Novas

  • O SLG denuncia que a “guía” da Xunta beneficia empresas, non a veciñanza

    O SLG denuncia que a “guía” da Xunta beneficia empresas, non a veciñanza

    • 07,Ago 2026
    • Posted By : Sindicato Labrego
    • 0 Comments

    O SLG denuncia que a guía práctica de avaliación ambiental anunciada por Rueda é un manual para conceder facilidades ás grandes empresas, mentres a cidadanía afectada fica sistematicamente excluída dos procedementos e sen acceso á información.

    O Sindicato Labrego Galego denuncia con contundencia a verdadeira natureza da guía práctica para a avaliación ambiental que a Xunta anunciou o pasado 3 de agosto. Lonxe de ser un instrumento para “axilizar e dar seguridade xurídica”, como presentou pomposamente o presidente Alfonso Rueda, o sindicato entende que se trata dun manual para conceder máximas facilidades ás empresas promotoras, que xa na actualidade reciben requirimentos de emenda sucesivos, prazos artificialmente alongados e centos de miles de euros en subvencións, mentres a cidadanía afectada é sistematicamente excluída dos procedementos.

    Unha ferramenta deseñada para facilitar, non para protexer

    A Xunta presentou a guía como “pionera en toda España” e destinada a reducir consultas e requerimientos de enmienda nos procedementos de avaliación ambiental. O que Rueda non explicou é que esa “agilización” non beneficia á veciñanza, senón aos promotores. O sindicato apunta que as empresas xa contan con multitude de asesores privados e acceso prioritario aos expedientes, mentres que os afectados enfróntanse a unha sistemática denegación da súa condición de persoa interesada e a unha opacidade inaceptable.

    “Esta guía é a puntilla: agora as empresas terán un manual para saberse todos os trucos, mentres a xente segue sen poder ver un expediente. É a institucionalización da dobre vara de medir”, denuncia o sindicato.

    Millóns para empresas, nada para a cidadanía

    O SLG recorda que, mentres a Xunta dedica recursos a “guías pioneras” para facilitarlle a vida ás grandes empresas, a Consellería de Economía e Industria outorgou 2,4 millóns de euros en axudas a empresas mineiras para actuacións vinculadas á “sostibilidade”. Neste mesmo contexto, Cobre San Rafael, empresa promotora do proxecto de reactivación da mina de Touro, recibe máis de 100.000 euros en axudas.

    Entretanto, a veciñanza afectada por estes megaproxectos carece dos medios máis básicos para defender os seus dereitos, o seu territorio e a súa saúde. A Xunta non investiu un euro en oficinas de asesoramento público, en acceso aos expedientes ou en medios para que a cidadanía poida participar nos procedementos. “Non é admisible, é vergoñento, que se destinen fondos públicos a guías para empresas que xa contan con grandes recursos, e que se deixe desatendida a veciñanza, que é quen vai sufrir os impactos ambientais e sociais”, denuncia o sindicato.

    Abadín e Touro: o patrón que se repite

    Os casos de Abadín e Touro exemplifican a discriminación sistemática. En Abadín, a empresa promotora apresentou documentación “incoherente, insuficiente e claramente deficiente” no plazo outorgado, e en lugar de declarar a caducidade do procedemento, a Administración abriu un segundo prazo de tres meses e suspendeu os prazos para resolver.

    En Touro, miles de veciños foron excluídos de forma arbitraria como persoas interesadas, impedíndolles participar e acceder á información sobre os impactos ambientais. Mentres tanto, Cobre San Rafael segue recibindo subvencións e a Xunta segue facilitando o proxecto.

    “En Touro xa o vimos, e agora en Abadín repítese o mesmo patrón: a cidadanía sobra, as empresas mandan, e agora a Xunta pon a guía para que todo sexa máis rápido… para elas”, denuncia o SLG.

    As esixencias do SLG á Xunta

    Dende o sindicato exixen de forma categórica que a Xunta rectifique a súa estratexia e poña os intereses xerais, a protección do medio ambiente e os dereitos da cidadanía por diante dos intereses particulares das empresas:

    1. Creación inmediata de oficinas de asesoramento público en cada provincia, con persoal funcionario especializado e independente, para atender gratuítamente a veciños e veciñas sobre os grandes proxectos, facilitándolles acceso aos expedientes e explicándolles os seus dereitos.
    2. Garantía efectiva do acceso universal aos expedientes, en formato dixital e presencial, sen trabas burocráticas nin escusas, máis alá das “guías” para promotores.