25/10/2023
O SLG-CCLL pídelle á CMR medidas concretas contra as industrias que lideran a destrución da cadea de valor no leite
Precisamos un plan galego urxente para loitar contra a Enfermidade Hemorráxica Bovina (EHE)
A Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), a gandeira Isabel Vilalba, participou na tarde de onte en Santiago de Compostela canda representantes doutras organizacións agrarias na xuntanza convocada pola Consellaría do Medio Rural (CMR) para abordar distintas problemáticas que están a afectar ás granxas de produción láctea.
Malia atoparnos nun escenario de continuas baixadas no prezo do leite, agravado polas perdas vinculadas a problemáticas como a Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) ou a praga de vermes que afecta aos prados e cultivos, nin o Conselleiro José González Vázquez nin o Director Xeral de Ganadería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Silvestre José Balseiros, acudiron a este encontro con medidas concretas para frear a estratexia de presión das industrias cara as granxas.
Historicamente na Galiza estase pagando leite con mellores calidades 5 ou 6 ct/l. por baixo doutras producidas noutras partes do Estado con menos calidades. A CMR, pola súa banda, afirmou que considera que esta situación non é tolerábel, pero insiste en recomendar que as agrupacións de persoas gandeiras e as Organizacións de Produtores de Leite (OLP) negocien os prezos, malia comprobarse con claridade que as industrias teñen capacidade de impor os prezos, e dado que a Consellaría segue sen aportar ferramentas para defender a posición do sector produtor, non teñen necesidade de aceptar ningún tipo de negociación.
Así, a Secretaria Xeral do SLG incidiu novamente na preocupación polas continuas baixadas de prezos, que dende comezos de ano supón unha media de 11ct/l. salientando a actitude irresponsable de industrias como Leite Río, que co obxectivo de empregar o leite como produto reclamo na gran distribución está protagonizando unha política moi agresiva de prezos e que, ao ser a industria galega que lidera a recollida no noso país, está a provocar baixadas tamén por parte doutras empresas.
Esta desvalorización do leite vén acompañada tamén de estratexias de coacción que colocan ás gandeiras e gandeiros na situación de ter que aceptar contratos a moi curto prazo, en ocasións cada dous meses, malia a estar estipulado que os contratos deberían ter unha duración de alomenos 12 meses -salvo renuncia por parte da persoa gandeira, que de darse é por ameazas de baixada de prezo-, o cal dificulta a viabilidade das granxas ao non poder traballar con perspectivas económicas estables no tempo.
Esta situación responde ao actual modelo de confección de prezos, incidiu Vilalba, no que as industrias impoñen unilateralmente condicións inaceptables dende o punto de vista da viabilidade económica das granxas, e que as gandeiras e gandeiros se vén obrigados a aceptar ante a inexistencia do establecemento de indicadores oficiais por parte da administración, así como do seu tradicional desleixo á hora de seguir e sancionar as prácticas abusivas das industrias lácteas na cadea de produción.
Canda os problemas para acceder a prezos do leite que cubran custos de produción e remuneren o traballo, dende o SLG-CCLL puxemos enriba da mesa os prexuízos económicos derivados de cuestións vinculadas á enfermidade hemorráxica epizootica (EHE) e á xestión de pragas.
Por unha banda, como xa vimos denunciando nos últimos meses, son numerosas as explotacións que están tendo problemas ca enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE). Na Consellaría, en cambio, relativizan esta incidencia remitíndose a datos do Ministerio, sen ter en conta que para as granxas que se ven afectadas pola mortalidade e perda de produción derivada da EHE pode conlevar o seu peche, mesmo daquelas nas que se acaba de incorporar xente moza ou ten unha perspectiva de futuro. A Secretaria Xeral do SLG-CCLL solicitou que a Consellaría active un plan específico para estes casos, ao tempo que reiterou a importancia de que se potencie a investigación sobre estas novas enfermidades presentes no nosos territorio e se activen medidas. A CMR recoñeceu que hai unha carencia de persoal veterinario neste momento na administración galega, e que non se está a desenvolver traballo conxunto ca Facultade de Veterinaria de Lugo.
Tanto esta cuestión, como outras tales como a praga de vermes que está afectando a pradeiras e cultivos, está directamente relacionada co quecemento global, apuntou Isabel Vilalba, dando lugar ao simultaneidade de múltiples ameazas para a produción alimentar que non deben ser afrontadas en solitario polas granxas, se non a través do deseño de plans de actuación específicos baseados en investigacións científicas que aclaren as causas destas circunstancias e establezan medidas claras para atallalas.