Novas

  • O Sindicato Labrego Galego rexeita a proposta do Marco Financeiro Plurianual e da nova PAC 2028-2034, que supón o desmantelamento como política propia

    O Sindicato Labrego Galego rexeita a proposta do Marco Financeiro Plurianual e da nova PAC 2028-2034, que supón o desmantelamento como política propia

    • 17,Xul 2025
    • Posted By : Sindicato Labrego
    • 0 Comments
    • PAC
    • sindicato labrego galego
    • UE

    Galiza, 17 de xullo de 2025. Onte, mércores 16 de xullo, ao fin coñecemos a proposta da Comisión do Marco Financeiro Plurianual da Unión Europea para o período 2028-2034 e, tamén, a próxima Política Agraria Común (PAC). As novas son alarmantes para as labregas e os labregos de Galiza, como era de agardar e xa temiamos dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL).

    Estamos nun momento clave no tema da Política Agraria Común. Onte, día 16, a Comisión presentou os regulamentos que nos van dicir como vai ser a próxima PAC a partir do ano 2028. As filtracións que tiñamos do día 14 xa nos indicaban que o futuro do PAC empeza a ser incerto. Menos cartos, nada de regulación de mercados, desmantelamento da política agrícola común da UE e maiores desigualdades entre os agricultores e as agricultoras dos Estados membros”, denuncia Ana Rodríguez, gandeira e economista especializada na Política Agraria Común (PAC) no Sindicato Labrego Galego.

    No Sindicato Labrego Galego lembramos que as propostas que fai a Comisión Europea son elaboradas polo colexio de comisarias e comisarios -por certo, con maioría do Partido Popular Europeo-

    O pasado 8 de xullo, o Comité Coordinador da Coordinadora Europea Vía Campesina (ECVC), da que o Sindicato Labrego fai parte, enviou unha carta dirixida á Presidenta da Comisión, o Comisario de Agricultura e Alimentación e o Comisario de Orzamento, Loita contra a Fraude e Administración Pública arredor do futuro da PAC. “As pequenas e medianas agricultoras e agricultores solicitan un orzamento máis sólido e rexeitan calquera posibilidade de redución, que equivalería a abandonar o sector agrícola europeo, a exacerbar a crise que xa atravesan as persoas agricultoras e a socavar ao mesmo tempo os obxectivos de soberanía alimentaria, transición agroecolóxica e xustiza climática”, solicitouse no escrito. “Necesitamos un marco político europeo estábel que nos permita afastarnos da lóxica dos acordos de libre comercio que promoven, entre outros, o acordo UE-Mercosur, que exerce aínda máis presión para reducir os prezos de produción que reciben as persoas agricultoras e leva a estas últimas á súa extinción”, cuestionouse, entre outros aspectos [anexamos a carta ao final deste comunicado]. Nesta carta xa alertabamos que non se admitiría unha redución do orzamento e unha renacionalización da PAC.

    Unha das reclamacións do Sindicato Labrego Galego é a reformulación do Regulamento da Organización Común de Mercados, é dicir a regulación dos mercados. Publicada a normativa encontrámonos con que este vai que quedar practicamente como está, xa que as modificacións que se propoñen son mínimas. “Como sempre, imos centrar o debate nestes próximos anos en falar das subvencións, do recorte de fondos e da distribución dos cartos e non lle vai dedicar ninguén ningún tempo nin esforzo a este Regulamento, queda fóra do debate. A historia repítese, igual que na reforma anterior”, sinala Rodríguez. O Regulamento (UE) n.º 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello establece as normas fundamentais da organización común de mercados dos produtos agrícolas (OCM). Parece que para o período 2028-2034, concederase apoio financeiro ás medidas establecidas neste Regulamento pero só se modifica lixeiramente e seguimos co Regulamento do 2013. As intervencións sectoriais volven a este Regulamento (saíran na reforma do 2022) e hai un capítulo novo que teremos que analizar: “Dispoñibilidade de subministros en tempos de emerxencias e crises graves. Reservas de produtos agrícolas”.

