
08/01/2024
O SLG-CCLL solicitará a execución da sentenza que subsana a discriminación de 10.000 granxas de carne realizada pola CMR no acceso á axuda convocada por mor da COVID-19
A Consellaría non respostou á solicitude de xuntanza rexistrada en outubro do 2023 para concretar a aplicación desta sentenza. Se este venres 12 de xaneiro seguimos sen contestación por parte da CMR, solicitaremos ao Tribunal a execución da mesma
Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) solicitamos no mes de outubro do ano 2023 unha xuntanza coa Consellaría de Medio Rural para debater como vai aplicar a Xunta de Galicia a sentenza favorable ao SLG onde se recoñece que as granxas de carne de menos de 10 vacas teñen dereito a cobrar a axuda que a Consellería de Medio Rural habilitou durante a COVID-19 e que esta excluíu de xeito deliberado.
Varios meses despois aínda non obtivemos resposta a dita solicitude, polo que, como avanzamos a pasada semana, estamos comezando a asumir que a Xunta de Galicia non ten intención ningunha de cumprir o ditado pola Xustiza.
Polo tanto, se nesta semana non recibimos contestación da Xunta verémonos na obriga de pedir a execución da sentenza. É a nosa responsabilidade facer que o ditado pola Xustiza se cumpra e que se garantan os dereitos desas máis de 10.000 granxas que quedaron excluídas de dita axuda por estratexias do Conselleiro.
Antecedentes da sentenza
En setembro do ano 2020 a Consellaría do Medio Rural publicou entre as Axudas Temporais e Excepcionais aos Sectores Agrarios máis Desfavorecidos pola Incidencia da Crise da COVID-19 (Orde do 28 de Outubro do 2020) unha prestación específica para o sector do vacún de carne.
As bases da mesma sinalaban como un dos criterios para poder solicitala ter un mínimo de 10 vacas nutrices. Este feito supuxo que, na práctica, esta axuda so a percibiran 4.621 granxas das case 19.000 que poderían ter sido beneficiarias. Isto implicou, por exemplo, que quedaran fóra desta axuda case a metade das 8.000 granxas de Ternera Galega Suprema.
Esta discriminación foi denunciada por parte do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) xa no momento mesmo da aprobación da axuda, ao tempo que paralelamente presentamos no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) unha demanda contra esta Orde e a Consellaría do Medio Rural.
En abril do 2022 o TSXG resolveu a favor da demanda do SLG e sentenciou anular o inciso 5.4 do texto, recoñecendo o dereito de todas as persoas titulares de explotacións de vacún de menos de 10 vacas -que non sexan de autoconsumo e teñan declarados ingresos pola actividade- a ser beneficiarias das axudas reguladas na Orde impugnada.
A Consellaría do Medio Rural, non conforme con esta sentenza e visibilizando claramente a súa vontade de impedir o acceso das pequenas e medianas granxas a este financiamento público, recorreu ante o Tribunal Supremo (TS).
En Outubro do 2022 o Tribunal Supremo rexeitou o recurso da CMR, mantendo en firme a sentenza favorable ás esixencias do SLG. Dende o SLG demandamos entón á CMR que de xeito inmediato subsanase este importante agravio contra as granxas que foron excluídas desta axuda, reparando o dano causado, ao tempo que, a fin de establecer unha liña de traballo conxunto que facilitase a aplicación da mesma, cursamos a devandita solicitude de xuntanza á que a CMR inda non respostou a día de hoxe.