de labregas e labregos estaban sendo asasinadas e unha ampla franxa de terras agrícolas e recursos hídricos diezmadas, nunha estratexia deseñada para inducir á inanición da poboación gazatí.

O 14 de outubro emitimos unha Declaración de solidaridade internacional e chamado urxente a acción para detener la guerra xenocida cometida pola ocupación israelí contra o pobo palestino e para salvagardar ás persoas civís na Franxa de Gaza. Seis días despois lanzamos unha campaña internacional de envío de correos electrónicos ao Secretario Xeral de la ONU, António Guterres, reiterando as demandas de LVC.

A inicios de novembro, con máis do 60% das vivendas da Franxa de Gaza total ou parcialmente destruídas, sendo un 69% das vítimas crianzas e mulleres e con is de 1,5 millóns de palestinos/as desprazados do norte ao sur da Franxa de Gaza, a Unión de Comités do Traballo Agrícola encabezou unha campaña internacional de recadación para axudar a Gaza e Cisxordania con alimentos, agua e artigos de primeira necesidade para reforzar a súa resistenza fronte aos crimes da ocupación e frustrar os plans de desprazamento forzoso. O Comité Sindical de Traballadores Agrícolas (UAWC), advertiu: “Quenes sobrevivan a los bombardeos morrerán de fame ou de sede”, e fixo un chamamento aos gobernos que apoiaron a resolución da Asamblea Xeral das Nacións Unidas para acadar unha tregua humanitaria e avanzar cara unha “Conferencia Internacional de Gobernos para a Protección do Pobo Palestino e o Apoio á súa Autodeterminación”.

A finais de novembro xs líderes do movemento labrego internacional chegadxs a Bogotá para celebrar a 8ª Conferencia Internacional de La Vía Campesina, participaron na manifestación do Día Internacional de Solidaridad con el pueblo palestino, convocada por sindicatos colombianos, e na que participaron dous milleiros de persoas.

O 26 de xaneiro, nunha nova declaración internacional de solidaridade, chamamos a atención sobre o feito de que máis de 15.000 camións cargados de alimentos, agua e subministros médicos desesperadamente necesarios en Gaza permanecían bloqueados por Israel no paso fronteirizo de Rafah.

Buscando facer fincapé na denuncia do emprego da fame com arma de guerra, o 13 de abril LA Vía Campesina convocou unha xornada mundial de xaxún.

No mes de xullo lanzamos unha solicitude urxente para declarar Gaza zona afectada pola fame e rematar co xenocidio, ao tempo que denunciamos a incautación ilegal de is de 23.7 kilómetros cadrados de terra palestina na Cisxordania ocupada dende principios deste ano. Máis da metade deste territorio -que ascende a 12.7 kilómetros cadrados- ubícase no Val do Xordán, marcando o maior acaparamento de terras nos últimos 30 anos dende os Acordos de Oslo (1993). Precisamente o Val do Jordán, con terras fértiles e ricos recursos hídricos, é considerado o celeiro do futuro Estado palestino.