XV Encontro de Mulleres

28/02/2020

O Sindicato Labrego celebrará esta fin de semana en Allariz e Verín o seu XV Encontro da Secretaría das Mulleres

A Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego organiza esta fin de semana, 29 de febreiro e 1 de marzo, o seu XV Encontro Anual que, desta vez, celebrarase dacabalo das vilas ourensás de Allariz e Verín. Nesta ocasión, un dos temas centrais do evento serán os servizos sanitarios e de saúde no medio rural e como o seu desmantelamento a causa dos recortes de fondos públicos afecta en maior medida ás mulleres.

Con esta premisa, para o sábado pola mañá organizouse unha palestra baixo o título “Dereito e coidados no rural” na que participarán Sagrario Fernández, traballadora social do Hospital Lucus Augusti que forma parte da Plataforma pola Sanidade Pública e que falará de como están a afectar os recortes á saúde das mulleres; e Ximena González, auxiliar de axuda no fogar e activista da Marcha Mundial das Mulleres, que disertará sobre como o sistema capitalista e patriarcal utiliza para manterse activo o traballo gratuíto das mulleres nos coidados da rapazada ou das persoas maiores. Xa pola tarde, as asistentes terán un obradoiro con Lola Ferreiro, feminista, doutora e experta en saúde das mulleres, baixo o título “Cóidome e déixome coidar porque me quero”.

Outro dos actos centrais deste encontro terá lugar ao día seguinte, o 1 de marzo, en Verín, xa que as participantes acudirán á manifestación “Sen coidados non hai vida”, convocada pola Plataforma Galegas 8M precisamente nesta vila por toda a loita desenvolta nos últimos meses para salvar o servizo médico de asistencia en partos que a Xunta pretendía suprimir. Dende a Secretaría das Mulleres do SLG xa se están preparando os materiais, incluíndo un tractor feminista, para poñerlle o acento labrego a esta mobilización que, dende a organización agraria, tamén se quere incluír na campaña “O rural galego sobre a mesa” con lemas como “Se as labregas non plantan, a cidade non xanta”, xa que os dereitos das mulleres labregas son unha parte irrenunciable da táboa reivindicativa do Sindicato Labrego Galego nestas mobilizacións. Dende este punto de vista, temos que lembrar o fracaso na aplicación da Lei de Titularidade Compartida, vixente dende o ano 2012 para que todas aquelas mulleres que traballan na granxa familiar, sen constar como profesionais, se dean de alta como cotitulares para que lles sexan recoñecidos os seus dereitos laborais. A pesares de ter pasado oito anos dende a súa entrada en vigor, só 18 mulleres se fixeron cotitulares na Galiza, cando dende o Ministerio de Agricultura estimaban que 35.000 galegas se podían beneficiar da medida.

Programa XV Encontro de Mulleres