
08/09/2008
O Sindicato Labrego Galego denuncia ante o Ministerio de Igualdade a supresión da E.S.O de Abadín e doutros centros do rural
O Sindicato Labrego Galego levará o problema da supresión do primeiro ciclo da E.S.O en Abadín, así como a eliminación de centros educativos e outros servizos no medio rural, diante do Ministerio de Igualdade.
A responsable da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba, no marco dunha entrevista coa ministra de Igualdade, que terá lugar en Madrid o vindeiro xoves, día 11 de setembro, reivindicará o mantemento de centros educativos e mesmo a creación de novos servizos ao medio rural como unha medida fundamental para frear o despoboamento que está a padecer o noso medio rural, que, por outra banda, é o que está recollido na “Ley de desarrollo rural sostenible”, aprobada polo actual goberno estatal.
Para a Secretaría das Mulleres do S.L.G., hai unha evidente desigualdade de oportunidades entre os nenos e nenas que teñen que pasar no transporte máis dunha hora antes de chegar ao centro educativo e outro tanto ao final da xornada escolar, tal e como sería o caso dos alumnos e alumnas de Abadín.
A solución presentada pola Delegación de Educación de Lugo a unha nai de Abadín que ten un fillo coa Síndrome de Down de que interne o seu fillo na capital, separando ao neno dende unha idade tan temperá da familia, parécenos que é totalmente contraria ás opinións de moitos especialistas que consideran que a convivencia no contorno familiar é fundamental a estas idades.
A decisión de Educación é aínda máis incomprensible polo importante número de nenos e nenas que hai no centro educativo de Abadín, que evidentemente non pode compararse coas ratios de alumnado dunha cidade.
Este tipo de centros máis pequenos e o mantemento dos nenos e nenas próximos ás súas familias nas primeiras etapas caracterízanse por unha total ausencia de calquera tipo de conflictividade escolar e teñen numerosos aspectos positivos, sinalados en diferentes traballos pedagóxicos.
Por outra banda, nos últimos tempos, hai o acordo de que o apoio ás familias e nomeadamente á igualdade de oportunidades das mulleres, que son as que de xeito máis frecuente se ocupan de facer os seguimento da preparación académica dos nenos e nenas, así como de ir buscalos e levalos ás actividades do centro; pasa indiscutiblemente por crear novos servizos, e non por suprimir os poucos existentes.
Temos que concluír que, se o goberno actual, tal e como di aposta pola igualdade de oportunidades das persoas independentemente de onde vivan, polo apoio á participación social e laboral das mulleres e tamén polo mantemento dun medio rural vivo, ten que reconducir esta decisión de pechar o ciclo da E.S.O. de Abadín, e apostar polo mantemento e creación de novos servizos para un medio que está a sufrir un envellecemento moi importante e no que é fundamental que se asenten persoas novas.
Por todo isto, o Sindicato Labrego Galego espera que sexan atendidas as reivindicacións do colectivo de pais e de nais, que, en definitiva, é a loita polo futuro do noso medio rural.
Moitas grazas pela súa atención.
Saúdas do Gabinete de Comunicación do Sindicato Labrego Galego
OBTERÁN MÁIS INFORMACIÓN CONTACTANDO CON :
Margarida Prieto Ledo, Coordenadora Comarcal n´A Terra Chá: Tlf. 659 985 308
Isabel Vilalba, Coordenadora da Secretaría das Mulleres no SLG:
TLF: 608 905 444