Novas

  • O Sindicato Labrego Galego celebra este sábado no Auditorio de Lalín o seu XI Congreso

    O Sindicato Labrego Galego celebra este sábado no Auditorio de Lalín o seu XI Congreso

    • 26,Nov 2025
    • Posted By : Sindicato Labrego
    • 0 Comments
    • LALÍN
    • sindicato labrego galego
    • XI Congreso

    Baixo o lema Fortalecendo o SLG para unha Galiza labrega con futuro, este sábado 29 de novembro de 2025, terá lugar o XI Congreso do Sindicato Labrego Galego – Comisións Labregas (SLG-CCLL).

    A programación da mañá ocorrerá a porta pechada. Ás 16:00h, coa anunciación da nova Executiva Nacional e Secretaría Xeral, convocaranse aos medios de comunicación.

    Galiza, 26 de novembro de 2025. Dentro de tres días, o Sindicato Labrego Galego – Comisións Labregas (SLG-CCLL) celebrará o seu XI Congreso no Auditorio de Lalín. Un evento imprescindíbel para a organización activa dende 1973 que marcará o porvir dos vindeiros catro anos. O XI Congreso comezará ás 10:30h cun acto pechado á afiliación da organización onde se debullarán os catros anos da actividade política e sindical, o relatorio sindical e organizativo. Será ás 16:00h, coa anunciación da nova Executiva Nacional e Secretaría Xeral, cando se convoca aos medios de comunicación, hora á que tamén acudirán entidades aliadas aos SLG e se procederá á lectura das resolucións. O XI Congreso do Sindicato Labrego Galego pecharase esa mesma tarde co discurso da persoa Secretaria Xeral.

    Durante estes últimos meses realizáronse por todo o país asembleas comarcais de debate e elección das persoas representantes para os vindeiros catro anos. Nestas asembleas, como na xornada do propio Congreso, debátense as prioridades e necesidades para as persoas labregas e, se algo tiveron en común todas as asembleas comarcais, se en algo estiveron de acordo as ducias de labregas afiliadas o SLG que participamos nestas asembleas, foi na necesidade de organizarse para facer oír a voz das labregas en fronte dunhas administracións públicas que levan anos virándonos as costas e lexislando na nosa contra.

    En palabras de Isabel Vilalba Seivane, Secretaria Xeral da organización dende 2012, “estamos nun momento moi importante, se cadra máis ca nunca para protexer todo o sistema de produción de alimentos que temos en Galiza. Cada vez quedan menos persoas agricultoras, pero a produción de alimentos saudábeis na nosa sociedade debería seguir sendo un obxectivo fundamental”, recalca a gandeira e produtora de faba de Lourenzá”. “Estamos falando de alimentos. Estamos falando de saúde. Estamos falando de conservar o medio rural de conservar a paisaxe e de manter o rural con vida, e temos retos moi importantes e ameazas que están sendo cada vez máis visibles que poñen en perigo o seu futuro”.

    Vilalba destaca que, entre as maiores ameazas para o rural galego están a falta de relevo xeracional, as dificultades que os distintos sectores teñen para ter rendibilidade —de aí a importancia de consolidar un sistema de prezos xusto—, e toda cuestión de frear unha burocracia que está afogando as granxas con esixencias que, moitas veces, acaban desanimado totalmente o sector. A isto se lle suman a aparición de novas enfermidades, as perdas asociadas ao cambio climático, e todos os proxectos extractivos con forte impacto que se intentan poñer no medio rural poñendo en perigo a alimentación saudábel para o conxunto da sociedade no futuro.

    O Sindicato Labrego Galego é unha organización imprescindíbel para defender o país: a nosa terra, a nosa paisaxe, a alimentación e a saúde de todos nós, a xustiza social, o noso rural, a nosa cultura…, a nosa lingua e sobre todo á xente que contribúe dun xeito fundamental a todo isto, as labregas e labregos”, engade Vilalba.

    Fortalecendo o SLG para unha Galiza labrega con futuro

    Como di o propio lema do XI CongresoFortalecendo o SLG para unha Galiza labrega con futuro-, as labregas que formamos parte do SLG estamos dispostas a autoorganizarnos para defender o futuro das nosas granxas, o futuro das nosas vilas e aldeas e o futuro das vindeiras xeracións. As labregas do SLG estamos dispostas a dar un paso adiante para poder seguir a producir unha alimentación sa e alimentar o noso pobo, dispostas a organizarnos e loitar por unha Galiza labrega viva e con futuro.

    O vindeiro 29 de novembro en Lalín temos a oportunidade de mostrarlle á sociedade e aos nosos gobernantes que as labregas deste país non nos rendemos. Demandamos ser oídas e tidas en conta en todo o que afecta ao noso modo de vida, en todo o que afecta á Galiza labrega e rural, e que ante os seus continuos ataques, ben por obra ou por omisión, estamos disposta a dar un paso adiante para organizarnos. Co traballo de todas as persoas que formamos parte do SLG CONQUISTAREMOS O NOSO PROPIO FUTURO. A seguir, achégase a listaxe de candidatura de quince persoas escollidas no Congreso para formar parte da Dirección Nacional do Sindicato Labrego Galego – Comisións Labregas. Cómpre puntualizar que estas 15 persoas non son toda a dirección nacional, senón unha parte dela, xa que tamén forman parte as persoas representantes das comarcas e as responsables dos sectores e das secretarías.

    TITULARES

    1. María Carmen Ferreiros Santos (Teixeiro)

    2. Brais Álvarez López (Meira)

    3. Isabel Vilalba Seivane (A Mariña – Lourenzá)

    4. Xosé María García Vilaverde (Ferrolterra)

    5. María Belén Fervenza Couñago (Condado – Paradanta)

    6. Xosé Manuel Parente Conde (Allariz – Celanova)

    7. Estefanía Jacindo Prados (Lugo centro)

    8. Xosé Manuel Calvo Rey (Ordes)

    9. Eva Mazás García (Tabeirós – Terra de Montes)

    10. Manuel Villaverde Salgueiro (Tabeirós – Terra de Montes)

    11. Inés Mirás Vieites (Allariz – Celanova)

    12. Samuel Formoso Salgado (A Limia – Monterrei)

    13. María del Carmen López Varela (Lugo centro)

    14. Daniel Castañal García (Meira)

    15. Manola Suárez Pozas (Allariz – Celanova)

    SUPLENTES

    16. Manuel Moure Montes (Chantada)

    17. Begoña Pérez López (Lugo centro)

    18. Pablo Álvarez Álvarez (Baixo Miño)

    19. Concepción Fernández Méndez (Deza)

    20. Santiago Rodríguez Cid (Allariz – Celanova)