Despois de non ter resolto as axudas do ano 2025, a Consellería do Medio Rural publica unha orde onde só incrementa o presuposto en 7 millóns respecto ao ano 2025, cantidade totalmente insuficiente para cubrir as solicitudes do ano 2025 e as que se van a solicitar neste 2026.
“A Consellería sabe que ás 380 solicitudes do ano pasado lle vai ter que sumar outras tantas deste ano, co cal vai xuntar máis de 750 solicitudes cando só ten presupostado fondos para aprobar 530”, advirte Brais Álvarez, Secretario de Acción Sindical do SLG.
Insistimos en que os fondos destinados non garanten ás persoas solicitantes do ano 2025 que a súa axuda vaia a ser aprobada nesta convocatoria. “Valoramos tanto acudir á xustiza como á Valedora do Pobo para que se respecten os nosos dereitos democráticos”, afirma Álvarez.
Galiza, 10 de marzo de 2026. A Consellería do Medio Rural vén de convocar a orde de axudas do ano 2026 para a incorporación á actividade agraria (MR404A) e as axudas para investimentos vinculadas a estas (MR405F). Unha orde que xera alarma entre as mozas e os mozos que solicitaron a súa axuda na convocatoria non resolta pola propia Consellería no ano 2025 e nas que van a solicitar neste 2026.
Antecedentes
Hai pouco máis dun mes coñeciamos a nova, totalmente insólita, de que a Consellería do Medio Rural non ía resolver as solicitudes da axuda de incorporación a actividade agraria convocada no ano 2025, unha axuda que solicitaran 380 mozas e mozos e á cal se destinaban 16 millóns de euros para tal fin. Este feito, totalmente anómalo, non foi xustificado de forma clara por parte da Consellería do Medio Rural nin se deron razóns claras de porque non se resolvía, só se informou ás 380 mozas afectadas de que a súa solicitude pasaría automaticamente a estar incluída nas solicitudes do ano 2026 e pasarían a ter que esperar un ano máis para saber se a súa solicitude de axuda a incorporacións é aprobaba. En todo momento na prensa a conselleira tratou de tranquilizar ás afectadas con promesas baleiras de respectar os seus dereitos na convocatoria do ano 2026, feito que non se materializou na orde. Así mesmo, mantivo o seu discurso diante das protestas e preguntas que o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) fixo no último Consello Agrario do 20 de febreiro de 2026.
A nova convocatoria
Publicada no día de onte a orde de axudas para este 2026, o primeiro que se pode constatar é que o presuposto é claramente insuficiente para dar aprobación a todas as solicitudes de incorporación que hai na actualidade. O presuposto contemplado para o ano 2026 é de 23 millóns de euros, é dicir, 7 millóns máis que a cantidade aprobada inicialmente para o ano 2025. “Cómpre resaltar que con estes 23 millóns teñen que aprobar as 380 solicitudes do ano 2025 e todas aquelas que se soliciten no ano 2026, que analizando as solicitudes e aprobacións dos últimos anos -cando no ano 2024 aprobaron 320 e o ano pasado solicitaron 380 estimamos- que no ano 2026 vai haber entre 350-400 novas solicitudes, o que nós fai pensar que moitas mozas van quedar sen esta axuda de vital importancia para iniciar novos proxectos e dar o relevo en moitas granxas”, denuncia Brais Álvarez, apicultor e Secretario de Acción Sindical do Sindicato Labrego Galego.
Análise dos datos
É que tendo en conta os propios datos da Consellería do Medio Rural no ano 2024 (resolución publicada no DOG do 29/01/2025), as contas non dan. Ese ano aprobáronse 320 solicitudes os que se destinaron 11.900.000 millóns de €, o que da unha media de 37.187,5€ por solicitante. Se collemos o presuposto asignado para este ano (23 millóns de €) e miramos a propia previsión do importe total da medida e realizacións previstas feita na 3 revisión do PEPAC en xaneiro do ano 2025 e que se estimaba en 43326,39€ por solicitante, podemos afirmar que os fondos destinados para este ano dan para aprobar 530 solicitudes.
