Novas

  • O Congreso do Sector Vexetal do Sindicato Labrego Galego terá lugar este domingo 1 de marzo na Estrada

    O Congreso do Sector Vexetal do Sindicato Labrego Galego terá lugar este domingo 1 de marzo na Estrada

    • 27,Feb 2026
    • Posted By : Sindicato Labrego
    • 0 Comments
    • Sector Vexetal
    • sindicato labrego galego
    • Durante a mañá deste domingo, 1 de marzo, as produtoras do SLG-CCLL xuntaranse na Sala Mome da Estrada (Pontevedra) no marco do Congreso do Sector Vexetal, que se inaugurará ás 11:00h e finalizará ás 14:30h.

    • A realización do Congreso do Sector Vexetal do SLG enmárcase nun momento difícil para o sector, fortemente afectado polas chuvias deste inverno, que prexudicaron en grande medida a produción da primavera.

    • Nestes últimos anos, o Sindicato Labrego Galego solicitou en varias ocasións xuntanzas coa Consellería do Medio Rural para abordar as problemáticas do Sector Vexetal. Nunca recibimos resposta.

    Galiza, 27 febreiro de 2026. Tras o XI Congreso do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) que se celebrou o pasado 29 de novembro en Lalín, baixo o lema ‘Fortalecendo o SLG para unha Galiza labrega con futuro’, ao longo deste ano terán lugar os Congresos Sectoriais da organización. Durante a mañá deste domingo, 1 de marzo, as produtoras e os produtores do SLG-CCLL xuntarase na Sala Mome da Estrada (Pontevedra) no marco do Congreso do Sector Vexetal, que se inaugurará ás 11:00h e finalizará ás 14:30h. Unha xornada na que se definirán as directrices a seguir pola organización nos vindeiros catro anos e se renovarán as persoas responsábeis do Sector Vexetal do Sindicato Labrego Galego.

    Un sector afectado polas fortes chuvias

    A realización do Congreso do Sector Vexetal do SLG enmárcase nun momento difícil para o sector, fortemente afectado polas chuvias deste inverno, que prexudicaron en grande medida a produción da primavera. Por mor do temporal moitas labregas non puiden plantar os cultivos. “O sector vexetal vimos encadeando consecuencias da crise climática dende hai tempo. Saímos das secas fortes do verán e metémonos nun inverno como o que estamos vivindo…vén a auga toda de golpe, é imposíbel facer un traballo nas terras…iso implica atrasos nos cultivos....todo perda tras perda”, denuncia Santiago Rodríguez Cid, produtor de horta en Cartelle (Ourense) e actual responsábel do Sector Vexetal do SLG. Rodríguez Cid destaca que estas perdas abranguen a todo o sector, pero as produtoras máis afectadas son as que cultivan en exterior, como é o seu caso. “Agora na primavera cando teriamos que estar recollendo…aínda non demos plantado!”, exclama o labrego.

    A vicerresponsábel do Sector Vexetal do SLG, a labrega Belén Fervenza Couñago (Reboreda, Redondela), produtora de horta e flor, tamén fai fincapé na imposibilidade de traballar a terra con tanta chuvia. “Hai cultivos que non medran como deberían medrar porque teñen exceso de humidade nas raíces. Tamén coñezo compañeiras que o temporal lle rompeu os invernadoiros. Estes invernos destes últimos anos están sendo duros, pero este en concreto foi demasiado. Estamos en marzo case e no mes de febreiro non puidemos facer nada…entón o atraso vaise notar nas producións. E logo todo ese exceso de auga na terra vai provocar a aparición de fungos, e imos ter que estar enfrontándonos a iso tamén”, testemuña.

    O abandono da Xunta

    Nestes últimos anos, o Sindicato Labrego Galego solicitou en varias ocasións xuntanzas coa Consellería do Medio Rural para abordar as problemáticas do Sector Vexetal. Nunca recibimos resposta. Nin unha soa vez fomos recibidos polos distintos conselleiros, ante situacións de perda de colleitas e atrasos na sementeira a causa do cambio climático, que foron solicitados por este sector xunto coa Secretaria Xeral desta organización, o que indica o claro abandono e baleiro que representan as nosas demandas para os representantes da Consellería do Medio Rural. Non hai liñas de axudas específicas para o sector, sobre todo no tema da horta, as que din que se poden adaptar é mentira, porque somos granxas pequenas, e non hai nada que cubra as perdas que temos. Imos encadeando anos de perdas en moitas producións. Non sei se é que o sector non importa, ou se é que só importan outros sectores aquí, só hai que ver á conselleira por onde se move. Pero seguimos até que aguantemos”, recalca Rodríguez Cid.

    O que está claro é que temos moitas dificultades e que cando se fala de axudas non se ten en conta os nosos proxectos. É un baleiro. Somos un sector que tamén se merece ser escoitado. A administración debería escoitarnos. Debemos loitar por ser recoñecidas. Somos moitos os proxectos, somos proxectos que estamos vinculados á terra, á produción e á alimentación e debería terse en conta e ver as nosas demandas”, reivindica Belén Fervenza. “Sinto que a sociedade se pode escoller escolle produto galego, isto está gañado, pero ten que ser viábel que exista produto galego, porque dende a administración fan moita publicidade de produto galego pero logo non apoian ás produtoras e aos produtores, a xente non vive do aire”, asevera.

    As dificultades das persoas produtoras

    Como recoñecen o responsábel e a vicerreponsábel do Sector Vexetal do SLG, ese abandono do rural -do modelo que defende o Sindicato Labrego Galego-, reflíctese na dificultade para acceder á terra, ás axudas, ao desmantelamento dos servizos públicos, o cada vez máis escaso ou nulo asesoramento técnico axeitado ás nosas demandas dende as oficinas comarcais de Extensión Agraria, a complexidade e o exceso de burocracia, o aumento da dixitalización que supón unha maior carga de traballo a asumir polas labregas, altos custos de produción, baixos rendementos, falla de investigación pública adaptada ás nosas producións, prezos baixos, inestabilidade económica…Todas estas circunstancias que envolven as producións e coas que as labregas e os labregos se enfrontan día a día, fan que esta actividade sexa percibida pola xente moza como pouco atractiva e segura, o que segue a abrir unha brecha enorme coa falla de relevo nas granxas. A pesares deste contexto tan difícil, o sector hortofrotícola galego segue a ser un sector económico estratéxico e dinámico con oportunidades de crecemento percibido positivamente pola calidade das súas producións, moi atractivo para as consumidoras e que xera interese de cara á chegada de novos proxectos que se queren asentar no rural.

    Fortalecer o Sector Vexetal

    O máis importante nestes momentos é o traballo colectivo. Loitamos pola nosa existencia. É importante que sigamos traballando para reforzarnos”, afirma a vicerresponsábel do Sector Vexetal do SLG en relación ao congreso do sector que terá lugar este domingo 1 de marzo. Estes últimos anos, creouse un grupo de traballo para dar seguimento ás demandas do sector, participouse no Programa Cultiva de intercambio de granxas, traballouse unha táboa e prezos e deseñouse un programa de formación a realizar no período 2025/2026 específico para o sector que se desenvolverá ao longo deste ano. “Imos seguir traballando en como reforzar o traballo interno como sector e no que é a representatividade de cara á sociedade e a cidadanía. É importante que exista un Sector Vexetal en Galiza e no SLG seguiremos traballando nel”, defende Belén Fervenza.