Canon da auga

28/05/2012

O SLG alega contra o borrador da orde dos modelos de declaración e autoliquidación do canon da auga e do coeficiente de vertedura

A Lei de Augas de Galicia supón a consideración da auga como unha mercadoría, con prezo. Establece un canon para todas as augas de calquera procedencia, que terán que pagar todas as persoas, vivendas e actividades. O Sindicato Labrego Galego vén de presentar alegacións ao “Borrador de orde pola que se aproban os modelos de declaración de autoliquidación do canon da auga e do coeficiente de vertedura”.

En que consiste esta proposta de Orde?

Considera o canon de auga como un imposto e, como tal, non está suxeito a contraprestación algunha aos usuarios.

O coeficiente de vertedura é unha taxa, que está suxeita a contraprestación de depuración, tanto no caso de vivendas ou outros usos que contan con rede de sumidoiros municipais ou de fosas sépticas que teñen a obriga de baleirarse en depuradoras.

Como pretenden cobrar o canon da auga?

Esta proposta de decreto establece para o cobro un mecanismo de autoliquidación, que é aquel polo que o propio suxeito pasivo (usuario, entidade subministradora, comunidade de usuarios ou concello) recoñece o feito impoñible e fai a cuantificación da cantidade a pagar.

Os impostos que establecen este mecanismo de autoliquidación son os que recada a Axencia Tributaria (declaración de facenda, …) Neste caso é o “ente público empresarial” Augas de Galicia quen recada este imposto, saíndose da norma xeral sen que se expliciten as causas.

Quen recadará o canon da auga?

A proposta de Orde, converte en recadadores e responsables do pago e do control do pago das persoas usuarias aos concellos, ás comunidades de usuarios e ás empresas subministradoras. Son os propios consumidores e usuarias quen deben declarar e autoliquidar; por outra banda, serán as comunidades de usuarios, as entidades subministradoras e/ou os concellos os que fagan de recadadores e de responsables subsidiarios deste imposto, traballando ao servizo da empresa “Augas de Galicia”.

Quen é o destinatario final do canon da auga?

O destinatario final deste imposto é o ente público empresarial “Augas de Galicia”, que xuridicamente funciona como unha sociedade anónima. A cambio do cobro do canon da auga non se prestará aos usuarios e/ou consumidoras ningún servizo, debendo pagar este imposto polo feito de ter vivenda ou de existir como persoas.

Na Galiza, non existe precedente de que unha entidade pública empresarial, que funciona baixo o dereito privado, recadara e xestionara un imposto polo mecanismo de auto-liquidación, establecendo de xeito piramidal a responsabilidade subsidiaria, convertendo en recadadores e responsables do pago e do control do pago do canon da auga aos concellos, ás comunidades de usuarios e ás empresas subministradoras.

Resulta sorprendente, e non procedente desde o punto de vista da racionalidade da xestión, que se institúan os modelos de declaración e autoliquidación do canon antes de aprobarse a norma que estableza e regule os procedementos de colaboración con entidades públicas locais; situando, unha vez máis, á empresa “Augas de Galicia” por riba dos concellos.

O Sindicato Labrego Galego solicita a derrogación da Lei de Augas de Galicia e que as augas volvan a ser consideradas como un ben de carácter social e público. Tamén solicita a gratuidade para o uso e consumo de auga como aseo e alimento para as persoas, os animais e a produción de alimentos dentro do marco da soberanía alimentaria.