
16/12/2022
O SLG-CCLL leva unha vez máis o debate sobre a invasión eólica nas Reservas da Biosfera
Reiteramos a demanda de activación inmediata dunha moratoria á instalación de polígonos industriais nas Reservas da Biosfera. Solicitamos coñecer a evolución do informe iniciado polo Comité Científico do Programa MaB da UNESCO a finais do 2021
O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas voltou levar aos Órganos de Participación da Reserva da Biosfera (RB) Os Ancares e Terras Lucenses e da RB Terras do Miño (Deputación de Lugo) o debate sobre a invasión eólica do medio rural galego e, nomeadamente, a proliferación de solicitudes de parques eólicos nestes espazos protexidos.
Margarida Prieto Ledo, vogal do SLG nestes órganos e representante do Sindicato na Rede Galega Stop Eólicos (RGSE), solicitou durante a sesión da RB Os Ancares e Terras Lucenses saber o estado no que se atopa o informe iniciado a finais do 2021 por parte do o Comité Español do Programa MaB da UNESCO a raíz das incidencias 8/2021 e 9/2021 rexistradas por varios colectivos sociais, entre eles o SLG [Intervención a partir de 1h11´].
En resposta a esta intervención, persoal técnico da Deputación de Lugo confirmou que o informe estaba a ser redactado, e que o pasado mes de setembro o Comité científico solicitou á Reserva da Biosfera información relativa ao número de polígonos industriais eólicos nestas zonas protexidas na provincia de Lugo, contabilizándose un total de 39: 21 polígonos en Terras do Miño, 12 nos Ancares e 8 no resto de provincia de Lugo. Tamén sinalaron que se agarda a presentación dun primeiro borrador antes de final de ano -que será posto a disposición pública-, que terá que ser avaliado na reunión do comité MaB de setembro 2023 -agás reunión extraordinaria-.
Margarida Prieto reiterou a necesidade de que por parte do Órgano Xestor desta Reserva sexa solicitada unha moratoria á administración Galega á hora de emitir as Declaracións de Impacto ambiental sobre os proxectos industriais en tramitación dentro das Reservas de Biosfera, como mínimo até que sexan publicadas as conclusións do estudo do Comité científico.
A vogal do SLG subliñou a lentitude ca que está a evolucionar este procedemento, así como a previsión de que se dilate inda durante varios meses máis, o que claramente contrasta co acelerado ritmo de tramitación de novas solicitudes de polígonos industriais eólicos por parte da Xunta de Galicia e o Ministerio. “Non entendemos as reticencias a pedila. É unha moratoria precisamente polo que poida pasar, non debería estar suxeita ao que diga o informe”, apuntou Margarida Prieto. Finalmente foi recollido en acta como “rogo”o traslado por parte do Órgano de Participación ao Órgano Rector de realizar a solicitude de moratoria.
Asemade, durante a súa intervención no Órgano de Participación RB Terras do Miño a vogal do SLG interesouse tamén pola moratoria solicitada polo Sindicato Labrego fai un ano tamén para esta RB, ao que o persoal técnico respostou que esta solicitude non fora aprobada polo correspondente Órgano Rector -ao igual que pasou na RB Ancares e Terras Lucenses- polo que Margarida Prieto solicitou tamén que a reiteración desta petición fose recollida en acta como “rogo” e trasladada novamente ao Órgano Rector, subliñando o aceleramento de presentación e xestión de proxectos en Terras do Miño, e a necesidade de que a moratoria sexa activada antes de que a desfeita xa non teña volta atrás e careza de sentido.
De feito, cómpre sinalar que ao día seguinte destas xuntanzas foi aprobado o polígono industrial Picato na Reserva da Biosfera Terras do Miño.
A vogal do SLG interesouse tamén por coñecer se había algún tipo de novidade nos informes sobre as minas da Terra Chá (1h03´45´´) que veñen sido solicitados dende o ano 2013. O persoal técnico confirmou o resixtro de incidencias dende o ano 2020, producíndose a reactivación en maio do 2020 do expediente a solicitude do SLG e solicitándose informes a distintas administracións para a realización dun documento final por parte do Comité Científico do Comité MaB, pero inda non se reicibiu informe preliminar algún, polo que a incidencia fica aberta e a investigación en curso.
Margarida Prieto tamén solicitou coñecer o estado dos informes referidos á ampliación da mina de San Acisclo en Muras (27´13´´), incidencia aberta polo Comité MaB tamén a raíz dunha denuncia realizada polo SLG. O persoal técnico informou que o 16 de marzo o Comité solicitou información á Deputación, sendo esta remitida no mes de abril, con valoración desfavorábel ao proxecto. A vogal do SLG solicitou unha copia deste informe enviado pola RB Terras do Miño ao Comité MaB.
Informe Unesco
Antes as denuncias presentadas polo SLG e máis colectivos sociais no ano 2021, o Consello Científico - órgano asesor do Comité MaB do Organismo Autónomo Parques Nacionales (OAPN) do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico- acordou propor ao Comité Español do Programa MaB a realización dun informe conxunto sobre as incidencias dos parques eólicos nas Reservas de Biosfera de todo o Estado, a fin de poder analizar as disintas casuísticas que inciden nas Reservas. O Comité Español do Programa MaB, pola súa banda, acordou encargar ao Consello Científico un estudo sobre a viabilidade de instalacións eólicas, fotovoltaicas e temo solares -incluída a repotenciación-, así como das súas infraestruturas asociadas, en territorios estatais declarados Reserva da Biosfera.