O vindeiro mércores 22 de xullo, o Sindicato Labrego Galego, coa colaboración da Plataforma StopBiogás Abadín, organiza en Gontán unha charla informativa para achegar á veciñanza información actualizada dos proxectos. Ás 21:30h no Local do Darío (ao lado da nave do Cuba).
O SLG-CCLL denuncia que Abadín, cun modelo de gandaría de granxas extensivas e familiares, non precisa deste tipo de plantas. Lembramos que experiencias similares noutras comunidades, como Catalunya a comezos dos 2000, acabaron pechadas. Estamos ante un proxecto da grande industria enerxética, alleo aos pequenos proxectos labregos de Galiza.
Galiza, 17 de xullo de 2026. O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) rexistrou un escrito perante a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade no que insta o arquivo do procedemento de autorización ambiental integrada da planta de produción de biometano promovida por Crux Biomethane SL no concello de Abadín (Lugo), expediente 2025-IPPC-I-63.
A organización, recoñecida como persoa interesada no procedemento dende o 26 de maio de 2026, denuncia que o promotor non deu cumprimento íntegro ao “último requirimento previo” notificado pola Subdirección Xeral de Avaliación Ambiental o 29 de xaneiro de 2026. Dito requirimento establecía condicións esenciais para continuar coa tramitación, entre as que destacan a identificación do equipo redactor, a incorporación da análise completa da MTD 14 sobre emisións difusas e a achega da información pendente para os órganos sectoriais. A propia Administración advertiu que “non procederá iniciar o trámite de consultas até que se presenten”.
O SLG-CCLL sinala que, transcorrido un prazo amplo sen que conste a subsanación, a inactividade do titular do proxecto impide a continuación do procedemento, xerando inseguridade xurídica no concello de Abadín e afectando aos dereitos dos veciños e das veciñas a un medio ambiente saudábel e á participación pública efectiva.
Por que unha planta de biogás en Abadín?
O SLG-CCLL denuncia que Abadín, cun modelo de gandaría de granxas extensivas e familiares, non precisa deste tipo de plantas. Segundo os datos máis recentes, en Abadín viven 2.238 persoas (a 01/01/2025) cunha idade media de 57,3 anos, o que evidencia a dificultade demográfica á que se enfronta o concello. Fronte a esta realidade, o proxecto da planta Crux (que compartiría cifras coa veciña planta Carina, en Gontán) promete crear entre 9 e 12 postos de traballo directos, pero a maioría son perfís profesionais cualificados (enxeñaría, técnicos de operacións…), polo que a xeración de emprego real entre a poboación local será escasa.
En canto ao emprego indirecto, o proxecto fala da xeración de postos vinculados ao transporte diario das 188.000 toneladas anuais de residuos que pretende transformar, así como para dar saída ás 175.092 toneladas de subprodutos (dixestato) que xera anualmente. Tamén se mencionan tarefas de mantemento e reparación, pero todas estas actividades serán realizadas por empresas externas especializadas, localizadas noutros concellos ou mesmo fóra de Galiza, polo que o beneficio para a economía local é, cando menos, cuestionable.
O problema dos residuos: de onde veñen e onde quedan
As plantas prevén tratar anualmente cada unha 171.000 toneladas de xurros e estercos xunto con 17.000 toneladas de restos vexetais, pero na letra miúda tamén deixa a porta aberta ao tratamento de lodos de depuradoras, residuos de orixe industrial e urbana e mesmo “calquera outro residuo orgánico existente na zona” susceptíbel de ser valorizado. Segundo o proxecto, estes residuos procederían “do Concello de Abadín e os seus arredores” e “das gandarías da zona”.
Porén, a realidade dos datos contradí esta afirmación. En Abadín, no ano 2024, existían 304 granxas de vacún cun total de 11.472 animais (1.314 vacas de leite adultas e 5.363 vacas nodrizas). A superficie agraria declarada na PAC ascende a 7.409,05 hectáreas, das cales 6.800,04 son pastos permanentes (con apenas 47,98 ha de millo e 84,82 ha de raigrás anual).
Segundo a Instrución técnica para a correcta xestión ambiental de explotacións gandeiras (ITM-1-2025) da Consellería de Medio Ambiente, o xurro e esterco xerado pola cabana gandeira de Abadín, mesmo considerando un sistema intensivo coas animais encerradas todo o ano, non sería suficiente nin para o correcto abonado das 6.800 hectáreas de pastos permanentes, moito menos para cubrir as necesidades do resto de cultivos, máis esixentes en fertilización.
Con que nos atopamos entón?
Cunha planta que vai “tratar” 188.000 toneladas de residuos ao ano, a maioría procedentes fóra do concello de Abadín, e que vai xerar 439,68 toneladas/día de residuos líquidos e 40,02 toneladas/día de residuos sólidos (o dixestato), que eses si que ficarán aquí, xa que as plantas de biogás só eliminan arredor do 20% dos residuos tratados.
Isto traducirase en 4 camións cargados de merda cada hora (2 traendo residuos e 2 sacando subprodutos) percorrendo as estradas, entre as nosas casas e ao carón do Camiño de Santiago. Un escenario insostíbel para un concello que xa padece unha forte perda de poboación e que ve como a súa calidade de vida se ve ameazada.
O SLG-CCLL reafirma o seu compromiso coa defensa do medio ambiente, do rural galego e da calidade de vida dos labregos e labregas, e vixiará que os procedementos administrativos se axusten á legalidade e á transparencia. O sindicato lembra que experiencias similares noutras comunidades, como Catalunya a comezos dos 2000, acabaron pechadas, e advirte que estamos ante un proxecto da grande industria enerxética, alleo aos pequenos proxectos labregos de Galiza.

REUNIÓN INFORMATIVA: PLANTAS DE BIOGÁS DE ABADÍN
O vindeiro mércores 22 de xullo, o Sindicato Labrego Galego, coa colaboración da Plataforma StopBiogás Abadín, organiza en Gontán unha Charla informativa para achegar á veciñanza información actualizada dos proxectos.
Hora: 21:30h
Lugar: Local do Darío (ao lado da nave do Cuba)
Intervirán:
Andrés Castro, técnico do SLG.
Brais Álvarez, apicultor e Secretario de Acción Sindical do SLG.
Henar Román, veciña de Abadín e portavoz da Plataforma StopBiogás Abadín.
No SLG defendemos que Abadín, cun modelo de gandaría de granxas extensivas e familiares, non precisa deste tipo de plantas!