Este dato é altamente preocupante para o SLG-CCLL. “A Consellería sabe que ás 380 solicitudes do ano pasado lle vai ter que sumar outras tantas deste ano, co cal vai xuntar máis de 750 solicitudes cando só ten presupostado fondos para aprobar 530. Preguntámonos como encaixa co discurso de defender a actividade gandeira e o medio rural que ten a actual conselleira o feito de -nun contexto de peche xeral de granxas- deixar sen estas axudas a máis de 200 mozas e mozos que ían iniciar ou manter o seu proxecto de vida no medio rural” afirma Brais Álvarez.
Algo nunca visto, convocar unha axuda para despois non resolvela
Dende o SLG-CCLL afirman que non teñen constancia, polo menos no ámbito agrario, que unha administración convoque unha axuda como a de incorporacións do ano 2025 e despois non a resolva. “A situación do ano pasado -onde se xeraron as expectativas de incorporarse a actividade agraria cunha axuda a 380 mozas e mozos e despois se lles negou a resolución da axuda sen dar ningunha explicación- é algo nunca visto, e fala do pouco que lle interesamos as persoas e as granxasá actual Consellería do Medio Rural. E non imos deixar que isto quede así cando incluso non se está dando ningunha solución real nin cumprindo a promesa que se garantía no ano 2026 esa aprobación. Se os cartos non chegan isto vai ser como xogar á lotaría, tocaralle a axuda a quen lle toque e quen non tirará nalgúns casos dous anos da súa vida e incluso moitas inversión sen que ninguén responda nesta situación”, asevera o apicultor.
Na organización dubidan da legalidade desta situación e afirman que están estudando todas as opcións posíbeis para que as persoas solicitantes do ano 2025 vexan recoñecidos os seus dereitos. “Dubidamos que esta situación se axuste ao dereito, e estamos estudando a nivel legal como recorrer ante esta situación de total indefensión, así como garantir tanto ás persoas solicitantes do ano 2025 e 2026 que o presuposto é o suficiente para que ninguén que se queira incorporar quede sen axuda. Neste sentido, valoramos tanto acudir á xustiza como á Valedora do Pobo para que se respecten os nosos dereitos democráticos”.
Un problema que vén de lonxe
Durante a negociación do último PEPAC e as súas revisións -que é onde se asignan os fondos que se destinan na PAC 2024-2027 a incorporacións a actividade agraria ou a plans de mellora nas granxas entre outras-, o SLG-CCLL denunciou de xeito continuo que os fondos contemplados no mesmo a estas partidas eran completamente insuficientes para as demandas do sector. “Os datos amosaban que as necesidades de fondos, tanto para incorporacións como para plans de mellora, eran moi superiores ás contempladas, e o tempo deunos a razón. No ano 2024 tivemos que ver como a centos de granxas se lles denegaban os seus plans de mellora, e como no 2025 non resolveron finalmente a axuda e agora neste 2026 os fondos non van chegar”, asevera o Secretario de Acción Sindical do SLG. “Cómpre destacar que centos de granxas por todo o país neste período non van poder acceder a plans de mellora por non ser nin convocadas nos últimos anos e cando se fixo arredor do 70% quedaron fóra por falta de presuposto”, engade.
Para o SLG-CCLL esta falta de planificación non é casualidade nin froito dun erro. “Se fóra un erro xa había tempo que estaría solucionado, isto amosa como a actividade agraria non é unha prioridade para este goberno ao que lle dá igual se quedan granxas abertas e xente no rural”, sinala o apicultor, instando á Consellería do Medio Rural “a que non deixe tiradas a todas estas mozas que se queren incorporar, que cumpran coas súas obrigas e que resolvan a convocatoria anterior e doten a esta dun presuposto suficiente onde poidan entrar tamén moitas granxas que están á espera de axudas para modernización das súas granxas para poder seguir a sobrevivir, nun contexto económico onde non podemos permitirnos xogar coa nosa soberanía alimentaria. Sen labregas, quen vai alimentarnos no futuro?”.
