08/10/2024

O SLG demanda á Consellaría do Medio Rural respostas inmediatas en relación ao prato invertido

Arredor de 5.500 granxas de leite e 20.000 de carne expóñense a sancións porque a CMR non executou as súas competencias. Fai máis de medio ano, en plenas mobilizacións, a Consellaría afirmou contar cos estudos precisos para autorizar a excepción

En marzo soubemos por un medio de comunicación que o Ministerio de Agricultura asegurara por carta a Unións Agrarias (UUAA) que se podería utilizar o sistema do prato invertido para aplicar o purín, e que a Consellaría do Medio Rural (CMR) poría en marcha nas datas seguintes os mecanismos necesarios para, contando cos informes técnicos favorables, regular a aplicación dos xurros con prato invertido en Galicia”.

Xa pasou máis de medio ano e nada máis se soubo desta suposta autorización, anunciada á calor das mobilizacións agrarias deses meses. As gandeiras e gandeiros galegos seguimos expoñéndonos a sancións que poden chegar ata os 1.000€ por empregar un sistema non permitido dende o 1 de xaneiro, téndose dado xa casos de notificacións por utilizar o sistema de abanico .

Malia a que o Real Decreto 1051/2022, de 27 de decembro, polo que se establecen normas para a nutrición sostibles dos solos agrarios abre a posibilidade a que se autorice o uso do prato invertido deixando esta valoración como unha competencia da comunidade autónoma, é dicir, da Consellería de Medio Rural, o certo é que o texto definitivo publicado polo Ministerio non recolle a posibilidade de usar o prato invertido e segue a manter a exención das parcelas do 10% de pendente -se os recintos da granxa que superan este 10% son máis da metade das hectáreas totais ou se o total de recintos con pendente menor a 10% suman menos de 2 hectáreas-.

Por que a día de hoxe, e a pesares dos anuncios vitoriosos, o RD non contempla o uso do prato invertido?

Á vista do recollido mesmo, para que as granxas galegas podamos traballar ca tranquilidade básica e esencial de estar cumprindo a normativa vixente, só é preciso que a CMR confirme que o prato invertido é unha medida de mitigación de emisións avalada tecnicamente e recoñecida pola comunidade autónoma para a que se teña demostrado unha eficiencia similar á das medidas recollidas no Anexo V á hora de reducir emisións de amoníaco. Cuestión que, por outra banda, debería de resultarlle doada, habida conta de que xa no citado mes de marzo o daquela conselleiro, José González,  afirmou que se apoiarían en traballos realizados polo Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) que cuantifican a redución de emisións de amoníaco fronte ao uso do prato convencional.

Fai meses a Consellaría saíu anunciando que dispoñía de estudos que demostrarían a eficiencia do prato invertido para reducir as emisións de carbono. Dende o SLG esiximos que faga os informes pertinentes e que lexisle de xeito inmediato para autorizar ás granxas o uso do prato invertido. A súa deixadez está a comprometer a viabilidade económica das granxas, é unha absoluta irresponsabilidade, tanto por parte da Consellaría como doutros axentes do sector, trasladar informacións pouco veraces que poden carrexar fortes sancións ás persoas gandeiras”, advirte o coordenador do sector da carne no Sindicato Labrego Galego, Brais Álvarez.

Dende o SLG esiximos respostas e actuacións urxentes para dar solución a unha problemática que afecta a máis de 5.500 granxas de leite e preto de 20.000 de carne polo país. Demandamos á nova conselleira María José Vázquez que deixe de ser cómplice deste engano que pode supor milleiros de euros de perdas ao sector, que asuma as súas competencias e traballe para que sexa real o anuncio que venderon fai uns meses cando estabamos en plenas mobilizacións, porque o certo é que a día de hoxe non está autorizado o uso nin do prato nin do prato invertido para sacar o purín.