A Xunta de Galicia facilita e promove o modelo privado, cando debería garantir o dereito a unha atención digna e accesíbel, abrindo a porta a un negocio que exclúe á maioría e prima o negocio sobre a calidade dos coidados.
As competencias en materia de servizos sociais e dependencia son da Xunta de Galicia. Porén, os Concellos -neste caso falamos do de Vilalba-, ten a obriga de esixir e debería presentar como se ten comprometido ante a Administración autonómica un Plan que responda ás verdadeiras necesidades da veciñanza.
No ano 2021, o SLG rexistrou unha proposta dirixida ao Concello de Vilalba na que lle pedía que liderase diante da Xunta de Galicia as esixencias para un plan integral de atención ás persoas maiores e dependentes.
Galiza, 20 de abril de 2026. O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) quere dar resposta ás declaracións da alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, que cualificou o proxecto dunha residencia privada no antigo hotel Villamartín como “unha resposta a unha necesidade real e unha demanda histórica da nosa veciñanza”. Entendemos que esa afirmación é falsa e interesada: a demanda histórica da sociedade vilalbesa sempre foi un plan público de atención ás persoas maiores e dependentes, non unha residencia privada con prazas que seguramente roldarán os 2.000 ou 3.000 euros ao mes. Dende o SLG advertimos que esta non é resposta a unha necesidade real se o 90% das familias non a poden pagar. E non é demanda histórica da veciñanza, porque o que a veciñanza precisa e reclamou sempre foron servizos públicos accesíbeis.
Vilalba e a comarca da Terra Chá envellecen a ritmo acelerado
A situación demográfica de Vilalba e da súa comarca é unha realidade que non admite espera. Segundo os datos do INE, Vilalba conta na actualidade con 13.852 habitantes, e as proxeccións indican que o peso das persoas maiores de 65 anos non deixará de medrar nos próximos anos,na actualidade é do 30%. A comarca da Terra Chá, cunha densidade de poboación baixa e unha poboación cada vez máis avellentada, enfróntase a un reto demográfico sen precedentes.
O envellecemento da poboación non é unha ameaza futura, é unha realidade presente. Cada día son máis as familias vilalbesas que necesitan unha praza nun centro de día ou nunha residencia, e cada día son máis as que se atopan cunha porta pechada. A Xunta de Galicia e o Concello de Vilalba saben estes números, pero actúan como se non os vise ninguén.
E o que é peor: a Xunta de Galicia facilita e promove o modelo privado, cando debería garantir o dereito a unha atención digna e accesíbel, abrindo a porta a un negocio que exclúe á maioría e prima o negocio sobre a calidade dos coidados.
O Plan que o Concello debería presentar á Xunta
Neste punto, o SLG quere lembrar que as competencias en materia de servizos sociais e dependencia son da Xunta de Galicia. Porén, o Concello de Vilalba ten a obriga de esixir e debería presentar como se ten comprometido ante a Administración autonómica un Plan que responda ás verdadeiras necesidades da veciñanza. Nese Plan, que o Concello debería liderar diante da Xunta, deberían figurar como prioridades inescusables:
1. Un centro de día público, para favorecer a permanencia das persoas maiores no seu contorno habitual e apoiar ás familias coidadoras.
2. Unha residencia pública de maiores, con prazas accesíbeis economicamente e non un negocio privado que exclúe á maioría da poboación.
3. O financiamento suficiente do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), para evitar o colapso deste servizo.
O Concello non pode limitarse a aplaudir iniciativas privadas mentres non presenta á Xunta un plan público con estas tres esixencias. É a súa responsabilidade.
As preguntas que a alcaldesa debería responder:
1. Canto terá que pagar ao mes un veciño ou veciña de Vilalba que precise ser atendido nesa residencia? As cifras que se manexan (2.000-3.000 €) son inasumíbeis para a maioría. Que o digan claramente.
2. Van recibir unha comida e uns coidados de calidade ou vai prevalecer darlle beneficios á empresa, como acontece en xeral nas residencias privadas? Non é unha pregunta retórica. Os escándalos de residencias privadas con mala alimentación, falta de persoal e beneficios millonarios son constantes.
3. Por que o Concello traballou “estreitamente” co promotor privado desde 2022-2023 e non traballou para conseguir o plan público que a sociedade leva décadas reclamando?
Antecedente: o que o SLG pediu en 2021 (e foi ignorado)
Como antecedente, o SLG lembra que no ano 2021 rexistrou unha proposta dirixida ao Concello de Vilalba na que lle pedía que liderase diante da Xunta de Galicia as esixencias para un plan integral de atención ás persoas maiores e dependentes, que lle presentase ese plan e que abrise un proceso participativo con asociacións veciñais, sindicais, culturais e de persoas maiores.
Nese mesmo ano 2021, o SLG tratou este tema coa daquela alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, nunha reunión na que se lle trasladou a urxencia de poñer en marcha un plan público de atención á dependencia e á vellez. Malia ese encontro e a solicitude presentada, non se chegou a impulsar ningunha medida efectiva, e o Concello desbotou a posibilidade de liderar unha esixencia firme ante a Xunta.
Dende a nosa organización esiximos que, dunha vez por todas, os nosos representantes políticos se poñan a traballar para que os vilalbeses e as vilalbesas contemos cuns servizos de atención ás persoas maiores e dependentes de calidade e realmente públicos. Só lles pedimos que fagan o seu traballo.