Novas

  • O Sindicato Labrego Galego demanda actuacións inmediatas das administracións ante a renovación dos contratos do leite, o sector lácteo non pode agardar máis

    O Sindicato Labrego Galego demanda actuacións inmediatas das administracións ante a renovación dos contratos do leite, o sector lácteo non pode agardar máis

    • 14,Abr 2026
    • Posted By : Sindicato Labrego
    • 0 Comments
    • prezos leite
    • Renovación de contratos do leite
    • Sector Lácteo
    • sindicato labrego galego

    Galiza, 14 de abril de 2026. Mañá fará quince días que se renovaron os contratos do sector lácteo en Galiza. Quince días dende que moitas gandeiras e gandeiros se viron na obriga de asinar contratos abusivos. Quince días dende que outras non asinaron e por iso levan dende entón tirando o leite. No Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) temos constancia de que a día de hoxe hai granxas ás que aínda non lles vai ninguén a recoller -sabemos de dous casos concretos en Ribadeo e en Ribeira de Piquín (Lugo) que a estas alturas aínda non solucionaron con ningunha empresa, pero de seguro que haberá máis-. Granxas que están a tirar diariamente o produto que, con tanto esforzo e tendo en conta o custo da vida, lles supón manter. Porque son moitas as granxas que están nunha crise que pode rematar co seu proxecto senón hai unha actuación inmediata por parte da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, do Ministerio de Agricultura e da Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA). A que agardan? A que as granxas pechen e non haxa volta atrás? Noutras Comunidades do Estado Español, como o caso de Cantabria, activouse unha axuda destinadas ás granxas que quedaron sen recollida, por encontrarse en zonas afastadas, como alta montaña e de especial dificultade de acceso, para compensar as dificultades que as produtoras e os produtores están a ter. E en Galiza, que se vai facer?

    Alzamos a voz en sinal de alarma

    Dende o Sindicato Labrego Galego alzamos a voz en sinal de alarma. A administración non pode seguir mirando cara a outro lado. A estas alturas xa non serven as palabras, precisamos actuacións concretas e urxentes. A que esperan, a que chegue unha nova renovación de contratos? Premiar ás industrias abusivas? Con que leite lle darán de beber ás súas fillas e fillos? Co que virá dun lugar afastado do territorio por non saber frear esta crise que pon en perigo ás gandeiras e aos gandeiros de Galiza, a principal produtora de leite do Estado Español? Hoxe dende o Sindicato Labrego Galego facémonos todas estas preguntas erguendo a nosa voz en sinal de alarma, a alarma dun país que se está deixando ir e ninguén lle tende a man.

    Onde está a Consellería do Medio Rural cando as labregas e os labregos precisan dela?

    O SLG, en pé de loita

    Dende a nosa organización seguimos loitando para que dunha vez por todas se chegue a unha solución e que as persoas gandeiras vexan recoñecidos os seus dereitos, amparados pola Lei da Cadea Alimentaria. Dende que a comezos de ano se comezou a falar das ameazas de baixadas de prezo das industrias lácteas, solicitamos a intervención urxente da Consellería do Medio Rural nun comunicado o 3 de febreiro. O 11 de marzo denunciamos a suba dos prezos especulativos do gasóleos agrícola e á vez, en vésperas da renovación dos contratos do leite, xa pedimos que estas renovacións tivesen en conta dita crise e o que ía supoñer a subo dos custos nas granxas galegas. Días despois, o 16 de marzo, expuxemos en rolda de prensa o desleixo da Consellería do Medio Rural cara ás granxas facendo fincapé no tema das incorporacións, na PAC e na renovación dos contratos do leite, onde anunciamos a concentración que convocamos o 23 de marzo ás portas da fábrica Lactalis en Vilalba. “Non existen realmente indicadores no mercado que fagan pensar nunha baixada do prezo do leite, trátase dunha artimaña das empresas para baixar o prezo en orixe. Os datos indican unha suba de produción mínima nun contexto onde pechan moitas granxas co cal non podemos falar de excedente de leite, só ten explicación se pensamos que pretenden traer leite de fóra ou que queren aumentar o seu beneficio a costa dos de sempre”, denunciou xa daquela o Secretario de Acción Sindical, o apicultor Brais Álvarez.

    En plena crise de sector afrontamos o Congreso do Sector Lácteo do Sindicato Labrego Galego que tivo lugar o 25 de marzo en Guitiriz. O alimento con máis marca de Galiza é o leite e iso non temos que esquecelo nunca. Moita xente que está aquí traballa arreo por iso”, recoñeceu Manolo Villaverde, que foi reelixido responsábel do Sector do Leite do Sindicato Labrego Galego. A gandeira de Cesuras Eva Rodríguez Rodríguez saíu escollida nova vicerresponsábel do Sector Lácteo do SLG.

    O 31 de marzo, o derradeiro día para a sinatura dos contratos, volvemos solicitar a intervención urxente da Xunta e do Ministerio ante a baixada dos prezos na renovación dos contratos do leite e demandamos o cumprimento inmediato da Lei da Cadea. Foi Lactalis a primeira que fixo chegar ás granxas a proposta definitiva de contrato para os próximos catro meses. Unha proposta que recollía unha forte baixada no prezo/litro de leite. Este envío foi o inicio. Tras el, máis empresas foron mandando as súas propostas definitivas ás granxas.

    O 6 de abril exiximos a convocatoria urxente do Consello Agrario Galego e do Observatorio do Sector Lácteo e actuacións inmediatas da Xunta, do Ministerio e da AICA ante a crise do prezo do leite, dando a coñecer o caso de catro granxas de Ribadeo ás que, por mor de non aceptar as ofertas abusivas da empresa Reny Picot, esta deixou de recollerlles o leite. O 7 de abril denunciamos na AICA que as gandeiras e os gandeiros en Galiza estanse vendo obrigadas a tirar o leite por negarse a asinar contratos abusivos, nunha xuntanza á que acudimos dende o SLG pedíndolle que aumente as inspeccións de oficio ante estas prácticas abusivas das empresas que vulneran a Lei da Cadea Alimentaria.

    O 8 de abril, outra vez, demandamos a intervención urxente do Ministerio e da Xunta ante os contratos abusivos no sector lácteo tras participar na mesa sectorial do vacún de leite convocada polo Ministerio de Agricultura para abordar o conflito xerado unilateralmente polas industrias no sector lácteo e esixir unha posición clara do Goberno a favor do presente e do futuro do vacún de leite. “Estes contratos que acaban de impoñerse ao sector produtor deberan considerarse ilegais polo feito de que destrúen claramente o valor e temos unha subida de custos de produción que non se está tendo en consideración, pois os custes de produción e o estudo da cadea de valor do Ministerio é do ano 2023”, subliñou en declaracións á entrada do Ministerio de Agricultura a gandeira Isabel Vilalba.

    E hoxe, 14 de abril, vémonos na obriga de volver alzar a voz en sinal de alarma. Exiximos ACTUACIÓNS INMEDIATAS. O SECTOR LÁCTEO NON PODE AGARDAR MÁIS.