Novas

  • O Sindicato Labrego e Amigas da Terra denuncian que o anteproxecto da Lei de Loita contra os Incendios Forestais da Xunta nin é integral nin é axeitado para os ecosistemas e o territorio

    O Sindicato Labrego e Amigas da Terra denuncian que o anteproxecto da Lei de Loita contra os Incendios Forestais da Xunta nin é integral nin é axeitado para os ecosistemas e o territorio

    • 25,Set 2026
    • Posted By : Sindicato Labrego
    • 0 Comments
    • AMIGAS DA TERRA
    • LEI INCENDIOS
    • Lumes
    • sindicato labrego galego
    • O anteproxecto de Lei foi presentado o 22 de setembro no Consello Forestal de Galicia: En palabras do SLG e de Amigas da Terra, “chégase tarde, moi tarde e volvemos perder a oportunidade de crear unha lei enfocada á prevención, á xestión do risco e á recuperación dos ecosistemas”.

    • No Consello Forestal, as representantes e os representantes do sector pedíronlle á administración crear un grupo de traballo para elaborar unha lei máis axeitada e integradora e a Xunta proseguiu coa “súa lei” ignorando esta petición.

    Galiza, 25 de setembro de 2026. O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) e Amigas da Terra denunciamos que o anteproxecto da nova Lei de Loita contra os Incendios Forestais de Galicia, presentado o 22 de setembro no Consello Forestal de Galicia, nin é integral nin é o axeitado para protexer os ecosistemas e o conxunto do territorio. As organizacións defenden que Galiza precisa dunha LEI INTEGRAL DE PREVENCIÓN DE INCENDIOS FORESTAIS na que se ten que deseñar unha nova estratexia fronte aos incendios deixando atrás o modelo actual baseado principalmente na extinción.

    Todos os representantes do sector (empresas de servizo, industria, organizacións agrarias, colexios oficiais, propietarios, asociacións ambientalistas, universidades, viveiristas…) pedímoslle á administración que era preciso crear un grupo de traballo para elaborar unha lei máis axeitada e integradora. Non nos fixeron caso e seguen adiante co trámite parlamentario da “súa lei”. En palabras do SLG e de Amigas da Terra, “chégase tarde, moi tarde e volvemos perder a oportunidade de crear unha lei enfocada á prevención, á xestión do risco e á recuperación dos ecosistemas”, sinalan.

    Unha lei de costas ás organizacións, á sociedade e ao medio

    Unha vez máis dilúen a participación pública porque non cren na sociedade á que din representar. Parte dos vogais que estamos no Consello Forestal témolo dito dende a súa creación (Decreto 2006/2004) que este tipo de lei non se lle pode impor á comunidade, ten que configurarse cun carácter participativo das institucións e os axentes interesados da sociedade galega, elaborar un documento básico de traballo, flexíbel e aberto no que representantes institucionais e interlocutores sociais poidan facer achegas, propostas, suxestións, etc. É preciso integrar a xestión sustentábel dos ecosistemas coas políticas de prevención e extinción.


    Diante da crise-emerxencia climática, coa alteración dos condicionantes meteorolóxicos,
    temos que integrar estratexias que fagan máis resilientes os ecosistemas forestais con solucións baseadas na natureza e nos coñecementos, que aínda téndoos, non se poñen en práctica polos poderes públicos.

    As organizacións urxen á administración a actuar de xeito inmediato, tanto na aplicación das medidas xa vixentes como as que se han de decidir, xa que en Galiza contamos cunha serie de parámetros como son a moratoria do eucalipto, a non forestación de terras agrarias, a distancia a pastos, terras de labor, granxas, vivendas etc que xa existen e non se están a cumprir.


    Medidas que cómpre activar:

    Por todo isto, É PRECISO ADAPTARNOS AO CAMBIO CLIMÁTICO E:

    1. Recuperar as paisaxes de mosaico.

    2. Substituír os monocultivos de especies “altamente inflamábeis” por estruturas forestais diversificadas.

    3. Recuperar os “ecosistemas esponxa”, factor clave na xestión do risco (brañas/turbeiras, humedais, chairas aluviais bosques de galería), axudar a reter a auga na paisaxe estabilizando o ciclo hidrolóxico, reducir a seca que xa se observa nos nosos ecosistemas…

    4. Prevención activa mediante a xestión sustentábel do territorio coa recuperación das comunidades rurais e dos traballos que axudan a estabilizar e restaurar os espazos degradados (recuperación de ecosistemas agro-silvo-pastorais, gandería extensiva, produtos de calidade, apicultura traballos tradicionais…).

    5. Asignación de recursos con apoio orzamentario (na nova estratexia contra os lumes a U.E. acaba de aprobar 14.600 millóns de euros de fondos de cohesión para a xestión de catástrofes e adaptación ao cambio climático -até o 2030-).

    En resumo: estamos ante unha lei que chega moi tarde e que por riba non é axeitada aos actuais condicionantes sociais e climáticos tanto do país como globais. Outra oportunidade perdida por unha visión unilateral e cortoplacista da Xunta de Galicia.