Mercado en Compostela

08/04/2020

O Ministerio de Agricultura desenténdese dos mercados de proximidade e 600 organizacións do Estado reclamamos a súa reapertura diante de Sanidade e Consumo

En vista da resposta do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e a falta de medidas concretas, preto de 600 organizacións e colectivos de todo o Estado rexistramos unha nova carta aos ministerio de Sanidade e Consumo, este 8 de abril, onde se solicita formalmente que se “diten as instrucións pertinentes ás comunidades autónomas e concellos para que se busquen solucións para os mercados non sedentarios de proximidade”.

Esta segunda carta é o seguinte paso no marco da campaña #SOScampesinado, unha alianza de organizacións ecoloxistas, sindicatos, produtoras e produtores locais, plataformas, cooperativas e grupos de investigación que esixen medidas concretas para a protección da economía local e o sector agroalimentario a pequena escala.

O peche xeneralizado dos mercados alimentarios pola interpretación excesivamente restritiva que moitos gobernos locais e autonómicos están a facer que as prohibicións decretadas polo estado de alarma diante da pandemia do COVID-19 estean a xerar custes inasumibles aos produtores e produtoras locais. Esta situación está afectando profundamente aos seus modos de vida, ademais de estar incrementando o desperdicio alimentario pola imposibilidade de dar saída aos seus produtos e, o que é máis grave, que non cheguen á cidadanía alimentos básicos, frescos e máis sans fronte aos procesados.

As organizacións asinantes remitímonos aos protocolos de seguridade e hixiene postos en marcha por algunhas comunidades autónomas para que os mercados de proximidade e outros circuítos curtos de comercialización poidan seguir sendo garantes de seguridade alimentaria durante a crise. Non en van, estas canles de venda directa facilitan o acceso á cidadanía de bens de primeira necesidade -cuxa produción, circulación e abastecemento están protexidas expresamente polo estado de alarma- en condicións óptimas de seguridade e hixiene que adoitan ser superiores ás de calquera supermercado. En concreto, citamos a regulación que fixo da venda directa de alimentos o Goberno das Illas Baleares; ou dos desprazamentos a granxas, hortas e currais de autoabastecemento de alimentos que fixo a Consellaría de Medio Rural en Galiza.

Compra pública de alimentos e exención do pago de autónomos

Tamén, de cara a mitigar o brutal impacto económico que está a provocar a crise nas economías labregas, entre outros motivos pola inactividade do sector hostaleiro, pediuse un esforzo das diversas administracións para que aposten polas producións locais, as de orixe extensiva e as agroecolóxicas na compra pública de alimentos para fornecer hospitais, centros de maiores, comedores sociais, comedores escolares ou bancos de alimentos; ou medidas fiscais como a exención do pago de autónomos ás pequenas granxas.

Esta urxencia, como tantas outras, atoparanos unidas a todas as organizacións que traballamos a favor dunha alimentación sa e sostible, onde a pequena produción agroecolóxica agraria e gandeira está na avangarda.

A continuación, compartimos o escrito íntegro presentado diante dos ministerios de Agricultura, Sanidade e Consumo coa totalidade dos argumentos e peticións que se fan para a pequena produción e a venda directa no sector agroalimentario de toda España. Podes descargalo na icona que atoparás a continuación. O período de adhesións finalizou.

O Ministerio de Agricultura desenténdese dos mercados de proximidade e 600 organizacións do Estado reclamamos a súa reapertura diante de Sanidade e Consumo