Novas

  • O Sindicato Labrego Galego mobilízase en Compostela e Barres (Asturias) para exixir que a alimentación quede fóra do acordo UE-Mercosur

    O Sindicato Labrego Galego mobilízase en Compostela e Barres (Asturias) para exixir que a alimentación quede fóra do acordo UE-Mercosur

    • 29,Xan 2026
    • Posted By : Sindicato Labrego
    • 0 Comments
    • acordo ue-mercosur
    • BARRES
    • COMPOSTELA
    • concentración
    • NON ACORDO UE - MERCOSUR
    • soberanía alimentaria
    • Concentración do SLG diante do Centro Comercial As Cancelas, en Santiago de Compostela, e acción reivindicativa dentro do Carrefour. O SLG-CCLL tamén apoiou e estivo presente na acción conxunta que se realizou no polígono de Barres (Castropol, Asturias).

    • Para o SLG a alimentación non debe incluírse nos tratados de libre comercio e, polo tanto, non imos aceptar que se aprobe un acordo no que se xoga con ela.

    Compostela, 29 de xaneiro de 2026. Esta mañá as labregas e os labregos do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) concentráronse diante do Centro Comercial As Cancelas en Santiago de Compostela reclamando a non aplicación do tratado UE-Mercosur e exixindo que a alimentación quede fóra deste acordo. Ademais da mobilización en Compostela, o SLG-CLL tamén apoiou e estivo presente na acción conxunta que se organizou no polígono de Barres (Castropol, Asturias), canda outras organizacións agrarias. A concentración de hoxe segue á que tivo lugar o pasado 12 de xaneiro na Coruña, diante da Delegación do Goberno na Coruña, onde manifestabamos a nosa total oposición á sinatura do tratado UE-Mercosur, que se realizou o 17 de xaneiro en Paraguai.

    Estamos hoxe diante do centro comercial As Cancelas nunha nova acción contra da sinatura de libre comercio de Unión Europea cos países do Mercosur. Para nós a sinatura deste tratado, que xa se fixo dun feito totalmente antidemocrático, levaría á ruína e ao peche de miles de granxas e de proxectos labregos da Galiza”, afirmou María Ferreiro, gandeira e Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego María Ferreiro dende a concentración en Compostela.“Agora estamos na espera de que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea se pronuncie e emita un ditame con este tratado”, engadiu.

    Concentración Compostela Mercosur 2

    Concentración Compostela Mercosur 3

    Concentración Compostela Mercosur 4

    Acción do SLG dentro do Carrefour das Cancelas

    Durante a mobilización en Compostela, labregas e labregos do SLG-CCLL acudiron ao establecemento do Carrefour, situado no interior das Cancelas, e pegaron adhesivos nalgúns dos produtos que veñen de fóra da nosa terra, como pode ser a mel, froita, carne, etc. A frase que quedou pendurada nestes alimentos foi: “A alimentación fóra do tratado UE-Mercosur” [achegamos vídeos da acción].

    Queremos visibilizar como afecta á persoa consumidora os tratados de libre comercio”, sinalou Brais Álvarez, apicultor e Secretario de Acción Sindical do SLG. “Temos aquí un mel que mercamos no Carrefour das Cancelas que é un claro exemplo de como se manipula ás consumidoras para facer pasar por produtos do Estado español un produto que realmente vén de fóra. Por unha banda lemos que o mel é envasado nos Pireneos e pola parte de atrás pon a orixe real que é Ucraína e Arxentina.Desta maneira introdúcense os produtos que veñen de fóra, moitas veces sen as garantías que se nos esixen ás produtoras que temos aquí, e é un claro exemplo de como se usa a publicidade enganosa para vender produtos de fóra mentres se rebentan as producións que temos aquí no territorio”, denunciou o apicultor.

    Acción Carrefour - mel

    Concentración en Barres (Castropol, Asturias)

    Ademais da presenza do Sindicato Labrego Galego na capital de Galiza, as labregas e os labregos da nosa organización participaron na acción conxunta que se fixo na parroquia asturiana de Barres (Castropol), onde se cortou a a autovía que une Galiza con Asturias en protesta polo acordo UE-Mercosur.

    Dende alí a gandeira, produtora de faba e integrante da Executiva do SLG, Isabel Vilalba, fixo fincapé en que este tratado “vai ter un impacto gravísimo na produción de alimentos que temos tanto en Galiza como en Asturias, coa entrada dunha cantidade moi grande de toneladas de carne de vacún, legumes, polo, dunha cantidade de alimentos producidos con estándares totalmente diferentes en canto aos produtos que se poden utilizar nun lado e noutro, en canto aos estándares de benestar animal, en cantos aos salarios e as condicións laborais, etc.” “É unha competencia desleal que vai poñer en grave perigo a produción de alimentos”, incidiu.

