Novas

  • O sector lácteo reclama a recuperación do valor perdido da cadea para afrontar a crise actual

    O sector lácteo reclama a recuperación do valor perdido da cadea para afrontar a crise actual

    • 15,Set 2026
    • Posted By : Sindicato Labrego
    • 0 Comments
    • granxas de leite
    • prezos do leite
    • Renovación de contratos do leite
    • Sector Lácteo
    • vacún de leite
    • O SLG advirte que, se na próxima renovación de contratos non hai un aumento do prezo do leite que perciben as labregas, poñerá en marcha un calendario de accións.

    • O sector lácteo galego está a vivir unha crítica situación motivada polos fortes incrementos dos custos de produción. Este mes de setembro, a dous meses das novas renovacións dos contratos do sector lácteo, polo de agora non hai mudanzas nas ofertas abusivas das industrias.

    • Solicitamos de maneira inmediata o cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria e pedímoslle á Consellería do Medio Rural que elabore un índice de custos de produción.

    • Este xoves, 17 de setembro, a Secretaria Xeral do SLG, a gandeira María Ferreiro, participará na Comisión non permanente especial do leite que terá lugar ás 12h no Parlamento de Galicia (Santiago de Compostela).

    Compostela, 15 de setembro de 2026. O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) convocou esta mañá unha rolda de prensa no local da organización en Santiago de Compostela para alertar da crítica situación que está a vivir o sector lácteo galego, unha situación que poderá empeorar nas vindeiras semanas por mor dos fortes incrementos dos cursos de produción. Este mes de setembro, a dous meses das novas renovacións dos contratos do sector lácteo, polo de agora non hai mudanzas nas ofertas abusivas das industrias mentres os custos de produción non deixan de aumentar. O SLG advirte que esta situación pon en perigo a continuidade das granxas galegas.

    Para debullar con detemento esta situación e a postura e actuacións que levará a cabo o Sindicato Labrego Galego, participaron na rolda de prensa a Secretaria Xeral do SLG, María Ferreiro, gandeira en Curtis; Manolo Villaverde, gandeiro de Forcarei e responsábel do Sector do Leite do Sindicato Labrego Galego; e a gandeira de Cesuras Eva Rodríguez Rodríguez, vicerresponsábel do Sector Lácteo do SLG.

    “Estamos nunha situación alarmante para as granxas galegas, que non deixan de diminuír o seu número de granxas activas. Preguntámonos até onde vai chegar este número sen medidas e sen estabilidade para o sector”, comezou destacando a Secretaria Xeral do SLG. A gandeira de Curtis subliñou que as granxas galegas supoñen o 42% das granxas de leite do Estado Español, aludindo a todo o que supón a súa supervivencia en canto á alimentación pero tamén ao tecido social, xa que estas granxas vertebran o territorio galego.

    A Secretaria Xeral do SLG fixo alusión á renovación dos contratos do leite e a que todo o que supón a baixada dos prezos do leite. “Vimos unha renovación de contratos do mes de abril onde levamos un dos maiores golpes da historia, con baixadas de prezo entre 6 e 10 céntimos o litro. Ademais houbo granxas que quedaron sen recollida”, reclamou, relatando toda a cronoloxía das reivindicacións que o SLG levou acabo durante estes meses.

    Por toda esta situación, dende o Sindicato Labrego Galego solicitamos de maneira inmediata o cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria e pedímoslle á Consellería do Medio Rural que elabore un índice de custos de produción, que xa existen noutras comunidades como Andalucía ou o País Vascos. Doutra banda, a organización tamén reclama a articulación de mesas de diálogo coa administración onde poidan estar representadas todas as partes da cadea.

    Os testemuños das gandeiras

    Manolo Villaverde, gandeiro de Forcarei e responsábel do Sector do Leite do Sindicato Labrego Galego; subliñou que vivimos nun Estado onde a oferta de leite non cubre a demanda actual, indicando que se trata dun problema que vai ir en aumento pola falta de relevo xeracional e o peche das granxas. “Estamos pasando unha seca terrible, do que eu recordo a peor. Isto ten unha suba de custos brutal. Á subida de custos que trouxeron os conflitos internacionais xúntase unha seca que nos diminuíu moito todas as colleitas e a produción de insumos, polo que hai que mercar fóra para alimentar aos animais, ademais do aumento do prezo do gasóleo”, explica o gandeiro. “Neste contexto e ante o futuro que nos agarda, se temos outra baixada ou non temos suba, a situación vai empeorar”.

    A gandeira de Cesuras Eva Rodríguez Rodríguez, vicerresponsábel do Sector Lácteo do SLG sinalou que todo este contexto supoñerá unha baixada de produción grande, o que levará a sacrificar animais. “Avecíñase un outono moi escuro. Este ano, coa seca que houbo e o incremento de custos xerais, vai multiplicar a caída do número de granxas de leite que rematará cun abandono no rural con todo o que implica iso a nivel social e económico”, recoñece.

    A gandeira de Cesuras tamén afondou na enfermidades actuais no gando. “Todo ese cambio de climatoloxía que estamos vivindo fai que as pragas estean máis activas nas granxas, o que aumenta os riscos de enfermidades. Dende o SLG consideramos que a Xunta non está facendo nada nese senso, un dos exemplos é o caso da Lingua Azul. Ofrecéronnos vacinas para o serotipo 4 cando vemos que o que están afectando ás granxas os o 3 e o 8. Pedimos que se informe ao sector de como está avanzando o serotipo por comarcas”, sinalou.

    Renovación dos contratos do leite

    Este mes de setembro, a dous meses das novas renovacións dos contratos do sector lácteo, polo de agora non hai mudanzas nas ofertas abusivas das industrias. A mediados de setembro encontrámonos con que as industrias lácteas pretende manter o mesmo prezo do leite a pagarlle ás gandeiras e aos gandeiros que o período anterior (prezos á baixa), nunha situación de incremento de custos e perdas nas colleitas, o que, en realidade, semella unha baixada polo aumento dos custos sen que vaia acompañado do correspondente ascenso do importe a percibir polo produto.

    Ante isto, o Sindicato Labrego Galego advirte que, se na próxima renovación de contratos non hai un aumento do prezo do leite que perciben as labregas, poñerá en marcha un calendario de accións, como informar ás consumidoras e consumidores das marcas que explotan ás granxas galegas destruíndo o prezo do leite.

    O SLG este xoves na Comisión do leite

    Este xoves, 17 de setembro, a Secretaria Xeral do SLG, a gandeira María Ferreiro, participará na Comisión non permanente especial de estudo sobre os factores que inflúen sobre o prezo do leite en Galicia e a dificultade de aplicación práctica da normativa en contratación alimentaria no sector do leite, que terá lugar ás 12h no Parlamento de Galicia (rúa do Hórreo, 63, 15702 Santiago de Compostela, A Coruña). Á saída a gandeira dará declaracións aos medios de comunicación. “Levaremos estas medidas á Comisión”, dixo a Secretaria Xeral do SLG.