Eucalipto

16/03/2021

O SLG alerta do incremento na plantación de eucaliptos para eludir a moratoria anunciada por Medio Rural

O Sindicato Labrego Galego vén de rexistrar un escrito dirixido á Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal advertíndolle do efecto chamada que provocou o anuncio de impoñer unha moratoria na plantación de eucaliptos na Galiza. Se ben estamos de acordo coa moratoria, pensamos tamén que esta debe establecerse de maneira inmediata, cun regulamento concreto e claro para o seu desenvolvemento, e con suficientes recursos para garantir o seu cumprimento pois, do contrario, e contra máis se agarde, podería provocar un resultado oposto ao pretendido, isto é: Que aumente aínda máis a superficie de eucalipto.

De feito, agora mesmo, estamos a recibir numerosas queixas nas nosas oficinas comarcais sobre persoas propietarias de fincas que están a realizar novas plantacións para eludir a moratoria, mesmo en fincas de uso agrícola aproveitándose da inacción da Consellaría de Medio Rural diante das infraccións por forestación de terras agrarias.

Diante desta situación, dende o SLG solicitamos de Ordenación Forestal que se intensifiquen as tarefas de seguimento e control das plantacións ilegais (en terreos de uso agrícola, en parcelas poboadas por frondosas, en zonas de espazos protexidos, etc...), reforzando os recursos para tal fin, en especial nos distritos forestais; que se faga cumprir a lexislación actual; e que se definan, o antes posible, as medidas concretas sobre a moratoria de plantación de especies do xénero Eucalyptus. Ademais, tamén pedimos a reposición da legalidade de maneira retroactiva para aquelas terras que foron forestadas ilegalmente na Galiza.