    Concentración Barres Mercosur 1

    Concentración Barres Mercosur 2

    Concentración Barres Mercosur 3

    Aplicación provisional do Acordo UE-Mercosur

    O 21 de xaneiro o Parlamento Europeo paralizou o acordo UE-Mercosur e procedeu ao seu enviouno ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea. Agora a xustiza europea terá entre 6 meses e 2 anos para emitir o seu ditame. Mentres tanto, a Comisión Europea, co apoio dalgúns Estados membros, tentará impulsar unha aplicación provisional deste acordo, tal e como nos confirmou o pasado venres, 23 de xaneiro, o comisario de agricultura e alimentación da Comisión Europea, Christophe Hansen, nunha reunión en Bruxelas á que acudiu o Secretario de Acción Sindical do Sindicato Labrego Galego, Brais Álvarez López, canda unha delegación da Coordinadora Europea Via Campesina (ECVC) -da que o Sindicato Labrego fai parte-.

    A ruína das pequenas e medianas produtoras

    A aprobación do tratado de libre comercio entre a Unión Europea e Mercosur suporá a ruína das pequenas e medianas produtoras, da agricultura familiar e da soberanía alimentaria de ambos os continentes, ademais de implicar a entrega da produción de alimentos aos intereses do agronegocio e das grandes corporacións, condenando ao peche a miles de granxas en Europa pola competencia desleal e expulsando ás labregas do Mercosur das súas terras. Con este acordo, os alimentos converteranse nunha mercadoría en mans de multinacionais, en lugar de garantilos como un dereito da cidadanía. Dende a postura do SLG, a alimentación non debe incluírse nos tratados de libre comercio e, polo tanto, non imos aceptar que se aprobe un acordo no que se xoga con ela, xa que estamos falando da saúde e vida das persoas, tanto das persoas produtoras como das consumidoras.

    Un acordo feito á medida do agronegocio

    Dende a nosa organización advertimos, ademais, que esta alimentación en masa e con menos controis non vai ser producida por pequenas labregas dos países do Mercosur. Estas están sendo expulsadas das súas terras por grandes terratenentes e fondos de inversión para a produción destes produtos ou de soia e millo a base de fertilizantes químicos, utilizando agrotóxicos e destruíndo o medio ambiente. Pola contra, a dimensión das explotacións que nutrirán o agronegocio exportador é moito maior e moi diferente da media das granxas galegas: as explotacións lácteas do Uruguai teñen de media 250 hectáreas e as arxentinas oscilan habitualmente entre as 180 e as 1.100 hectáreas.

    Na avaliación do impacto sobre a sostibilidade encargada pola propia Comisión Europea, prevese que este tratado incremente entre un 47,6% e un 60,2% as exportacións de produtos farmacéuticos e químicos da UE ao Mercosur. Non se esixirán as mesmas condicións nin estándares de seguridade, e numerosas persoas expertas alertan de que as salvagardas anunciadas non son garantía suficiente.

    Doutra banda, resulta totalmente contraditorio que, nun momento no que a UE se comprometeu a alcanzar en 2030 unha redución do 55% das emisións netas de gases de efecto invernadoiro, se promova un acordo que incrementará drasticamente as emisións derivadas deste comercio a escala mundial e da deforestación asociada. En Brasil, prevese un aumento de máis dun millón de hectáreas de superficie dedicada á soia, moitas na Amazonía, que tamén se verá gravemente afectada pola expansión de cultivos como a caña de azucre para satisfacer a demanda europea de etanol.

    NON ao acordo UE-Mercosur

    Dende comezos de 2026 o Sindicato Labrego Galego acordou diversas reunións coas distintas administracións para esixir o NON ao acordo. Así, xuntámonos co pasado venres 16 coa Consellería do Medio Rural na convocatoria do Consello Agrario Galego; o 19 de xaneiro recibiunos o delegado do goberno en Galiza, Pedro Blanco Lobeiras, esixíndolle á Xunta de Galicia, ao Estado e ás institucións europeas que escoiten a voz do sector agrario e que actúen en consecuencia; e o 23 de xaneiro en Bruxelas co comisario de agricultura e alimentación da Comisión Europea, Christophe Hansen, para tratar os temas do acordo UE-Mercosur e da Política Agraria Común (PAC). Seguiremos traballando xunto a máis de 30 organizacións labregas da Coordinadora Europea Via Campesina (ECVC), mantendo interlocución coas administracións e mobilizándonos nas rúas no caso de entrar a aplicación provisional deste acordo.

    NON ACORDO UE - MERCOSUR