
11/06/2016
O SLG considera inxustificable a ampliación do prazo para cobrar a PAC e pide a dimisión do comisario Phil Hogan
O Sindicato Labrego Galego considera inaceptable a decisión da Comisión Europea de ampliar o prazo para pagar as axudas da Política Agraria Común (PAC) dende o 30 de xuño de cada ano ao 15 de outubro. Con esta decisión, as axudas da PAC poderían cobrarse un ano e medio despois de ter sido solicitadas.
Para o SLG, esta ampliación responde á imposibilidade de facer fronte á xestión administrativa duns fondos de cuxo cobro depende a liquidez de miles de granxas na Unión Europea, sobre todo nun contexto no que as propias políticas agrarias da UE, baseadas dan liberalización e desregulación dos mercados e da produción, teñen sumido ao meirande dos sectores agrogandeiros nunha das peores crises de prezos dos últimos anos.
Precisamente, as axudas da PAC están a servir para paliar uns prezos ruinosos en orixe que non serven nin para cubrir os custes da actividade agraria. Estes prezos son só posibles grazas a un sistema lexislativo e a unhas políticas neoliberais que dan todo o poder ás industrias alimentarias e ás cadeas de distribución para extorsionar e impoñer ao seu antollo o valor dos alimentos que producen labregos e labregas. En resumidas contas, un sistema alimentario que se ceba con axudas públicas millonarias as cales, aínda que son percibidas por agricultores e agricultoras, en realidade só benefician ás industrias e ás distribuidoras, que poden pagar os produtos agrarios a uns prezos que non teñen nada que ver coa realidade e que levarían á creba a produción alimentaria de Europa se non se sostivese con eses fondos públicos das axudas da PAC.
Sectores como o lácteo, porcino, carne de vacún, cunícola, etc. levan máis de un ano sumidos nesta fonda crise de prezos, vendo como a Comisión, secundada polos ministerios de Agricultura dos estados, adopta feixes e feixes de medidas inútiles que non serven para nada mentres seguen a pechar miles de granxas en toda Europa e os prezos non paran de caer. Se por riba de aturar estas políticas nefastas, a Comisión de Agricultura é incapaz de xestionar correctamente a distribución dos cartos da PAC, entón non sabemos para que serve esta institución. Dende o Sindicato Labrego Galego, instamos á Consellaría de Medio Rural e ao Ministerio de Agricultura a opoñerse a esta nova ampliación do prazo para cobrar a PAC. Decisións como esta expresan perfectamente a impotencia e inutilidade do comisario Phil Hogan para resolver os problemas da agricultura europea, polo que dende o SLG animámolo a dimitir e deixar o seu posto a outra persoa que, cando menos, sexa competente.