    En canto á Política Agraria Común, desaparece como fondo propio, xa que “vai estar metida no sobre que se lle dá aos estados membros con todos os fondos para as distintas actuacións, é dicir, definitivamente a PAC perde entidade dentro da Unión Europea, o que é un cambio substancial nesta política da UE e dinos ate que punto, para a Comisión Europea, a alimentación das persoas deixou de ser unha prioridade e as prioridades son a defensa, a dixitalización” engade a economista. Algunhas cuestións da proposta do Regulamento do Parlamento e do Consello polo que se establecen as condicións para a aplicación do apoio da Unión á Política Común Agrícola para o período 2028-2034:

    • Non hai fondos PAC en exclusiva o que, a priori, fai que pa PAC deixe de ser unha política importante e quede convertida nun apoio pequeno á renda . Entra dentro doutros fondos máis amplos. Polo tanto, deixamos de falar dos dous piares e imos empezar a falar do Fondo Nacional de Política Rural. Temos que ver como é o financiamento porque tamén se fala de cofinanciamento dos Estados e non só das medidas que tradicionalmente eran do piar dous e estaban cofinanciadas.

    • A condicionalidade mantense aínda que parece moito máis simple e quedan fóra as pequenas persoas agricultoras: Requisitos de xestión, normas sobre condicionalidade social, normas sobre prácticas de protección.

    • Mantense un pago básico, pero cambiámoslle o nome outra vez. Agora pasará a chamarse axuda á renda decrecente en función da superficie.

      • Vai estar restrinxido para as persoas xubiladas ou que teñen poucos ingresos da agricultura ou gandería.

      • Regresividade neste pago a partir dos 20.000 euros (que en Galiza ninguén cobra).

      • Máis posibilidades para pagos ás persoas en lugar das hectáreas.

    • As áreas medioambientais e climáticas seguirán recibindo apoio.

    • As normas para os pequenos e pequenas produtoras deben ser aplicadas polos Estados membros no futuro e deben ampliarse até un máximo de 3000 EUR.

    • Os Estados membros deben ofrecer pagos para instrumentos de xestión de riscos.

    • Mantense LEADER.

    • Mantéñense os pagos acoplados pero hai cambios.

    • Os pagos para as zonas desfavorecidas poden seguir ofrecéndose, pero limítanse a un máximo do 2% da superficie agrícola.

    • Os pagos para as terras situadas en zonas protexidas poden concederse.

    • Préstase especial atención ao apoio ás persoas mozas e as empresas de nova creación: estratexia de renovación xeracional e paquete de inicio para persoas mozas.

    • Apoio a inversións de persoas agricultoras e silvicultoras.

    • Apoio a servizos de relevo para baixas por enfermidade, vacacións, maternidade.

    • Mantéñense os grupos operativos.

    • Mantense o servizo de asesoramento agrícola.

    Analizaremos as propostas con profundidade e faremos unha valoración máis detallada.

    O Sindicato Labrego Galego seguirá reivindicando unha Política Agraria Comunitaria forte e cohesionada que responda ás necesidades das persoas agricultoras e da cidadanía europea e que garanta un modelo de agricultura máis sostíbel e agroecolóxico e sistemas alimentarios de proximidade con comida sa e a prezos accesíbeis.

     Bruxelas, 8 de xullo de 2025

    Señora Presidenta da Comisión,

    Señor Comisario de Agricultura e Alimentación,

    Señor Comisario de Orzamento, Loita contra a Fraude e Administración Pública:

    Asunto: Carta aberta sobre o futuro da PAC

    A Coordinación Europea Vía Campesina expresa a súa profunda preocupación polos recentes sinais políticos relativas ao Orzamento Agrícola para o período 2028-2034 así como sobre a Política Agrícola Común (PAC). As pequenas e medianas agricultoras e agricultores solicitan un orzamento máis sólido e rexeitan calquera posibilidade de redución, que equivalería a abandonar o sector agrícola europeo, a exacerbar a crise que xa atravesan as persoas agricultoras e a socavar ao mesmo tempo os obxectivos de soberanía alimentaria, transición agroecolóxica e xustiza climática. Instámoslles a que teña en conta as conclusións do Diálogo Estratéxico, no que as partes interesadas de toda a cadea de valor agroalimentaria reclaman «un orzamento específico e proporcionado».

