Novas

  • O Congreso Sectorial do Vacún de Carne do Sindicato Labrego Galego terá lugar ESTE SÁBADO 25 de abril en Portomarín

    O Congreso Sectorial do Vacún de Carne do Sindicato Labrego Galego terá lugar ESTE SÁBADO 25 de abril en Portomarín

    • 23,Abr 2026
    • Posted By : Sindicato Labrego
    • 0 Comments
    • congreso carne SLG
    • portomarín
    • sindicato labrego galego
    • A Casa da Cultura de Portomarín acollerá o sábado 25 de abril o Congreso do Sector do Vacún de Carne do SLG a partir das 11h da mañá (Anxel Fole, s/n – 27170 – Portomarín).

    • O sector viviu os últimos anos nunha incerteza continua marcada polas políticas neoliberais que afectan ao día a día do mesmo, sen que os problemas estruturais que sofre se virán acompañados de políticas que permitiran garantir un futuro digno ás máis de 15000 granxas de carne que vertebran gran parte do territorio galego.

    • Somos unha ferramenta imprescindíbel neste país”, sinala o gandeiro e responsábel do Sector de Carne do SLG, Samuel Formoso. É necesario loitar para que as administracións públicas entendan que o futuro do rural son as granxas galegas.

    Galiza, 23 de abril de 2026. O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) realizará este sábado, 25 de abril, o Congreso do Sector do Vacún de Carne en Portomarín (Lugo). O acto terá lugar dende a partir das 11h da mañá Casa da Cultura (Anxel Fole, s/n – 27170 – Portomarín – Lugo). Nel farase unha diagnose da situación actual do sector e definiranse os pasos a seguir pola organización nos vindeiros catro anos, ademais de renovarse a dirección do sector, composta polas correspondentes comarcais, responsábel e vicerresponsábel do Sector do Vacún de Carne do Sindicato Labrego Galego.

    O sector nestes últimos anos

    O Sector do Vacún de Carne viviu os últimos anos nunha incerteza continua marcada polas políticas neoliberais que afectan ao día a día do mesmo, sen que os problemas estruturais que sofre se virán acompañados de políticas que permitiran garantir un futuro digno ás máis de 15000 granxas de carne que vertebran gran parte do territorio galego e, especialmente, ás zonas de alta montaña das provincias de Lugo e Ourense. Estes últimos anos viñeron dominados pola contradición entre o noso modelo tradicional de produción de carne e as políticas neoliberais e produtivistas emanadas das administracións públicas e fomentadas pola industria do sector.

    Estes catro anos foron intensos”, declara Samuel Formoso, actual responsábel do Sector da Carne do SLG e vogal da nosa organización na IXP Vaca e Boi de Galicia.

    “Comezamos aínda en pandemia, con prezos baixos e tivemos unha morea de concentracións, en Ourense, en Vilalba, en Lugo…Tamén reunións, aínda me lembro que daquela levabamos máscara!”, recorda o gandeiro de Vilar de Barrio (Ourense). Formoso fai mención aos primeiros anos como vogal do Sindicato Labrego Galego na IXP Vaca e Boi de Galicia. “Durante estes tres anos e algo que levamos no Consello Regular somos un pouco o contrapunto, o contrapeso á industria e á distribución porque somos os únicos que nos levamos opoñendo a certas medidas que se tentaron implementar dende o Consello Regulador, como o tema do acortellamento que deixaba fóra a un montón de granxas, porque son moitas as que non poden cumprir o de acortellar aos becerros dos sete meses en adiante, e hoxe estamos tamén co tema do Azul Belga que nos queren colar dentro das razas da IXP e nós opoñémonos a que entren razas foráneas na nosa marca”, subliña.

    Samuel Formoso

    O responsábel do Sector da Carne do SLG fai fincapé en que neste período comezaramos tamén denunciando ante a xustiza e a sociedade como as granxas de menos de 10 vacas nutrices eran excluídas das axudas para resistir á crise da COVID19, unha axuda xa de por si insuficiente en cantidade que ademais excluía a máis da metade de granxas do sector na propia orde e que só percibiron 4621 granxas das case 19000 existentes naquel momento. O gandeiro remarca que afrontamos épocas incertas no referido á seguridade sanitaria ou sanidade animal, exposta nos últimos anos a novas doenzas que incrementan as perdas e os custos de produción dedicados a previr e paliar os danos de enfermidades como a EHE, Lingua Azul ou Dermatose Nodular.

    A realidade do sector

    A negación sistemática da realidade das granxas galegas compromete o seu futuro. Seguimos sen ter poder ningún de negociación dos prezos que percibimos polo noso produto. A lei da cadea alimentaria segue sen desenvolver os mecanismos que permitan establecer uns custos de produción que permitan regular un sistema que garanta ingresos dignos polo noso traballo e protexernos das importacións. Así mesmo, seguen sen desenvolverse políticas públicas que nos permitan escapar das canles tradicionais de comercialización. Séguese a negar a realidade de establecer canles de venda directa, a creación dunha rede comarcal de matadoiros ou fomentar sistemas de comercialización que nos permitan non ter que someternos á “ditadura” de prezos que marcan as grandes industrias. A perda de superficie agraria útil afecta a un sector moi dependente dela para baixar os custos de produción e non ser dependente duns insumos cada vez máis altos e volátiles en función da situación xeopolítica (guerra de Ucraína, guerra de Oriente Medio…).

    Existe unha intención clara por parte de certos axentes do sector e das administracións públicas de rematar coas granxas tipo que existen por todo o país. Isto presenta unha clara intención de concentración da produción e do capital en menos mans, como xa levamos vendo décadas noutros sectores como o leite, destruíndo centos de granxas por todo o país e afondando aínda máis na crise demográfica que vive o rural galego.

    Neste contexto enmárcase o Congreso do Sector de Vacún de Carne do Sindicato Labrego Galego. “Somos unha ferramenta imprescindíbel neste país”, conclúe o gandeiro e responsábel do Sector de Carne do SLG, Samuel Formoso. É necesario loitar para que as administracións públicas entendan que o futuro do rural son as granxas galegas e que este non pasa por unhas poucas granxas illadas non sostíbeis nin economicamente nin socialmente. Loitar porque se aposte por un modelo de granxa aínda existente que axuda a vertebrar as zonas rurais, con aldeas e vilas con vida.

    cartaz congreso carne 2026