cartaz15D

12/12/2024

O SLG anima á cidadanía a amosar o seu rexeitamento a ALTRI-Greenalia nas rúas da capital galega

Mobilización convocada polas plataformas Ulloa Viva e na Defensa da Ría de Arousa este domingo 15 ás 12h en Compostela. Máis de 5.000 granxas produtoras de alimentos veríanse afectadas pola contaminación nun radio de até máis de 40km

Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) apoiamos e animamos a toda a cidadanía a participar na manifestación contra a macrocelulosa que as empresas Altri e Greenalia queren construír na comarca da Ulloa, convocada pola plataforma Por unha Ulloa Viva e En Defensa da Ría de Arousa para este domingo 15 de decembro na capital galega baixo o lema A Xunta non pode calar a todo un país. Foron habilitados autobuses dende múltiples puntos da xeografía galega para achegarse a Santiago de Compostela.

Como temos alertado reiteradamente, alén dos prexuízos medioambientais que suporía o verquido diario de 30 millóns de litros de auga con substancias químicas e a contaminación medioambiental nun radio de alomenos 40km, repercutindo directamente na calidade de vida da poboación da Ulloa, esta megafactoría -que ademais aspira a levarse 250 millóns de euros do erario público- destruiría milleiros de postos de traballo relacionados coa produción alimentar.

Mapaltrinon

A día de hoxe, na contorna de 40km de afectación mínima desta industria hai máis de 5.000 granxas produtoras de alimentos. De feito, precisamente nos catro concellos principalmente afectados temos unha importante produción agraria, sumando un total de 758 granxas con distintas orientacións produtivas. Palas, Melide, Santiso e Agolada teñen 258 granxas que producen 82.193.664 litros de leite/ano, por poñer un exemplo.

As persoas que traballan producindo alimentos nesta contorna xa están a día de hoxe particularmente afectadas pola diminución de Superficie Agraria Útil (SAU), posto que o destino dunha alta porcentaxe das terras da comarca é a forestación, principalmente con eucaliptos. Ademais dos perigos derivados da contaminación de terra, aire e auga, a apertura dunha macrocelusosa agravaría tamén esta problemática. Os seus prexuízos afectarían tamén á área da Ría de Arousa, impactando de xeito directo noutros sectores produtivos como o marisqueo, a pesca ou o turismo -con sensibles consecuencias no Camiño de Santiago-.

Dende o SLG opoñémonos ao proxecto GAMA de Altri e Greenalia dende o primeiro momento. Canda a denuncia da súa afección na produción agroalimentaria, elaboramos un mapa detallado da área de afección desta macrocelulosa dez veces maior ca de Ence en Pontevedra, solicitamos a realización de informes de impacto ás tres Reservas da Biosfera afectadas; dinamizamos a presentación de alegacións, puxemos os nosos locais en toda Galiza a disposición para a súa recollida, solicitamos ampliación do prazo de presentación e condenamos publicamente a tentativa da Xunta de Galicia de deslixitimar este proceso de participación social.

O proxecto GAMA é claramente rexeitado, non só pola propia poboación da contorna onde foi planificada a súa instalación, senón tamén por unha significativa parte da poboación galega, como así ficou patente na histórica manifestación celebrada en Palas de Rei o pasado 26 de maio.

Outra mostra da gran oposición social existente é o feito de que a Xunta de Galicia se vira na necesidade de declaralo Proxecto de Interese Estratéxico (PIE) para poder “encaixar” a súa tramitación.

Como é sabido, esta é unha figura inventada ad hoc polo Goberno galego para diluír requisitos medioambientais en proxectos especialmente lesivos para a saúde das persoas e do medioambiente, e moi habitualmente cunha forte e consciente a oposición social aos mesmos.

Baixo a denominación PIE a Xunta de Galicia outorga privilexios a determinadas empresas, conectadas con elites económicas e/ou políticas galegas -no caso de Altri e Greenalia é ben coñecido que un dos máximos cargos directivos nesta última é Beatriz Mato, a ex-conselleira do Partido Popular en materia de medioambiente-, permitíndolle por exemplo expropiar de xeito forzoso as terras da veciñanza, acelerar a tramitación ou limitar á metade do legal o tempo de exposición pública, poñendo deste xeito significativos impedimentos para dificultar que a cidadanía poda estar informada e defenderse dun plan de negocio industrial que prexudica gravemente á poboación e ao territorio.

Dende o Sindicato labrego temos claro, como tivemos sempre dende fai 50 anos, que a defensa da terra pasa por impedir que se leven adiante este de este tipo de proxectos e preservar a nosa base territorial para a produción de alimentos para a cidadanía, dotando as nosas granxas de base territorial suficiente para ter un modelo agroecolóxico e acadar a soberanía alimentaria”, reivindica a coordenadora da loita contra o acaparamento de terras, Margarida Prieto Ledo. “Este domingo 15 en Santiago de Compostela demostraremos unha vez máis que xuntas somos máis fortes e que esta macro celulosa ímola parar”.

slg altri non