    En ECVC sinalamos os graves riscos que supoñería unha renacionalización da PAC. En primeiro lugar, levaría á súa desaparición e poñería en dúbida a credibilidade da UE e o proxecto europeo. Tamén conduciría a un incremento das desigualdades entre as persoas agricultoras europeas e aumentaría a alta competencia dentro da propia Unión Europa, o que aceleraría aínda máis a desaparición das pequenas e medianas granxas agrícolas, que son esenciais para a soberanía alimentaria europea e o modelo de agricultura diversificado. Tamén supoñería un revés para os compromisos climáticos e ambientais. No continente que máis rápido se quenta do mundo, a agricultura require un apoio masivo para a transición agroecolóxica.

    A soberanía alimentaria require unha PAC sólida. Necesitamos un marco político europeo estábel que nos permita afastarnos da lóxica dos acordos de libre comercio que promoven, entre outros, o acordo UE-Mercosur, que exerce aínda máis presión para reducir os prezos de produción que reciben as persoas agricultoras e leva a estas últimas á súa extinción.

    A continuación, lembramos a postura pola que apostan miles agricultoras a agricultores, apoiadas por vinte ministras e ministros de Agricultura na súa carta do 3 de xuño:

    Un orzamento sólido para a PAC que garanta uns ingresos dignos ás persoas agricultoras e medios para a transición. A principal solicitude nas manifestacións agrícolas en toda a UE o ano pasado era garantir prezos xustos para as persoas agricultoras. O orzamento da PAC debe incluír esta demanda, pero non só iso: as axudas da PAC deberán redistribuírse para apoiar ás pequenas e medianas granxas e promover a substitución xeracional, a transición agroecolóxica e a xestión de crise. Ademais, as crises climáticas e sanitaria xa teñen un grave impacto na agricultura do continente. A maioría das granxas necesita esta transición, polo que un orzamento sólido é clave para reverter esta tendencia e conseguir un modelo agrícola máis resiliente.

    O rexeitamento á renacionalización, que ameaza a equidade e a cohesión europea. A PAC é un proxecto europeo común, polo que unha maior renacionalización aumentaría a competencia entre as granxas agrícolas de todo o continente ao estar suxeitas a normas e axudas diferentes dun país a outro, aínda que formen parte do mercado común.

    O mantemento de ambos os piares, reforzando o Pilar 2 reforzado para a agroecoloxía e o establecemento. A desaparición do segundo piar equivalería a abandonar a vocación sistémica, alimentaria e rural da política agrícola común. Lembramos que a UE non alcanzou ningún dos obxectivos da reforma de 2023 e tampouco logrou tres dos obxectivos que se fixaron no Tratado de Roma en 1962: ingresos satisfactorios para as persoas agricultoras, prezos xustos para as consumidoras e mercados agrícolas estábeis. Esta situación é inaceptábel e a supresión do segundo piar só empeoraría a situación, xa que este piar permite contrarrestar os efectos devastadores do axuste dos pagos do primeiro piar da PAC á superficie.

    O tope e a degresividade das axudas para a súa redistribución ás pequenas e medianas granxas que máis o necesitan.

    Unha revisión da OCM que inclúa instrumentos de regulación do mercado: propoñemos afastarnos do paradigma actual da agricultura, que depende de subvencións públicas, para que os prezos agrícolas europeos, se manteñan nun nivel estábel e remunerador para as persoas agricultoras, e supoñan a maior parte dos seus ingresos.

    A revisión da Directiva sobre prácticas comerciais desleais mediante a inclusión na lista negra de prácticas comerciais as vendas por baixo dos custos de produción.

    A saída dos acordos de libre comercio e o rexeitamento do acordo UE-Mercosur actualmente en negociación.

    Europa debe escoitar a quen a alimenta. Se se ignoran estas advertencias, a ira lexítima das persoas agricultoras seguirá crecendo. As propostas actuais, ao desconectar a PAC dos seus obxectivos orixinais, non farán máis que obrigar ás agricultoras a facerse ás rúas de novo. A historia ensinounos que o enfraquecemento dos instrumentos comunitarios beneficia sempre aos máis poderosos e actúa en detrimento do ben común.

    Quedamos á espera da súa resposta.

    Cordialmente,

    O Comité Coordinador de ECVC