Novas

  • O SLG alerta sobre os efectos negativos no sector que pode traer unha futura firma dun tratado de libre comercio con Australia

    O SLG alerta sobre os efectos negativos no sector que pode traer unha futura firma dun tratado de libre comercio con Australia

    • 18,Feb 2026
    • Posted By : Sindicato Labrego
    • 0 Comments
    • sindicato labrego galego
    • soberanía alimentaria
    • tratado ue-australia
    • tratado ue-mercosur
    • O Sindicato Labrego Galego mostra a súa preocupación ante o intento da UE de firmar un novo acordo de libre comercio con Australia, onde unha vez máis se negocia coa alimentación.

    • Ao mesmo tempo que a Comisión Europea co apoio de, entre outros, o Estado español e os grupos europeos do PPE (Partido Popular Europeo) e do S&D (Socialistas), intenta aplicar sen esperar a xustiza o Mercosur, tamén pretende acelerar o proceso de negociación dun tratado de libre comercio con Australia.

    Santiago de Compostela ,18 de febreiro de 2026. Ao mesmo tempo que a Comisión Europea, xunto cos Estados a favor e os dous principais partidos no Parlamento Europeo (PPE e socialdemócratas) queren impoñer a entrada en vigor do tratado co Mercosur dun xeito totalmente antidemocrático e sen esperar á resolución da xustiza Europea sobre a validez do mesmo, a Comisión Europea segue avanzando na súa política de promover o libre mercado e a mínima intervención estatal coa firma dun novo tratado de libre comercio con Australia.

    Un tratado, alertan dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), que unha vez máis pretende utilizar por parte da UE o sector primario como pedra de cambio coa conseguinte perda de soberanía alimentaria dentro da UE que isto suporía.Australia é un dos grandes produtores a nivel mundial de ovino e bovino e, polo tanto, ten moito interese en eliminar os seus aranceis para que estes produtos entren na UE e a UE unha vez máis está disposta a ceder”, denuncia o Secretario de Acción Sindical, o apicultor Brais Álvarez.

    Un acordo que xera moitas dúbidas

    O UE-Australia é un tratado que leva anos negociándose. Con todo, até o de agora, estaba parado porque xeraba moitas dúbidas a Europa polos efectos que podía supoñer no sector primario. “O actual executivo de Ursula von Leyen ten claro que sectores económicos quere potenciar a nivel interno da UE e cales queren que sexan autónomos dentro da mesma, e ten claro que a agricultura e a gandaría non é un deles e non está por garantir unha seguridade de subministro e autosuficiencia de alimentos á cidadanía, por iso se permite o luxo de negociar coa alimentación”, esclarece Álvarez.

    Bovino e ovino sen aranceis

    Dende o Sindicato Labrego Galego temos constancia dos intentos da Unión Europea por acelerar a sinatura deste tratado con Australia, como así ocorreu nas reunións mantidas entre as partes en Bruxelas o pasado 12 e 13 de febreiro e, ademais, estase negociando a entrada en Europa sen aranceis de carne de bovino e ovino.

    No caso da carne de bovino actualmente Australia exportaba a Europa cun arancel reducido -3389 TM de carne ao ano-, e pide agora á UE para a sinatura deste tratado que estas suban a 40000 TM ano, mentres a súa industria exerce presión para que estas alcancen as 50000 TM ano, e igual os beneficios que actualmente ten Canadá nas súas exportacións cara a Europa ofrecendo neste momento á UE aumentar até as 30000 MT ano.

    No caso do ovino, cómpre destacar que Australia é unha das cabanas máis grandes do mundo. Actualmente exporta con taxa reducida a Europa 5851 TM ano de carne de ovino e demanda que estas alcancen co presente acordo as 67000 TM ano, é dicir, 12 veces máis que a cantidade actual. Nese senso, exercen presión para alcanzar esta cantidade falando dun trato desigual fronte a terceiros como Nova Zelandia que actualmente exporta 125000 TM de carne de ovino noutro acordo de libre comercio asinado con Europa.

    A perda da soberanía alimentaria en Europa e o peche de granxas

    Dende o SLG-CCLL advertimos de que “moito se ten intentado vender as bondades do Mercosur nos últimos días, con mentiras e medias verdades, cando o MERCOSUR realmente é unha gota no océano, un exemplo máis dunha política económica europea que leva primando moitos anos determinados sectores mentres condena o peche as nosas granxas e compromete o acceso aos alimentos da poboación Europea, e este novo intento de firma do tratado con Australia así o demostra”, afirma o Secretario de Acción Sindical do SLG. A organización alerta de que a política de asinar tratados de libre comercio a cambio de permitir a entrada na UE de alimentos “é algo que leva ocorrendo os últimos 20 anos como así o demostra o CETA firmado con Canadá en 2017, o intento de asinar o TTIP en 2015 ou o acordo con Nova Zelandia no marco da OMC no 2024”.

    Que hai detrás destes acordos?

    Detrás destes acordos de libre comercio está a imposición dun modelo económico totalmente neoliberal ao que dende o SLG-CC.LL levan décadas opoñéndose. O movemento antiglobalización nace nos anos 90 como oposición á política económica global imposta polo Banco Mundial, o FMI ou a OMC e xa daquela denunciabamos as consecuencias no acceso á alimentación das poboacións de todo o mundo ao estar artellándose un modelo de produción de alimentos baseado nas exportacións e importacións que se materializa agora nos tratados de libre comercio”, explica o apicultor. No SLG insisten na necesidade de reparar nestes tratados de xeito conxunto e non como pezas separadas. Aqueles que nos queren vender que son positivos, van tratar de vendérnolo por separado e tentando explicar supostas bondades que cada tratado tería para nós. Pero a realidade é que se os vemos de xeito conxunto detectamos que hipotecan o futuro das nosas granxas xa que na maioría deles o punto en común é a suma de produtos como a carne de bovino ou ovino, entón agora xa non falamos de 99000TM de carne de bovino do Mercosur, senón que falamos de 90000TM de carne de bovino do Mercosur ás que sumamos 30-40000TM de Australia, as 45000TM con Canadá, as 10000 TM de Nova Zelancia…”.

    Por último, dende o Sindicato Labrego Galego advirten: “Non nos deixemos enganar coas supostas cláusulas de protección no Mercosur, non é o primeiro tratado de libre comercio que se asina e nos anteriores tratados estas nunca foron aplicadas. O único claro é que cada tratado que se firma fai máis difícil estabilizar un mercado e percibir un prezo digno en orixe tanto para as producións de aquí como de alá, e vese claramente cando observamos que é tanto o mel que Arxentina destina a exportación (60000TM dunha produción de 75000TM) que non queda mel para o consumo interno e as produtoras de alí non cobren custos tentando agora organizarse a través de IXPs para tentar quitar o xugo das empresas exportadoras”, denuncia Álvarez. Así mesmo recalcan que nos próximos días tentarán saber que pensa tanto a Xunta de Galicia como o goberno do Estado do futuro tratado UE-AUSTRALIA. Dende o SLG trataremos de que toda a sociedade e o sector estea ao tanto deste novo tratado que nos aperta un pouco máis e que todo o mundo se decate do que supón unir un tratado con outro.