Cañete

04/12/2012

O SLG critica que o Ministerio de Medio Rural insista en medidas inútiles para o sector lácteo

O Sindicato Labrego Galego critica a exclusión da maioría das organizacións agrarias na convocatoria da xuntanza do sector lácteo organizada polo Ministerio de Medio Rural o 3 de decembro. Para o SLG, a proposta do Ministerio de convocar a Comisión de Seguimento do Convenio de Colaboración do Sector Lácteo, que só está formada polas organizacións que asinaron o pasado 29 de agosto o acordo de boas prácticas voluntarias da industria e da distribución (ASAJA-Xovenes Agricultores por parte das organizacións agrarias), é especialmente desafortunada neste intre no que se comezaban a encarreirar, dende Galiza, as negociacións para atopar solucións que poñan fin á peor crise sufrida polo sector lácteo.

Lamentamos que o ministro Arias Cañete insista en medidas que non deron resultado ningún e só lles garanta a interlocución ás organizacións que asinaron un acordo que ten demostrado que non serviu para mellorar o prezo do leite nas explotacións gandeiras, nin para que se rematase coas prácticas que daban orixe a eses prezos ruinosos.

Como ben quedou demostrado, os códigos de boas prácticas de carácter voluntario non serven para nada, pois dende a sinatura do 28 de agosto a industria e a distribución non cesaron de impoñer impunemente unhas condicións abusivas no mercado leiteiro, con prezos en orixe por baixo dos custes de produción.

Ademais, esta xuntanza chega xusto na semana na que se agardaba que o Ministerio convocase a todo o sector para poñer en marcha unha folla de rota con medidas claras e prazos concretos para que as explotacións leiteiras perciban prezos xustos, que remuneren o traballo e cubran os incrementos nos custos de produción, tal e como se comprometeu a Consellaría de Medio Rural o pasado 29 de novembro, en Compostela.

Para o Sindicato Labrego Galego, o sector produtor está nunha situación insostible e precisa de respostas inmediatas. O Ministerio debe liderar con carácter urxente o proceso iniciado por todo o sector nas xuntanzas coa Consellería para que se incremente o prezo nas explotacións leiteiras, garantindo a participación de todas as organizacións agrarias con representación; e concretando os cambios lexislativos que prohiban que calquera das partes poda vender a perdas. Mais o que vén de facer hoxe o Ministerio de Medio Rural non é nin unha cousa nin a outra. Pola contra, só convocou a quen está disposto a acatar as súas directrices e, indirectamente, extorsionou coa súa marxinación a aquelas organizacións críticas con políticas iniciadas polo Ministerio que se demostraron absolutamente ineficaces para resolver os problemas do sector lácteo.