16m

14/03/2025

O SLG anima á cidadanía a visibilizar unha vez máis o rexeitamento social a Altri-Greenalia

Mobilizacións convocadas para este domingo 16 e manifestación por terra e por mar para o sábado 22 de marzo. A instalación desta macrocelulosa destruiría milleiros de postos de traballo relacionados ca produción de alimentos na comarca

A nova da aprobación da declaración de impacto medioambiental (DIA) da macrocelulosa que as empresas Altri e Greenalia queren construír na Ulloa malia ao claro rexeitamento social e ás numerosas alertas lanzadas dende institucións como o Consello da Cultura Galega e infinidade de organizacións e colectivos sociais, como o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas, vén constatar o trato escuro e o carácter antidemocrático que arrodea a xestión deste proxecto dende o seu inicio”, así centra a Secretaria Xeral do SLG, Isabel Vilalba, a decisión feita pública no día de hoxe, que confirma a aposta por esta fábrica manifestada publicamente de xeito reiterado pola Xunta de Galicia.

Efectivamente, a sensación que temos con este proxecto é dunha aposta decidida pola súa aprobación por parte do executivo galego alén da necesaria compilación de toda a información precisa para poder proceder a unha valoración coherente dos seus impactos.

Ao mesmo tempo, constatamos que conclusións científicas como as recollidas no informe elaborado polo Consello da Cultura Galega, do que dende o SLG dimos conta pormenorizadamente durante a realización da última edición do Foro Labrego de Agroecoloxía -recentemente celebrado na comarca da Ulloa-, son desbotados pola administración galega malia contar con total lexitimidade técnica e amosar resultados contundentes na identificación dos prexuízos sociais, medioambientais e económicos que tería esta industria.

Na liña de confirmar as nosas sospeitas con respecto ao exacerbado apoio da Xunta de Galicia a certo tipo de proxectos, como os macropolígonos eólicos, minas ou esta macrocelulosa, fai apenas uns días coñecemos a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que anula parte dun decreto da Xunta por privatizar de forma parcial los procedementos de avaliación ambiental. Dende o SLG imos facer un seguimento pormenorizado do procedemento mediante o cal tivo lugar a elaboración da DIA aprobada a Altri, xa que, canto menos, sabemos polos medios de comunicación que o informe de Augas foi elaborado por una empresa privada. En canto recabemos máis información activaremos todas as liñas de traballo posibles para opoñernos a este monstro, incluída a vía xudicial se corresponde”, advirte a Secretaria Xeral do Sindicato Labrego.

Para o SLG resulta especialmente preocupante ademais o impacto que tería esta factoría na produción alimentar que ten lugar na contorna de 40km de afectación mínima desta industria, na que hai máis de 5.000 granxas produtoras de alimentos, nas que tamén viven persoas que se verían tamén afectadas. Aliás, trátatase dun territorio no que precisamente contamos cunha marcada presenza de produción alimentaria de calidade destacada, acollendo numerosos proxectos proxectos ecolóxicos, algúns deles referencia para toda Galiza. Melide é ademais a sede do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida (DOP) Arzúa Ulloa e tanto a DOP Queixo de Tetilla como a Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia teñen produción nos concellos afectados.

Por outra banda, precisamente concellos como Melide e Santiso veñen de ser incluídos como Zona Vulnerable por Nitratos (ZVN) por parte da propia Xunta, contexto no que canto menos resulta inapropiado tan sequera valorar instalar unha macrofábrica de fibras textís como a proxectada, da que se calcula que verterá diariamente 30 millóns de litros de auga con substancias químicas, toneladas de nitróxeno e unha contaminación medioambiental que ronda o medio cento de kilómetros.

Abondando nos prexuízos que esta fábrica para producir téxtil de celulosa implicaría para unha actividade verdadeiramente esencial para a cidadanía como é a produción alimentar, cómpre ter en conta que os concellos ameazados por Altri-Greenalia están xa a día de hoxe particularmente afectados pola diminución de Superficie Agraria Útil, posto que o destino dunha alta porcentaxe das terras é a forestación, principalmente con eucaliptos, cuxo monocultivo veríase intensificado de ser instalada esta macrocelulosa. Por se fora pouco, a captación dende o encoro ao longo de fincas de concentración faríaas na súa maior parte inservibles nas parroquias de Santa Maria de Barazón (608 ha) e Arcediago – Rairiz (754 ha), e a liña eléctrica de subministro iría pola concentración Monte Grande de Vimianzo.

Fronte á predisposición da Xunta de Galicia a favorecer un proxecto no que, cabe lembrar, ten intereses directos unha destacada integrante do Partido Popular como é Beatriz Mato, anterior conselleira de medioambiente e actual directiva da empresa Greenalia, animamos a toda a cidadanía a sumarse ás mobilizacións convocadas pola Plataforma Ulloa Viva para este domingo 16 de marzo, así como ás manifestacións por terra e por mar que van ter lugar o sábado 22 con saída dende a Pobra do Caramiñal (adxuntamos cartaces). Estamos seguras de que novamente o pobo galego sairá a deixar claro o contundente rexeitamento a este negocio co que dúas empresas pretenden enriquecerse á costa da saúde das persoas, o medioambiente e a destrución de importante parte do tecido produtivo da comarca.