Novas

  • O SLG denuncia que a Xunta usa unha “escusa ridícula” para non crear o grupo de dependencia e négase a responder á Valedora pola non convocatoria do Consello Galego de Benestar Social

    O SLG denuncia que a Xunta usa unha “escusa ridícula” para non crear o grupo de dependencia e négase a responder á Valedora pola non convocatoria do Consello Galego de Benestar Social

    • 13,Mai 2026
    • Posted By : Sindicato Labrego
    • 0 Comments
    • consello galego de benestar social
    • sindicato labrego galego
    • valedora do pobo
    • A Xunta de Galicia comprometeuse no ano 2018 á constitución dun grupo de traballo de dependencia dentro do Consello para avaliar as políticas nesta materia; sete anos despois non se deu ningún paso neste sentido.

    • A Consellería de Política Social e Igualdade mostra desprezo á institución da Valedora do Pobo e vulnera o dereito da cidadanía a ser representada polas organizacións sociais no seo do Consello. Un paso máis na actitude antidemocrática desta Consellería.

    Galiza, 13 de maio de 2026. Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) vémonos na obriga de denunciar novamente a actitude da Consellería de Política Social e Igualdade respecto ao funcionamento do Consello Galego de Benestar Social (CGBS), unha actitude que evidencia desprezo ás organizacións sociais e á propia Valedora do Pobo de Galiza.

    Recordamos que a Xunta de Galicia comprometeuse no ano 2018 á constitución dun grupo de traballo de dependencia dentro do Consello para avaliar as políticas nesta materia; sete anos despois non se deu ningún paso neste sentido. Cando a Valedora do Pobo requiriu explicacións a raíz da queixa presentada pola nosa organización o 8 de xaneiro de 2026, a Consellería respondeu culpando a un recurso de inconstitucionalidade presentado polo Goberno Central en setembro de 2025.

    Parécenos unha explicación “ridícula” dado que:

    O compromiso é de 2018; o recurso é de 2025.

    A Xunta tivo sete anos para crear o grupo de traballo antes de que existise o recurso.

    Ademais, en febreiro de 2026, o Tribunal Constitucional xa levantou a suspensión provisional da norma impugnada.

    É evidente que o recurso non afecta á necesidade de debater e avaliar a aplicación da dependencia en Galiza.

    A escusa é a todas luces inaceptábel. A propia Valedora na última comunicación feita ao SLG reflicte o seguinte: “Porén, no caso de confirmarse a aprobación do grupo de traballo na data indicada, as razóns mencionadas non obstarían para a constitución, sen prexuízo de que o indicado poida ser alegado nos debates do grupo”.

    Na mesma queixa dirixida á Valedora no mes de xaneiro pola nosa organización faciamos referencia tamén á non convocatoria dos Plenos. A Consellería silencia por completo a cuestión central da queixa: por que non se convocou nin unha soa reunión do Pleno do Consello durante todo o ano 2025. O artigo 8.2 do Decreto 246/2011 é claro: “O Pleno reunirase, polo menos, en sesión ordinaria, unha vez ao ano”. Este mandato incumpriuse de forma flagrante en 2025. Ante o silencio da Consellería, a Valedora do Pobo viuse obrigada a realizar un segundo requirimento no mes de marzo de 2026, que a día de hoxe segue sen contestar.

    A Consellería mostra un desprezo á institución da Valedora do Pobo e unha vulneración do dereito da cidadanía a ser representada polas organizacións sociais no seo do Consello.

    Dende a nosa organización cremos que decidiron secuestrar o Consello Galego de Benestar Social, baleiralo de funcións e deixar de convocalo. E agora desprezan á Valedora do Pobo negándose a responderlle. Isto é un atentado contra a participación pública real; non deixa de ser un paso máis na actitude antidemocrática desta Consellería.

    Lembramos que a Xunta aproveitou a Lei 5/2024 (de acompañamento dos orzamentos) para modificar a Lei 13/2008 de servizos sociais, reducindo funcións do propio Consello. Iso non é casualidade, é unha estratexia co obxectivo de que o Consello non sexa un espazo de participación real e se converta nun órgano decorativo.

    Polo tanto, dende o Sindicato Labrego Galego, esiximos que:

    1. A Consellería responda claramente á Valedora do Pobo por que non se convocou o Pleno en 2025.

    2. Se convoque con urxencia e de forma presencial o Pleno do Consello.

    3. Se constitúa inmediatamente o grupo de traballo sobre dependencia comprometido en 2018, sen máis escusas.

    4. Se anule a modificación da Lei 5/2024 que reduce as funcións do Consello.

    Non imos permitir que se baleire a participación social e estudaremos todas accións incluídas as xudiciais para garantir o dereito da cidadanía a ser representada e escoitada nas políticas de servizos sociais.