A Consellería do Medio Rural pretende non resolver as axudas de incorporación e plans de mellora de 2025 e xuntalas coas convocatorias de 2026 e 2027. Amosamos a nosa preocupación e solicitamos actuacións inmediatas.
O 70% das persoas titulares de granxas xubílanse nos próximos anos e a previsión é que as incorporacións non cubran o 5% dos abandonos. No caso de que non se resolva de forma satisfactoria a situación das axudas de incorporación e plans de mellora de 2025 teremos que volver a saír ás rúas e organizar accións de mobilización.
Galiza, 11 de febreiro de 2026. Xustamente a fin de semana pasada organizamos o VIII Foro Labrego de Agroecoloxía en Mondoñedo, edición dedicada ao relevo xeracional. Un encontro no que houbo unha alta participación de persoas labregas e de mozas e mozos que entenden o medio rural como a súa forma de vida e queren apostar por el, nun momento no que ademais son moitas as granxas que están pechando nestes últimos anos. Hai exactamente un ano, en febreiro de 2025, o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) manifestábase en Lugo contra a denegación masiva de incorporacións e plans de mellora, que ameazaba a viabilidade de centros de granxas galegas. O 70% das persoas titulares de granxas xubílanse nos próximos anos e a previsión é que as incorporacións non cubran o 5% dos abandonos. Ante este contexto, que fai a Consellería do Medio Rural (CMR)? Non resolver as axudas de incorporacións e plans de mellora correspondentes ao ano 2025.
Sen resolución
Este luns a gandeira e Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego, María Ferreiro, acudiu á xuntanza á que nos convocaron sobre a Política Agraria Común (PAC) e na que a Consellería do Medio Rural tentou establecer un acordo común sobre o tratado de libre comercio entre a Unión Europea e o Mercosur –tema que denunciamos onte nun comunicado-. Ferreiro aproveitou a reunión para preguntarlle á Consellería do Medio Rural polos expedientes de incorporación da convocatoria de 2025, e confirmáronnos o que a semana pasada limos a través dalgún medio de comunicación: non vai haber unha aprobación desas axudas da convocatoria de 2025.
Que pretende facer a Xunta?
A idea da administración é non resolver as axudas de incorporación e plans de mellora de 2025 e xuntalas coas convocatorias de 2026 e 2027. Dende o Sindicato Labrego Galego preguntámonos que vai pasar con todas as persoas labregas que pediron a incorporación en 2025, están comprometendo a vida de moitas persoas, gandeiras, agricultoras, produtoras que organizaron a súa vida contando con esa axuda, que xa fixeron investimentos, que tivemos que coller a granxa por xubilación, etc. Amosamos a nosa preocupación polo que pode pasar no futuro, que as persoas que solicitaron en 2025 se atopen con impedimentos para poder solicitar en 2026, que non se cumpran os requisitos, etc. Non podemos concibir que as persoas que queren apostar por un proxecto no rural teñan que estar dous anos agardando a que se resolva unha convocatoria, cando nalgúns casos xa se incorporaron ou fixeron investimentos contando con ela. Polo que pedimos de maneira urxente que se resolva a convocatoria de 2025, é unha cuestión de xustiza.
Solicitamos unha convocatoria específica no 2026
Ademais, dende a nosa organización solicitamos que, no caso de que non chegue o orzamento previsto pola Consellería do Medio Rural para tratar esta cuestión, que se faga unha convocatoria específica no ano 2026 para as persoas que queden fóra da resolución de 2025 por criterios de prioridade, garantindo as condicións de 2025.
Nese senso, preguntámonos que pasará co presuposto destinado ás axudas, xa que tendo en conta que o ano pasado cun orzamento de 30,5 millóns de euros non foron suficientes para cubrir a totalidade das solicitudes, que acontecerá agora cos 53 millóns cos que se pretende cubrir dúas convocatorias. Cantas máis quedarán fóra?
Doutra banda, sendo unha das organizacións que facemos parte do Consello Agrario Galego, denunciamos que a Consellería do Medio Rural non teña informado ás organizacións agrarias destas novas, e que teñamos que saber das súas decisións polos medios de comunicación, e, sobre todo, que non falase directamente coas persoas afectadas, persoas que estaban á agarda dunha reposta que non chegará. Tamén criticamos que tampouco se informase ás Oficinas Agrarias Comarcais nin ás persoas titoras das persoas mozas que solicitaron estas, sendo estas o contacto directo coas persoas solicitantes.
Precisamente onte á tarde tivo lugar unha xuntanza da mocidade do Sindicato Labrego Galego que solicitou estas axudas e advertimos de que no caso de que non se resolva a situación teremos que volver a saír ás rúas novamente e organizar accións de mobilización.