![Ligal151024](static/images/repository/thumb-news-details/xornadaligal.jpg)
16/10/2024
O SLG destaca a importancia do LIGAL para as granxas galegas e o impulso do leite de pastoreo
Onte realizamos en Abegondo unha xornada para analizar a situación actual no sector lácteo e visitamos o LIGAL. A día de hoxe podemos duplicar a produción de leite de pastoreo, ampliando os seus beneficios medioambientais e sociais
O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) desenvolveu onte na Casa Azul-Concello de Abegondo (A Coruña) a xornada gratuíta “Como se determina a calidade do leite galego?”, que contou coa participación de case medio cento de persoas vinculadas profesionalmente ao sector.
A secretaria xeral do SLG, a gandeira de vacún de leite Isabel Vilalba, expuxo unha primeira análise da situación na que se atopa neste momento o sector leiteiro, subliñando a necesidade de que por parte da Consellaría do Medio Rural se fornezan índices de custos de produción oficiais e periódicos, cuestión que canda unha supervisión eficaz da implementación da Lei da Cadea Alimentaria son inda compromisos co sector pendentes por parte da Administración galega.
A xornada completouse cunha visita ao Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL), unha ferramenta que dende o Sindicato Labrego Galego poñemos en valor e animamos a seguir apoiando e fortalecendo.
“Este laboratorio do que formamos parte a partes iguais industria -representada pola Fenil- e sector gandeiro comezou a andar no ano 1990 e é a día de hoxe un centro de investigación de referencia en toda Europa” -salienta o coordenador do sector leiteiro, Xúlio Fernández. “Ter un laboratorio independente, no que persoas produtoras e industria temos a mesma capacidade de voto, cunha metodoloxía de traballo punteira no seu ámbito e unha imparcialidade garantida por axentes externos como a Entidade Nacional de Acreditación (ENAC) é unha ferramenta que verdadeiramente fortalece o noso tecido produtivo nun sector económica e socialmente tan importante para Galiza como é o leite e os seus derivados”.
Antes de dar inicio á visita ás instalacións, persoal do LIGAL explicou o funcionamento do laboratorio e cuestións específicas de interese para as gandarías. Destacou un estudo presentado pola a Doutora en Química Laura González González (Axencia Galega de Calidade Alimenaria, AGACAL – Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, CIAM) , que sinala a posibilidade de identificar o leite procedente de alimentación en base a forraxe verde –o que na Galiza equivalería a distinguir o leite procedente de animais alimentados en base a pastoreo-, a través da detección da presenza de determinados ácidos graxos.
O Doutor Enxeñeiro Agrónomo César Resch Zafra (AGACAL-CIAM), pola súa banda afondou nas oportunidades do leite de pastoreo, no seu valor engadido, distinguindo as bondades do pastoreo para a calidade leite, saúde persoas e medio ambiente e afirmando que a día de hoxe sería posible na Galiza duplicar este tipo de produción leiteira.