
23/01/2025
O sector apícola do Sindicato Labrego mobilizarase en Madrid fronte á Delegación da Comisión Europea
Un estudo da UE confirma que máis da metade das mostras de mel analizadas en fronteiras europeas foron fraudulentas. O acordo UE-MERCOSUR ameaza con esmagar ás apicultoras comunitarias importando 45.000tm de mel a baixo prezo
Baixo o lema “Apicultoras europeas contra a fraude. Os xaropes manufacturados non son mel”, persoas produtoras de mel no Estado español, Francia e Portugal sairán simultaneamente ás rúas das capitais dos seus respectivos Estados o vindeiro martes 28 de xaneiro para demandar medidas de control das importacións e ferramentas para a protección do sector apícola europeo.
O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) está organizando unha delegación que acudirá á mobilización convocada fronte á sede da UE en Madrid ás 11h. pola Coordinadora de Organizaciones Agrarias y Ganaderas (COAG), estrutura da que formamos parte a nivel estatal. O teléfono para inscribirse é o 679 192 000.
Nos últimos anos o sector vén alertando do desprazamento do mel de calidade dos andeis das superficies comerciais a favor dos xaropes e sucedáneos. Xa no ano 2022, aproveitando a presidencia española do Consello da Unión Europea, dende o SLG instamos a liderar a nivel europeo a modificación da Directiva do Mel e do Código Aduaneiro da Unión, co obxectivo de que a verdadeira orixe dos meles comercializados no Estado español se reflectira correctamente na súa etiquetaxe: “Esiximos un maior control da calidade dos meles importados, así como das posibles adulteracións e do mel envasado no mercado”, demandou xa daquela o apicultor e membro da Executiva Nacional do SLG, Brais Álvarez.
Estas denuncias foron confirmadas en marzo do ano pasado por un informe elaborado pola OLAF (Oficina Europea de Loita contra a Fraude), o JRC (Centro Común de Investigación da Unión Europea) e a DG SANTE (Dirección Xeral de Saúde e Seguridade Alimentaria da Comisión Europea). Baseándose no resultado de controis realizados en fronteiras sobre centos de importacións de mel durante 2021 e 2022, a Unión Europea concluíu que o 46% das mostras analizadas eran fraudulentas e no 66% das empresas importadoras inspeccionadas detectouse polo menos un tipo de incidencia neste senso. No caso do Estado español, as porcentaxes soben ao 51% das importacións con produtos fraudulentos e ao 85% das empresas importadoras.
“Ademais, esta situación vaise ver fondamente agravada se sigue para adiante o acordo de desregulación comercial da UE con países do MERCOSUR, ao que o Sindicato Labrego Galego, así como as demais organizacións da Coordenadora Europea Vía Campesina, opoñémonos frontalmente. Este tratado, que so beneficia ás grandes producións, vai supoñer que moitas de nós teñamos que pechar, xa que van inundar o noso mercado con produtos a moi baixo prezo -por baixo do que custa producir na UE, é dicir, mediante dumping-. É insólito que o acordo estableza un continxente libre de aranceis de 45.000 toneladas en 5 anos”, advirte Álvarez.
Apicultoras e apicultores do Sindicato Labrego Galego reivindicarán o vindeiro martes 28 en Madrid a anulación do TLC UE-Mercosur, maiores controis das importacións de mel, a eliminación de estratexias comerciais de dumping e unhas políticas agrícolas que reforcen e protexan a produción de mel, unha actividade fundamental para o coidado da biodiversidade en tódalas súas dimensións e un alimento con destacados beneficios para a saúde das persoas.