Consello Reitor Terras do Miño

21/12/2013

O Sindicato Labrego Galego pide ás reservas da biosfera lucenses que impliquen á Unesco na loita contra as minas

O Sindicato Labrego Galego vén de presentar senllos escritos diante dos órganos reitores das reservas da biosfera Terras do Miño e Ancares Lucenses en relación a proxectos mineiros que afectarían a estes espazos protexidos. Con ambos documentos, búscase a implicación, como parte interesada, do Consello Científico do Comité Español do Programa MaB (Programa sobre o Home e a Biosfera da Organización das Nacións Unidas para a Educación, Ciencia e Cultura -Unesco-, no que se inclúen as reservas da biosfera).

No caso da Reserva da Biosfera dos Ancares, dende o SLG recordóuselle ao órgano reitor que existen varios permisos de investigación para proxectos mineiros auríferos, en tramitación ou caducados, que afectan a este territorio e que, en breve, poden saír a concurso ou ser prorrogados. Unha parte destes permisos están a nome de Mineira de Corcoesto SL, empresa que pretende desenvolver un polémico proxecto de extracción de ouro altamente contaminante na comarca de Bergantiños. Diante disto, o SLG instou ao consello reitor da Reserva da Biosfera dos Ancares a solicitar información sobre a tramitación dos expedientes ás administracións responsábeis das concesións, que son a Consellaría de Industria na Galiza e ao Principado de Asturias; e que, se o ve pertinente, que se presente nestes procesos do mesmo xeito que o fixo en setembro con Lago II (proxecto de Goldquest Ibérica que afecta a máis de 11.000 hectáreas de A Fonsagrada, Baleira, Baralla e Becerreá), e solicite informes ao Consello Científico do Comité Español do Programa MaB. Finalmente, tamén se lle pregunta ao consello reitor de Ancares se encargou algún informe sobre o Plan Sectorial de Actividades Extractivas e, en caso de non telo feito, ínstaselle a que o faga.

En canto á Reserva da Biosfera Terras do Miño, está afectada por tres concesións mineiras á empresa Erimsa para extraer cuarzo nos termos municipais de Abadín, Castro de Rei, Cospeito, A Pastoriza, Vilalba e Riotorto, afectando a 5.700 hectáreas. O SLG lembroulle ao consello reitor que a Declaración de Impacto Ambiental destes proxectos non incluía un informe da Reserva da Biosfera Terras do Miño. Por iso, na instancia presentada, pídeselle ao consello reitor que solicite unha copia completa do expediente das tres concesións con vistas a que o Consello Cientifico do Comité da MaB emita informe “abordando a posibilidade de solicitar a nulidade das tres concesións por clara vulneración do procedemento legalmente establecido, ao omitirse trámites esenciais que vician o procedemento e rematan na adquisición de dereitos sen as debidas garantías”.

Terras do Miño