As catro provincias galegas están entre as máis caras de todo o Estado español.
O SLG pide a intervención urxente do presidente da Xunta pola especulación nos prezos do gasóleo agrícola e en xeral do combustíbel en Galiza.
As persoas agricultoras que chamaron onte para encargar o gasóleo agrícola encontráronse con enormes diferenzas, que cambiaban de hora en hora ou de lugar a lugar.
Galiza, 11 de marzo de 2026. O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) pide a intervención urxente do presidente da Xunta pola especulación nos prezos do gasóleo agrícola e en xeral do combustíbel en Galiza. As persoas agricultoras que chamaron onte para encargar o gasóleo agrícola encontráronse con enormes diferenzas, que cambiaban de hora en hora ou de lugar a lugar.
Onte mesmo a Coordinadora de Organizacións Agrarias e Gandeiras do Estado Español (COAG), da que forma parte o Sindicato Labrego Galego, denunciaba unha suba dende os 0,85 euros/litro ata 1,20 euros/litro en 7 días, un 41%. Se o consumo do Estado español cada ano está en 2.000 millóns de litros de gasóleo agrícola, esa suba de 35 céntimos suporía 700 millóns de euros ao ano.
As subas
A sorpresa íase producindo ao longo do día conforme a xente gandeira e agricultora galega contactaba coas respectivas gasolineiras e a esixencia de prezos que ían recibindo podían ir de 1,47 euros litros, 1,53 céntimos litro, 1,58 euros litro e ata 1,62 euros litro. Se tomamos esta última referencia de prezo, a suba en pouco máis dunha semana foi de 0,77, e suporía no consumo total anual unha suba de 1.540 millóns de euros. A suba do gasóleo agrícola en Galiza esta a ser máis do dobre da suba noutras partes do Estado. Esta mesma fin de semana saía o dato de que as catro provincias galegas están entre as 20 máis caras de todo o estado no prezo do combustíbel.
As subas realizadas até este momento responden a unha “anticipación especulativa” por parte dos “distribuidores”, realizando esas subas sobre stocks comprados a baixo prezo que xa teñen nos almacéns; o cal é realmente preocupante non só polo impacto actual senón polo que pode acontecer nas próximas semanas e meses.
Fertilizantes
Os fertilizantes son outro elemento fundamental nos custos de produción para as persoas agricultoras e gandeiras, e que de xeito totalmente inxustificado tamén están a experimentar unha suba especulativa. Segundo os datos de comercio exterior, as importacións de fertilizantes nitroxenados proceden esencialmente de Marrocos, Arxelia, Exipto e Rusia e ningún destas orixes dependen do Estreito de Ormuz, e do conflito en curso. Malia a todo, os prezos dos fertilizantes están incrementándose tamén día a día, polo efecto da suba, por exemplo, do 20% da urea e do 45% do prezo do gas. Estamos falando da ameaza para as persoas agricultoras e gandeiras, pero ao final do custo da alimentación, do transporte e da posibilidade de que as persoas consumidoras e os sectores poidamos afrontar este momento histórico no que non podemos deixar de condenar esta guerra imperialista iniciada polos Estados Unidos, contraria a toda a legalidade internacional, e as súas graves repercusións.
Solicitamos a actuación urxente do presidente da Xunta
Nun momento de crise excepcional coma esta precísanse a actuación urxente de organismos como a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia, e grupos de traballo do Estado e das comunidades con medidas eficaces e excepcionais, que no caso de Galiza deben ser lideradas pola Xunta de Galicia e o seu presidente. Neste momento temos noticia de que hai fondos financeiros e capital especulativo comprando contratos de futuros para obter ganancias millonarias. Hai que lembra que os carburantes e fertilizantes que se están a distribuír neste momento chegaron ao estado español con contratos previos á guerra de Irán. Por unha banda, o Estado español importa entre o 75% e o 83% do seu cru sen pasar polo Estreito de Ormuz e por outra estímase que o impacto nas compras reais se produzan a partir dos 60 ou 120 días a partir do conflito.
Renovación dos contratos do leite
Doutra banda, nestas datas, en vésperas de renovacións de contratos do leite, pedimos que nos novos contratos que se renoven se teña en conta esta crise do gasóleo e o que supón e vai supoñer a suba dos custos nas granxas galegas.