Compravenda labrega

09/06/2012

O mercado semanal do alimento labrego en Teo bota a andar coa asistencia de máis de cincocentas persoas

A pesar da choiva, o mercado do alimento labrego dos Tilos (Teo), organizado polo SLG e polo concello, foi todo un éxito. Ao redor de medio milleiro de persoas achegáronse até para mercar alimentos de tempada producidos por explotacións da bisbarra. En total, houbo quince postos de venda onde se puideron atopar dende hortalizas frescas até produtos elaborados como marmeladas, rosquillas, viños e licores. Ademais, ás 13:00 horas tamén se sorteou unha cesta elaborada con alimentos de cada posto.

Deste xeito, culmina todo un traballo que comezou cun curso de agricultura ecolóxica no concello en 2011, e tivo continuidade na organización deste evento e nunha serie de charlas previas en Calo, Recesende, Os Tilos e Cacheiras para promovelo.

A partir de agora, o mercado do alimento labrego dos Tilos celebrarase cada sábado, de 10:00 a 14:00 horas, creándose así un espazo de venda directa como alternativa de futuro para as produtoras e produtores da zona. Con esta liña de fondo, o mercado nace como un proxecto de acción e sensibilización colectiva, para favorecer o consumo de alimentos locais e de tempada, e para recuperar a idea do mercado como espazo social e de encontro. Dende o Sindicato Labrego Galego cremos que, no contexto de crise estrutural na que nos atopamos, as alternativas de futuro pasan por este tipo de apostas, que teñen na soberanía alimentaria o seu marco de acción.

O desenvolvemento de mercados coma este é tamén unha vía para xerar emprego rural, especialmente nestes momentos no que o paro ameaza a unha parte importante da poboación. Precisamos buscar alternativas, e a produción de alimentos sans e de calidade é unha delas.

Este mercado bota andar co compromiso dun grupo de labregas e labregos da comarca, agardando que se sumen moitas e moitos máis. No mercado p atopar espazos diferenciados: agricultura ecolóxica certificada, alimentos naturais e sostibles, producións caseiras, etcétera.

Mercado dos Tilos