Novas

  • O Sindicato Labrego Galego denuncia o aumento dos ataques do xabaril na comarca dos Ancares e demándalle á Xunta controis efectivos sobre a situación sanitaria

    O Sindicato Labrego Galego denuncia o aumento dos ataques do xabaril na comarca dos Ancares e demándalle á Xunta controis efectivos sobre a situación sanitaria

    • 18,Mai 2026
    • Posted By : Sindicato Labrego
    • 0 Comments
    • danos cultivos
    • sindicato labrego galego
    • xabaril
    • Preocupación ante o aumento sistemático dos ataques nos cultivos que está a producir o xabaril nos últimos meses na contorna dos Ancares e do Courel, afectando aos pastos de moitas gandeiras dos concellos destas comarcas.

    • A convivencia do xabaril co gando doméstico pode estar influíndo na situación sanitaria desta última. O SLG demándalle á Xunta de Galicia controis efectivos sobre a situación sanitaria do xabaril.

    Galiza, 18 de maio de 2026. O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) leva meses constatando a través das granxas afiliadas nos concellos de Becerreá, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Baralla, Navia de Suarna, Cervantes e Folgoso do Courel, un aumento considerábel dos ataques do xabaril nos pastos e cultivos.

    Esta situación, que parece ir a máis ano tras ano, aos ollos do Sindicato Labrego Galego significa, en primeiro lugar, que está a haber na zona, como en gran parte do territorio, un aumento sen precedentes do número de xabaril, que unido á perda de Superficie Agraria Útil (SAU) fai que as granxas que quedan no territorio sufran cada día máis ataques nos seus pastos coas perdas que isto lles produce economicamente, xa que, en moitas ocasións, os pastos que se reservaban para recoller forraxe para o inverno quedan inservíbeis ao ser fozados polo xabaril, ademais e necesario anovalos o que provoca que durante unha campaña eses prados non sirvan para dar de comer ao gando.

    Así mesmo, constátase na comarca en xeral un aumento do número de animais de outras especies como o corzo, que pasta nestes mesmos pastos.

    A preocupación entre as persoas gandeiras da contorna é crecente ante o aumento de ataques, non só polas perdas económicas que supoñen, senón porque esta fauna salvaxe convive diariamente co gando vacún, e existe medo a que poidan ser vectores para traspasar novas enfermidades ou enfermidades xa existentes ao gando vacún.

    Neste senso, dende o Sindicato Labrego Galego demandamos información a Consellería de Medio Ambiente sobre o estado sanitario desta fauna salvaxe, e protocolos e seguimentos claros sobre o estado sanitario do mesmo.

    Así mesmo, ante o aumento dos ataques e a necesidade de preservar os seus pastos para alimentar ao gando, esiximos que a partida para medidas preventivas teña un aumento e que se aumente en especial a liña de peches e se inclúa tamén nesta os ataques do xabaril, para non só evitar os ataques nos pastos, senón evitar que o gando doméstico e a fauna salvaxe interactúen.

    Por último, preocupa especialmente ao Sindicato Labrego Galego a convivencia entre o xabaril e as granxas en extensivo de porco, normalmente de porco celta, granxas ás que cómpre ter en conta á hora de dar as axudas para prevención de ataques e, sobre todo, ter en conta o estado sanitario da fauna salvaxe para evitar contaxios nestas granxas.