
04/10/2012
O SLG apoiará as explotacións leiteiras que se neguen a asinar contratos que non cubran os custes de produción
Convocados e convocadas polas tres organizacións agrarias galegas (SLG, UUAA e XXAA), un milleiro de gandeiros e gandeiras de toda Galiza concentráronse hoxe, 4 de outubro, diante da Consellaría de Medio Rural, en Compostela, para protestar polos baixos prezos do leite. Ademais, fíxose unha marcha ao redor dos edificios administrativos de San Caetano, e os secretarios xerais de UUAA e XXAA, e a secretaria xeral do SLG, mantiveron un encontro co director xeral de Produción Agropecuaria da Xunta, José Álvarez Robledo, para tratar esta cuestión.
En palabras da secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane, “estamos hoxe aquí para denunciar as políticas de abuso e estrangulamento que está a sufrir o sector leiteiro. Un abuso que é aínda maior cando se lle suma a indiferencia e o abandono por parte das institucións que nos deberían defender”. Neste senso, Vilalba denunciou a inxustiza de termos o prezo do leite en orixe máis baixo do Estado español, cunha media de 28 céntimos, pero con máis de 9.000 explotacións que están vendendo o litro a 27 céntimos e incluso a menos. Isto contrasta con outras comunidades como Asturias, onde o prezo está en 32 céntimos, ou Andalucía, con 33 céntimos por litro. Na zona euro acontece outro tanto, con valores de 32’5 céntimos de media no Reino Unido e Francia. Fronte a estes prezos, os custes de produción no sector están en 36 céntimos de media por litro. Estes valores ruinosos do leite levaron a que pechasen máis dun milleiro de explotacións leiteiras en todo o Estado no último ano, das cales a metade eran galegas; e a que o sector perdese de ingresar, na Galiza, 40 millóns de euros.
Lonxe de amañar as cousas, o Ministerio de Agricultura precipitouse ao facer obrigatorio un contrato sen que haxa posibilidade, aínda, de negociar uns prezos dignos. Isabel Vilalba denunciou, tanto diante dos e das manifestantes como na xuntanza con Álvarez Robledo, “a entrada en vigor dun contrato obrigatorio que, se o poñen en marcha na conxuntura actual, fixaría unhas condicións ruinosas para o sector. É o único que nos fai falta, que nos obriguen a asinar a nosa ruína”. Respecto disto, o director xeral de Produción Agropecuaria, emprazou aos sindicatos a unha xuntanza en Madrid, o vindeiro 9 de outubro, na que se van debater estas cuestións. Mais, en canto non haxa solucións, Isabel Vilalba asegurou que o Sindicato Labrego Galego ía apoiar a todas aquelas explotacións que se neguen a asinar contratos que non cubran, cando menos, os custes de produción.