02/10/2024
O máis que probable atraso nas incorporacións volta provocar inseguridade a centos de novas persoas agricultoras
Afecta a xestións esenciais como o financiamento do proxecto, a adquisición de maquinaria ou os proxectos e licenzas de obra. Ao igual que Industria contrata persoal para acelerar os expedientes dos eólicos, a CMR podería incrementar plantilla
Un ano máis a Consellaría do Medio Rural atrásase na tramitación dos Plans de Mellora e Axudas de Incorporación. Inda por riba, lonxe de asumir responsabilidades, xustifica este atraso no aumento da carga de traballo, o que é como recoñecer que a Consellaría do Medio Rural non está preparada para que cada vez máis persoas se incorporen á produción de alimentos.
Esta situación compromete a viabilidade das granxas en cuestións esenciais, como o desenvolvemento de proxectos de obra e solicitudes de licenza asociados -podendo chegar a caducar os xa solicitados- ou a adquisición de maquinaria. No caso de ter xa un crédito para facer o proxecto, ou no de non ter acceso a financiamento, que van facer as granxas se o retraso na resolución das axudas afecta a estes prazos? Ademais, se alguén se incorpora agora pode que logo perda a opción de acceder ás axudas, xa que aínda poden quedar expedientes sen aprobar, cando o dean resolto.
A Xunta debe notificar publicamente cando se lles van resolver os expedientes ás persoas interesadas, e non ter a centos de solicitantes na incerteza. Vai saír a convocatoria para o ano 2025 ou este mal funcionamento que é responsabilidade da Consellería do Medio Rural vai implicar que centos de persoas mozas queden sen estas axudas que son vitais para a súa incorporación?
Tendo en conta que Galiza é o territorio do Estado español con menos superficie agraria útil, debería ser obxectivo prioritario da Consellaría impulsar a actividade agraria, tanto executando correctamente o procedemento de tramitación de axudas como establecendo fórmulas para poder incrementar a porcentaxe de terra dispoñíbel.
Non é de recibo que se tente xustificar esta demora, así como o feito de que a convocatoria das axudas para o vindeiro ano estean neste momento comprometidas, nunha cuestión perfectamente factible para unha Consellaría como é a contratación do persoal requirido para levar adiante as súas funcións, en lugar da sobrecarga á que está á someter ás traballadoras e traballadores públicos.
Para contratar persoal a maiores para adicalo a cuestións como acelerar a tramitación dos polígonos industriais eólicos a Xunta de Galicia non ten ningún tipo de dificultade, por que no caso das labregas e labregos xa non só non se esforza por ser máis eficaz se non que nin tan sequera resolve en prazo?
“O sistema para tramitar as axudas falla, non cumpre os obxectivos, e ano a ano temos a mesma incerteza”, lamenta Brais Álvarez, apicultor e responsábel da Secretaría da Mocidade no SLG. “Ademais, a tramitación electrónica de procedementos á que obrigou a Administración pública, que supostamente debería mellorar a xestión, realmente esta empeorándoa, con consecuencias como a dificultade para dar cobertura ás necesidades das incorporacións das persoas mozas”.
Resulta inconcibible que a CMR pretendera facer unha convocatoria desta dimensión a través do programa Melles cando este xa non foi funcional o ano pasado. De feito presentou eivas técnicas dende o inicio do seu funcionamento: erros, datos mal cargados, datas incorrectas, dificultade ou mesmo imposibilidade para modificar arquivos precargados...
Ademais destes problemas presentes en tódolos trámites, no caso concreto das solicitudes de mellora e incorporación, a data límite de xustificación do primeiro pago das realizadas no 2023 e aprobadas no 2024 consta na aplicación cunha data que é un mes máis tarde da data límite real de xustificación.
Obviamente isto crea inseguridade tanto ás solicitantes como ás tramitadoras e ás funcionarias que validan os expedientes, conscientes de que o que di a aplicación non é coincidente coa realidade, facendo que tanto a fase de solicitude como a de tramitación se converta nun calvario para todas.... Menos para a conselleira.
Neste contexto administrativo, procesos que deberían ser sinxelos e amables para as persoas labregas que se incorporan e as funcionarias que fan o acompañamento dilátanse no tempo, ca conseguinte preocupación para unhas e saturación de carga de traballo para as outras.
Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) instamos á Consellaría a reflexionar e asumir os graves prexuízos que esta situación está a crear tanto para as persoas solicitantes como para o persoal da Administración traballa con estes expedientes.
“A día de hoxe trátase de vender unha falsa imaxe de dixitalización, pero a realidade evidencia que inda non estamos preparadas. Acaso a Consellaría de Medio Rural é capaz de comprometer as incorporacións de centos de mozas, os plans de melloras de centos de granxas e a empeorar as condicións de traballo do persoal público por tentar dar a través dos medios de comunicación unha imaxe de administración supostamente modernizada? O sistema non funciona nin para solicitantes nin para persoal administrativo. Os cargos responsables na Consellaría deberían corrixilo. Queremos máis incorporación e menos burocracia. Máis persoas nos servizos públicos e menos máquinas. Queremos xente coa que falar, non máquinas coas que pelexar”, insta Brais Álvarez.