Novas

  • O Sindicato Labrego Galego denuncia a falta de interlocución previa por parte do Concello de Vilalba á hora de elaborar, difundir e aprobar o proxecto de agrupamento de terras

    O Sindicato Labrego Galego denuncia a falta de interlocución previa por parte do Concello de Vilalba á hora de elaborar, difundir e aprobar o proxecto de agrupamento de terras

    • 07,Set 2026
    • Posted By : Sindicato Labrego
    • 0 Comments

    O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG) vén de recibir a convocatoria do Concello de Vilalba para a reunión informativa que terá lugar o vindeiro martes 8 de setembro ás 20:30 h na Casa da Cultura, na que se presentará o «Proxecto de Agrupamento de Terras de Uso Agrario no Concello de Vilalba».

    Para o SLG, esta convocatoria chega moi tarde, non tendo utilidade ningunha neste momento. Para o SLG, esta convocatoria tiña que ter sido antes da publicación da norma e, en todo caso, denuncia a falta de interlocución por parte do Concello coas organizacións agrarias e coa veciñanza.

    Lembran dende o SLG que, como se recolle na Lei 1/2006 do Consello Agrario de Galicia, o SLG ten recoñecido o seu carácter de «unha das organizacións máis representativas de Galicia» e que isto o habilita para intervir e ser tido en conta en toda normativa que afecte o sector primario, como é o caso.

    UNHA XUNTANZA QUE PRETENDE SER UN LAVADO DE CARA

    Dende o SLG consideran que esta xuntanza pretende ser un lavado de cara por parte do vicealcalde, Modesto Renda. En primeiro lugar, consideran de «auténtica chapuza» como se está a xestionar esta iniciativa por parte do Concello: «A iniciativa pode ser boa, pero se se fai de costas á veciñanza está condenada ao fracaso».

    Neste senso, consideran dende o SLG que unha reunión informativa posterior á aprobación do proxecto e de carácter meramente divulgativo non substitúe unha fase previa de consulta. A verdadeira participación democrática esixe que o diálogo e a incorporación de melloras se produzan antes da toma de decisións, non cando o proxecto xa está deseñado e as bases publicadas. A oportunidade de construír unha iniciativa compartida, enriquecida coas achegas de quen coñece a realidade das granxas e o territorio, perdeuse. O que agora se presenta non é un espazo de interlocución real, senón un acto de difusión dun proxecto xa pechado, que ten máis de escaparate publicitario que de verdadeiro proceso participativo.

    O SLG lembra que xa o pasado 13 de agosto solicitou formalmente ao Concello, con carácter de urxencia, información, ao ter coñecemento polos medios de comunicación da iniciativa que, segundo as declaracións municipais, contaba coa recomendación e colaboración das centrais sindicais agrarias, cando na realidade non fomos consultados en ningún momento.

    EIVAS QUE COMPROMETEN A UTILIDADE DA FERRAMENTA

    Para o SLG, ter publicada esta axuda no mes de agosto, un mes morto administrativamente falando, vai facer que a utilidade da mesma quede en nada e que, polo tanto, se constate que esta axuda pretende ser algo propagandístico e non real, a menos dun ano das eleccións municipais: «Un dicir: fixeron algo, pero a utilidade real non se vai notar porque os prazos son moi xustos e, se non se traballa isto antes, no momento de publicar a norma, entre que se dá a coñecer e se fai, xa rematou o prazo».

    Para o SLG, primeiro de todo tería que terse reunido coas organizacións do sector e coa veciñanza, explicar o proxecto, ver de traballalo conxuntamente e facer unha importante campaña de información e difusión para que a xente fose mirando as distintas situacións e preparando todo o necesario para poder facelo.

    Reiteran dende o SLG que, a pesar das palabras de Modesto Renda sobre a súa interlocución coas organizacións agrarias, o SLG, que cómpre destacar que dispón dunha oficina na vila de Vilalba, tivo constancia deste proxecto pola prensa, sendo esta convocatoria o primeiro intento de interlocución por parte do Concello: «E chega moi tarde».

    Así mesmo, móstranse moi preocupadas por como está redactada a orde e polas importantes eivas que mostra.

    «Para nós non ten sentido que na norma non se dea ningún tipo de prioridade ás granxas, sendo a adxudicación por orde de entrada. Para nós, isto carece de sentido. Un dos grandes retos das granxas do noso concello é a falta de base territorial e a pouca superficie das fincas. Estas normativas deberían ter como primeiro obxectivo beneficiar e mellorar a situación dos centos de granxas do noso concello. Non entendemos, polo tanto, a quen pretende beneficiar o vicealcalde Modesto Renda. Dende logo, ás granxas do concello non, porque na orde non se fala de ningún tipo de obrigatoriedade ou prioridade ás granxas e á produción de alimentos, co cal semella que queren favorecer a especulación, dúbida que aínda nos aumenta ao ver como se fai de costas á veciñanza e de xeito moi escuro».

    A memoria que se esixe presentar, para o SLG, non é garante ningún para cumprir os obxectivos que se marca a norma no seu preámbulo. A ollos da organización agraria, quédase en palabrería bonita que moi dificilmente vai cumprir os obxectivos que se expoñen. Tamén destacan que non teñen coñecemento de como se van avaliar estas memorias e que perfís técnicos o van facer.

    Por último, resaltan dende o SLG que, tal e como está redactada a norma, «calquera pode acceder á axuda para logo construír, plantar, especular ou dedicar a outra cousa que non sexa a actividade agraria. Isto ten que estar ben regulado. Estas normas precisan dunha planificación e estudo de todas as variables; aquí non existe».

    O SLG ASISTIRÁ Á XUNTANZA CONVOCADA

    Por último, dende o SLG comunican que participará na xuntanza á que foi convocado, xunto a toda a veciñanza, o día 8 de setembro, e na mesma agardan que o vicealcalde, Modesto Renda, reflexione e escoite o malestar da veciñanza, abrindo un espazo de diálogo co fin de seguir traballando nesta normativa e conseguir unha ampliación dos prazos.

    «É necesario que mañá desa xuntanza saia unha comisión de traballo efectiva e que se incorporen as achegas da veciñanza e se traballe na súa difusión, coñecemento, etc. Non imos defender unha lei que permita a especulación e o lucro do máis rápido ou listo da vila».