Novas

  • O SLG denuncia que o gasto da Xunta por persoa dependente está por baixo da media estatal: 7.900€ en Galiza fronte aos 8.417€ estatais e aos 14.384€ do País Vasco

    O SLG denuncia que o gasto da Xunta por persoa dependente está por baixo da media estatal: 7.900€ en Galiza fronte aos 8.417€ estatais e aos 14.384€ do País Vasco

    • 27,Mai 2026
    • Posted By : Sindicato Labrego
    • 0 Comments
    • consello galego de benestar social
    • dependencia
    • sindicato labrego galego
    • Galiza continúa á cola do Estado en gasto por dependencia: só 1.490€ por persoa potencialmente dependente, menos da metade que o País Vasco.

    • Na actualidade 39.600 persoas dependentes en Galiza non reciben ningún servizo público; viven ao cargo exclusivo das súas familias, na súa maioría mulleres.

    Galiza, 27 de maio de 2026. Segundo os datos que veñen de ser feitos públicos pola Asociación Estatal de Directores y Gerentes en Servicios Sociales, Galiza sitúase á cola do Estado en investimento por persoa potencialmente dependente, cun gasto anual de 1.490€, fronte aos 3.102€ do País Vasco ou os 2.757 € de Extremadura. A media estatal rolda os 2.100€.

    Galiza, á cola xunto con Canarias e Murcia

    Comunidade

    Gasto anual por persoa potencialmente dependente

    País Vasco

    3.102 €

    Extremadura

    2.757 €

    Media estatal

    2.100 €

    Murcia

    1.751 €

    Canarias

    1.492 €

    Galiza

    1.490 €

    O gasto por persoa beneficiaria tamén está por debaixo da media: 7.900€ en Galiza fronte aos 8.417€ estatais e aos 14.384€ do País Vasco. Estes datos veñen a corroborar o que dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) vimos denunciando dende hai tempo: a Xunta de Galicia está a dinamitar o sistema de dependencia. Mentres a Xunta fala de “investimento histórico”, na nosa organización entendemos que o modelo da Xunta está a recortar servizos profesionais e a disparar as prestacións económicas para coidadores familiares, unha práctica que é claramente ilegal, xa que a lei concibe esta axuda como excepcional e complementaria, non como primeira opción. Sabemos que non é só o número de valoracións realizadas, senón que estas estean ben feitas, cos informes técnicos adecuados, e que veñan acompañadas de prestacións que realmente faciliten a vida da persoa dependente e da súa familia, garantindo servizos e apoios de calidade.

    Na actualidade 39.600 persoas dependentes (son beneficiarios da axuda a coidador) en Galiza non reciben ningún servizo público; viven ao cargo exclusivo das súas familias, na súa maioría mulleres. A Axuda a domicilio a 01/01/2024 significaba o 28,37% e a de coidadores o 19,58%. Cómpre seguirmos denunciando que a Xunta prioriza as prestacións a coidadores familiares (a finais de abril o 25,51%), mentres reduce a axuda no fogar (que é o 14,46% sobre o total de prestacións).

    O modelo da Xunta: servizos profesionais á baixa, prestacións familiares á alza

    Comparativa decembro 2024 – decembro 2025 (fonte Imserso):

    Servizo / Prestación

    Variación

    Impacto

    Axuda a domicilio

    7,99%

    1.817 usuarias menos

    Centros de día/noite

    3,13%

    Redución continuada

    Atención residencial

    1,55%

    Redución continuada

    Prevención da dependencia

    1,91%

    Redución continuada

    Asistente persoal

    0,03%

    Practicamente desaparecido

    Prestación para coidadores familiares

    +4,77%

    +15.620 persoas (un 74% de incremento)

    Máis de 39.600 persoas dependentes sen ningún servizo público

    A 30 de abril de 2026, 39.635 persoas dependentes en Galicia (o 25,51%) están ao cargo exclusivo das súas familias, sen recibir ningún tipo de servizo público. Máis do 80% dos coidados recaen en mulleres, na súa maioría con grande dependencia. Preto de 1.000 dependentes con resolución de praza pública (centro de día ou atención residencial) agardan por unha praza.

    Dende o Sindicato Labrego Galego esiximos:

    1. Equiparación do investimento por persoa dependente á media do Estado.

    2. Reversión inmediata do modelo, freando o incremento de prestacións para coidadores familiares e recuperando e dotando adecuadamente os servizos públicos (axuda no fogar, centros de día, atención residencial, asistente persoal).

    3. Cumprimento do prazo legal de seis meses para resolver os expedientes de dependencia, acabando coas listas de espera que superan o ano.

    4. Constitución do grupo de traballo sobre dependencia no Consello Galego de Benestar Social (CGBS), onde podamos analizar a política de dependencia, entre outras cuestións, o impacto de xénero que o aumento de prestación a familiar coidador implica, así como a situación da dependencia nos concellos rurais, xa que nos consta que se ven desbordados pola xestión e financiamento do SAF, e tamén a convocatoria urxente do mesmo.

    Fontes:

    • Informe da Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais (20 de maio de 2026), baseado en datos certificados do Imserso e do Ministerio de Dereitos Sociais.

    • Estatísticas oficiais do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia (SAAD).