O Observatorio está convocado para setembro, cando a maioría da renovación de contratos coas granxas galegas van ser en agosto.
Seguimos sen ter datos dos custos de produción, sabemos que noutras rexións superan os 50 cts/ litro de leite.
En menos de 15 días, o vindeiro 1 de agosto, entran en vigor os novos contratos das granxas produtoras de leite galego. No Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) encontrámonos coa sorpresa de que o Observatorio do Sector Lácteo de Galiza reunirase con posterioridade ás sinaturas e con que, ademais, non se fixeron públicos os datos dos custes de produción. No SLG defendemos que estes contratos deberían ser á alza con subidas considerábeis do prezo, xa que sabemos, grazas aos indicadores europeos, que o prezo no resto do Estado é moi superior ao galego.
Segundo se recolle nas Declaracións de entregas de leite crúa os primeiros compradores (maio 2025), informe da Subdirección General de Producciones Ganaderas y Cinegéticas. Dirección General de Producciones y Mercados Agrarios do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación (MAPA), o importe medio declarado en Galiza en maio de 2025 foi de 0,488cts/ litro de leite, sendo a cifra máis baixa de todo o Estado, cando somos a rexión que maior volume de leite producimos con diferenza.
“Somos a Comunidade do Estado español que menos cobra o prezo do leite, e dentro das rexións produtoras europeas somos das que menos cobra, e aínda por riba o diferencial de prezos que hai entre as nosas granxas máis pequenas e as nosas máis grandes supera os 8 céntimos –8,57cts segundo os datos da Consellería do Medio Rural do mes de maio-”, denuncia Xulio Fernández, coordinador do Sector Lácteo no Sindicato Labrego. Tal e como denunciamos en marzo, incrementouse o diferencial entre as granxas máis pequenas e as máis grandes: daquela era de 6,6 céntimos. “Galiza é quen tira polo prezo medio do Estado para abaixo. A media do Estado non alcanza a outros Estados de Europa que podía ser semellante porque á rexión que máis produce estáselle pagando moitísimo menos”, manifesta.
No Sindicato Labrego Galego defendemos, como sinala o noso coordinador do Sector Lácteo, “que o prezo do leite debería subir máis do que as industrias propoñen”, se todos os factores indican que vai escasear a produción en outubro e as granxas seguen pechando. Pero…cal é a solución da Xunta de Galicia ante esta situación? Convocar o Observatorio do Sector Lácteo en setembro, logo da renovación de contratos. “É absurdo, deberían telo convocado hai un mes, e non logo de que estean xa os contratos asinados por 7 ou 8 meses”, sinala Fernández.
En canto a estes, dicir que a vixencia de ditos contratos, por lei, debería ser arredor dun ano de duración, pero levamos xa moito tempo sen que isto sexa real. Se falamos de contrato deberiamos pensar nun acordo entre ambas partes: a industria e as granxas. Con todo, sabemos que isto non é así. Levamos anos denunciando o abuso da industria sobre as pequenas granxas produtoras, levamos anos xa onde todo acordo é case unha obriga para subsistir, para que a porta da granxa non peche, para seguir alimentando a sociedade de Galiza e do resto do Estado. Porque, como xa temos reivindicado en diversas ocasións e como se contempla no citado informe do MAPA, Galiza foi, por exemplo, a Comunidade que máis leite crúa produciu, con moítisima diferenza con respecto doutras partes do Estado en maio de 2025 (271.048 litros de leite), seguida de Castela e León onde a cifra é de 80.035 litros de leite. Os datos falan por si sós.
“No SLG estamos cabreadas polas renovación de contratos imposta sobre a mesa. É unha tomadura de pelo esta renovación, que as industrias pretenden, nun momento no que non hai leite para abastecer as súas demandas, no que semella que a produción vai pasar de medrar continuadamente dende a desaparición das cotas en 2015 até agora, a descender por mor do peche de granxas que xa non só afecta ás máis pequenas”, asevera Xulio Fernández. “Está demostrado que non existe negociación de contratos, é unha imposición onde o papel que deixan sobre o tanque é para asinar si ou si, e nos últimos tempos vía móbil con gran dificultade para consulta detalladamente o contrato pero moitas facilidades para darlle ao botón de asinar”, engade.
Onde están os custos de produción do leite galego?
Se entramos na páxina web do Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA), podemos encontrar que, algunha das funcións que ten asignadas o Observatorio do Sector Lácteo de Galiza, entre outras son: “Analizar a situación do sector e as diferentes problemáticas que o afectan” e “Elaborar un sistema de información así como os índices de referencia que se consideren axeitados para o coñecemento da evolución do sector lácteo”. Nese senso, a día de hoxe temos constancia dalgún datos de referencia do sector, como pode ser o prezo do leite declarado polas persoas compradoras, que se sitúa en maio de 2025 nun prezo medio ponderado de 48,82 cts/ litro de leite e nun 60,332 no caso do ecolóxico. Pero que pasa cos custos de produción? Onde están?
O SLG trasladoulle esta situación a outras organización do Estado enmarcadas na Coordinadora de Organizaciones de Agricultores y Ganaderos (COAG) e estudaranse acción a tomar. En relación a iso, se poñemos atención noutros lugares do Estado, como é o caso de Euskadi, encontrámonos con que os custes de produción de marzo de 2025 son 0.543cts/ litro de leite. As cifras, que proveñen da Red Información Contable Agraria Vasca (RICAV), son alarmantes. O estudo demostra que dende o 2022 os custes de produción en Euskadi non deixaron de medrar. “Isto quere dicir que non están gañando cartos”, sinala o coordinador do Sector do Leite no SLG. “Estes estudos fainos o Observatorio da Cadea Alimentaria do Goberno Vasco, aquí debería facer o mesmo o Goberno Galego”, reclama.
Dende a nosa organización, Sindicato Labrego Galego, valoraremos medidas e convocaremos próximas mobilización se a dinámica das industrias e da distribución segue sendo a comerse os beneficios cando os hai e socializar as perdas. Porque como cómpre recordar:
Seguimos sen coñecer as marxes de beneficio ou prezos de cesión entre industria e distribución.
Seguimos a ser a rexión que menos cobra, das principais rexións produtoras de Europa, e das que menos cobramos baixando a media do Estado considerablemente por ser a que maior volume aportamos.
Somos a Comunidade cun maior número de pequenas granxas produtoras de leite que son as máis prexudicadas polo diferencial de prezos rexionais e polo diferencial de prezos por volume.
Está demostrado que fallaron todos os mecanismos de mediación -e a negociación non existe nin existiu nunca, polo que o fracaso é de todos os axentes pero especialmente da Administración que non conseguiu colocarse como árbitro eficaz nin aplicar políticas que obriguen a unha negociación real, mesmo premiando o fracaso, nalgúns casos, ou premiando ás industrias infractoras, noutros-.