Formoso

20/02/2023

O SLG agradece a participación e traballo desenvolvido nas Eleccións a Consellos Reguladores celebradas onte

O SLG-CCLL organización gañadora no Condado, segunda en Valdeorras e terceira máis votada en Carne de Vacún de Galicia. Loitaremos pola defensa das pequenas e medianas granxas como garantía dun medio rural vivo e unha alimentación saudábel

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) quere trasladar o seu agradecemento pola participación e o traballo desenvolvido nas Eleccións a Consellos Reguladores (CCRR) que tiveron lugar ao longo da xornada de onte. Consideramos que dadas as circunstancias houbo uns bos niveis de participación en xeral, e valoramos como positiva a implicación das persoas produtoras de alimentos neste proceso de eleccións.

Dos procesos electorais aos que nos presentamos, no sector vitivinícola o Sindicato Labrego foi a organización gañadora no Condado (censo A2, subzona do Condado en Rías Baixas), a segunda en Valdeorras (Censo A Subcenso A1 da DO Valdeorras), onde teremos opción ao segundo vogal unha vez resolto o desempate. Tamén en Ternera Gallega/Carne de Vacún de Galicia obtivemos representación, sendo a terceira organización máis votada dun total de seis candidaturas.

Queremos trasladar o noso agradecemento ás persoas que lle deron a confianza ao Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas para seguir traballando na defensa dos sector agrario e gandeiro nesas producións escpecíficas amaparadas polos Consellos Reguladores.

Para o SLG-CCLL é fundamental seguir loitando para defender o modelo de produción labrego, que garante aunha alimentación saudábel para a cidadanía e condicións de vida dignas para as persoas produtoras, e que permite manter e desfrutar dun medio rural vivo, atraendo e fixando poboación, coidando de cuestións fundamentais para a nosa calidade de vida como é a conservación da biodiversidade, o coidado da auga ou a paisaxe.

Cando falamos de alimentos de extraordinaria calidade como Ternera Gallega Suprema, cómpre salientar que nunha grande medida este valor altamente difenciado depende de que moitas persoas podan seguir mantendo os milleiros pequenas e medianas granxas familiares que temos no noso territorio. Consideramos que en Carne de Vacún de Galicia é moi importante seguir apoiando e traballando para que esta cabana gandeira galega poda seguir facendo a función importantísima no coidado do noso medio rural que vén facendo tradicionalmente, proporcionando aportes sociais tan relevantes para todas e todos como é por exemplo a prevención dos lumes.

As Denominacións de Orixe, tamén as do viño, son asemade un instrumento moi importante, tanto para garantir parámetros de calidade que podan ser aprobados nos regulamentos correspondentes, como para incluír demandas fundamentais para nós, como é a garantía de orixe, é dicir, a seguridade de que estes alimentos estean producidos na Galiza e non a milleiros de kilómetros.

Dende o Sindicato Labrego Galego queremos asemade trasladar un especial agradecemento en particular ás persoas que aumiron o compromiso de ser as voces do Sindicato nestes Consellos Reguladores, compañeiras e compañeiros que con grande ilusión e capacidade de traballo loitarán por desenvolver accións e inciativas que nos permitan seguir avanzando na defensa desa agricultura social e de produción de aliementos saudabeis e de calidade que a sociedade precisa.