
07/12/2012
O Sindicato Labrego Galego apoia o plan de traballo da Xunta para o sector lácteo pero demanda medidas urxentes para que suba o prezo do leite en xaneiro
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, convocou hoxe, 7 de decembro, ás organizacións agrarias galegas para presentarlles unha proposta de traballo de cara a solucionar os principais problemas do sector lácteo.
O Sindicato Labrego Galego estivo representado pola súa secretaria xeral, Isabel Vilalba, que ao remate do encontro destacou o compromiso de constituír, de xeito inmediato, varios grupos de traballo para abordar estas problemáticas, que necesitan solucións urxentes en temas como os prezos; ou máis a medio e longo prazo en cuestións como a dificultade de acceder a base territorial, un handicap que fai que as nosas explotacións vexan incrementado considerablemente o custe da súa actividade por depender de máis da compra de insumos externos como forraxes, cereais e concentrados para alimentar ás reses.
Isabel Vilalba cualificou de “imperiosa” a necesidade de acadar unha solución ao problema un prezo do leite que cubra, cando menos, os custes de produción. Para a secretaria xeral do SLG, “a construción do prezo do leite só pode ter como punto de partida os custes produtivos e, a partir de aí, a industria e a distribución deben engadir as marxes de beneficio da súa actividade. Mais agora mesmo estase a facer o contrario, e son as industrias e a distribución as que impoñen uns prezos en orixe artificialmente baixos, que non cobren eses custes produtivos e que están arruinando o sector. Isto tamén abre outra fronte de traballo, que consiste en lexislar para que se prohiba a imposición abusiva da venda a perdas ás explotacións, como até agora, e haxa transparencia na cadea de valor”.
Aínda que o documento asinado hoxe polas organizacións agrarias é só un punto de partida para traballar en cuestións como as devanditas, Isabel Vilalba insistiu en que este plan de traballo “debe materializarse, de xeito inmediato, en propostas concretas”, e reclamou que a recuperación dos prezos comece a facerse real a partir do leite cobrado en xaneiro, “pois non imos consentir que a industria siga impoñendo valores ruinosos ás nosas explotacións como acontece agora”.
Para o Sindicato Labrego Galego, a xuntanza de hoxe tivo unha gran importancia pois por fin, tras moitos anos de reivindicalas en solitario por parte desta organización agraria, a Xunta de Galicia e a Consellaría de Medio Rural introduciron na súa axenda de traballo cuestións das que até hai pouco estaba case prohibido falar, como a necesidade de dotar de maior base territorial ás explotacións e, polo tanto, de darlle unha protección especial ao solo para usos agrarios; ou o establecemento dun prezo mínimo que cubra os custes produtivos da actividade gandeira por baixo do cal non se lle poda pagar o leite a unha explotación.
Declaracións da secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba Seivane.