• O Sindicato Labrego Galego e ECVC mostran a súa preocupación ante o avance da implantación do Mercosur por parte da Comisión Europea ignorando o Parlamento Europeo e as voces das labregas.
• Ao mesmo tempo que a Comisión Europea quere por a andar o polémico acordo, o Parlamento Europeo non deu o seu consentimento nin a xustiza Europea fallou se o acordo se axusta a dereito ou non.
A Comisión Europea avanza na implantación do polémico acordo comercial con Mercosur, ignorando ao Parlamento Europeo e as voces das labregas. Nunha manobra cualificada como un flagrante desprezo polos procesos democráticos e as inquietudes da agricultura europea, a Comisión Europea está a impulsar a implantación provisional do polémico acordo comercial entre a UE e Mercosur. Esta decisión prodúcese a pesar de que o Parlamento Europeo aínda non deu o seu consentimento e de que está pendente un ditame xurídico do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TJUE).
O anuncio da Comisión, realizado só un día despois de que Arxentina e Uruguai avanzasen nos seus propios procesos de ratificación, indica a intención de executar provisionalmente o acordo sen esperar a que conclúa o escrutinio democrático e xudicial da UE. Isto deixa de lado, na práctica, tanto a prerrogativa do Parlamento Europeo de dar o seu consentimento como o próximo ditame do TJUE, un ditame que o propio Parlamento solicitou.
A Coordinadora Europea Vía Campesiña (ECVC) e o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas condenamos rotundamente esta actitude, que antepón os intereses xeopolíticos e industriais as persoas labregas, as comunidades rurais e os fundamentos democráticos de Europa.
«Esta decisión é unha profunda traizón», afirmou Morgan Ody, membro do comité de coordinación de ECVC. «A Comisión Europea está a ignorar activamente as claras demandas das labregas de todo o continente. Non se trata só de nós tamén están a desestimar o consenso logrado no propio Diálogo Estratéxico sobre o Futuro da Agricultura da UE da Comisión. Isto é unha afronta á democracia europea».
A ECVC destaca que o informe de setembro de 2024 do Diálogo Estratéxico Agrícola, resultado dun longo exercicio de procura de consenso entre todas as partes interesadas da cadea alimentaria europea, pedía explicitamente unha reforma fundamental da política comercial da UE.
O informe afirmaba claramente: «A Comisión Europea debe recoñecer mellor a importancia estratéxica da agricultura e os produtos alimenticios nas negociacións comerciais, levar a cabo unha revisión exhaustiva das súas estratexias de negociación e revisar o seu método de realización de avaliacións de impacto antes das negociacións comerciais. Ademais, necesítase un liderado máis firme na reforma do marco da política comercial mundial».
En lugar de atender a este chamamento en favor dunha transición agrícola sostible e xusta, a Comisión parece rexerse pola axenda corporativa esbozada no informe Draghi. A diferenza do Diálogo Estratéxico inclusivo, o informe Draghi non foi froito dun exercicio democrático, nin contou cunha consulta tan ampla coa sociedade civil e o sector agrícola.
«Nunca antes a Comisión Europea deixouse levar tan abertamente por unha axenda corporativa en contra do seu propio pobo e, neste caso concreto, en contra das súas propias labregas», continúa a declaración. «Impulsar un acordo que ameaza o sustento das labregas europeas e socava as nosas normas ambientais e de seguridade alimentaria é un acto de enorme irresponsabilidade. Trátase de antepoñer o poder e os beneficios ás persoas e a democracia».
SLG e ECVC instamos ao Parlamento Europeo a que utilice todos os medios ao seu alcance para opoñerse a esta manobra antidemocrática, e aos Estados membros da UE a que respecten as preocupacións das súas cidadáns e deteñan a aplicación deste acordo prexudicial.
ECVC, xunto cos seus membros, seguirá mobilizándose para impedir a súa entrada en vigor.