
10/10/2014
O SLG analizará con labregos e labregas o novo decreto que regula a venda directa de alimentos na Galiza
O Sindicato Labrego Galego vén de convocar unha asemblea aberta con agricultores e agricultoras que practican a venda directa na comarca de Compostela. O motivo do encontro é analizar o Decreto 125/2014 que regula a venda directa de produtos primarios dende as explotacións na Galiza, publicado pola Xunta no DOG o pasado 30 de setembro, e que está a crear confusión no sector debido aos moitos rumores provocados pola difusión de novas erróneas e contraditorias ao respecto, situación fomentada pola falta de información sobre este tema dende a Consellaría de Medio Rural.
A xuntanza terá lugar no local comarcal do Sindicato Labrego Galego (rúa Ofelia Nieto 13-23, Compostela) o vindeiro martes, 14 de outubro, ás 15:30 horas. Neste encontro, amais de informar polo miúdo verbo do decreto, analizaranse os puntos de mellora cos que Medio Rural debería modificar o texto para adaptalo á nosa realidade agraria e aos nosos mercados locais e feiras. Dende o Sindicato Labrego Galego animamos a participar libremente nesta xuntanza e nos debates que haxa sobre a cuestión a todas aquelas labregas e labregos que teñan interese polo tema.