Novas

  • O Congreso do Sector Lácteo do SLG reivindica o papel fundamental das granxas galegas e o seu peso na Galiza

    O Congreso do Sector Lácteo do SLG reivindica o papel fundamental das granxas galegas e o seu peso na Galiza

    • 27,Mar 2026
    • Posted By : Sindicato Labrego
    • 0 Comments
    • congreso sector leite slg
    • renovación contratos
    • sindicato labrego galego
    • O alimento con máis marca de Galiza é o leite e iso non temos que esquecelo nunca. Moita xente que está aquí traballa arreo por iso”, recoñeceu Manolo Villaverde, que foi reelixido responsábel do Sector do Leite do Sindicato Labrego Galego. A gandeira de Cesuras Eva Rodríguez Rodríguez, nova vicerresponsábel do Sector Lácteo do SLG.

    • En plena renovación dos contractos do leite, condenamos a práctica abusiva das empresas e da industria que aplican unilateralmente as condicións contractuais que só obrigan ás labregas e aos labregos produtores de leite. “O camiño é construír unha cadea de valor e cubrir sempre os nosos custos de produción”, afirmou a gandeira Isabel Vilalba.

    • Temos que dignificar e valorizar o que facemos, e para todo iso temos unha ferramenta que é a nosa organización, o Sindicato Labrego Galego”, subliñou María Ferreiro, Secretaria Xeral do SLG.

    Galiza, 27 de marzo de 2026. Durante a mañá de hoxe tivo lugar o Congreso do Sector Lácteo do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas na Casa Habanera, en Guitiriz. O gandeiro de Forcarei Manolo Villaverde, reelixido responsábel do Sector do Leite do Sindicato Labrego Galego. A gandeira de Cesuras Eva Rodríguez Rodríguez, nova vicerresponsábel do Sector Lácteo do SLG. Déronse a coñecer, tamén, as persoas responsábeis comarcais que conformaran a dirección do sector. O Congreso enmarcouse en plena renovación dos contratos do leite e da problemática da falta de relevo ante o alarmante peche de granxas, un momento difícil para o sector no que as industrias, unha vez máis, están a xogar co futuro das nosas granxas.

    Encontrámonos aquí para que todas poidamos continuar como sector e como profesión”, sentenciou na benvida a gandeira e Secretaria Xeral do SLG María Ferreiro. A posteriori, presentou a mesa do Congreso, integrada por Ana Rodríguez gandeira e que foi até o día de hoxe a vicerresponsábel do Sector, José Manuel Calvo Rey gandeiro e integrante da Executiva Nacional do SLG -que exerceu de moderador-, Irea Blanco Rodríguez, moza que vai coller o relevo da granxa familiar e que forma parte da Dirección Nacional do SLG e o gandeiro Manuel Moure Montes, representante comarcal de Chantada.

    Análise do sector

    O sector analizou o traballo do SLG durante estes últimos anos. “Estamos nun momento de alza de custos no que parece que temos que pedir perdón polo que cobramos até agora. Nestes catro anos vimos como chegaron enfermidades novas que deixaron e están deixando moito dano nas nosas granxas. Vimos como Bruxelas quere recortar a PAC. Estas últimas semanas confírmanse as ofertas con baixadas de prezos, nun contexto dunha guerra que nos están subindo os custos. Temos un problema grande co relevo. O alimento con máis marca de Galiza é o leite e iso non temos que esquecelo nunca. Moita xente que está aquí traballa arreo por iso”, recoñeceu Manolo Villaverde.

    Isabel Vilalba, gandeira e integrante da Executiva Nacional; Ana Rodríguez, gandeira e vicerresponsábel do Sector Lácteo do SLG, Irea Blanco Rodríguez, moza que vai coller o relevo da granxa familiar e que forma parte da Dirección Nacional do SLG; Manolo Villaverde, responsábel do Sector, expuxeron o relatorio sindical do Congreso do Sector do Leite do SLG. Ademais, durante o Congreso, visualizáronse vídeos de gandeiras e gandeiros do SLG amosando o seu modelo de granxa e reivindicando prezos xustos.

    A prol dun sector lácteo forte

    A tamén gandeira e integrante da Executiva Nacional, Isabel Vilalba presentou a primeira parte do relatorio sindical. “Temos unhas ofertas orquestradas á baixa, cando os nosos custos de produción están a subir. Seguimos tendo os prezos máis baixos do Estado e incluso aumentando a diferenza entre as granxas máis pequenas e as máis grandes. O camiño é construír unha cadea de valor e cubrir sempre os nosos custos de produción. A día de hoxe seguimos sometidos á práctica unilateral das industrias. Temos un mecanismo de inflación e de especulación. Hai un sistema imposto que non nos defende”, esclareceu. “Defendemos unha agricultura que respecta as persoas que producimos alimentos. Reafirmándonos defendendo a agricultura labrega con respecto á terra, ao medio e ás persoas”.

    PAC

    O pasado 16 de xullo de 2025 coñeciamos a proposta da Comisión Europea do marco financeiro plurinacional da Unión Europea para o período 2028-2034. A proposta, chegada dende a Comisión Europea para a PAC 2028-2034, tradúcese en menos presuposto (20% de recorte sen ter en conta a inflación), ningunha ferramenta para a regulación dos mercados que permita subir prezos agrarios nin reducir a dependencia das axudas ás granxas. “As axudas seguen orientadas á terra e ao capital non ás persoas labregas e mantense un enfoque produtivista e exportador, en detrimento da resiliencia e soberanía alimentaria, ao tempo que desmantela a política agraria común da UE coa supresión dos dous piares e a inclusión da PAC nun fondo multisectorial que fará que se compita con outros sectores por recursos económicos. Ademais, o risco á renacionalización da PAC traerá unha competencia á baixa entre os Estados membros, aumentando as desigualdades entre as persoas labregas segundo o país onde viva”, resaltou Ana Rodríguez, gandeira e até o de agora vicerresponsábel do Sector Lácteo do SLG, que explicou a postura do SLG respecto da PAC.

    Relevo e futuro

    Podemos dicir que sen relevo non hai futuro e xa hai tempo que o vimos dicindo, pero as políticas que deberían implantarse para favorecer este relevo, pola vía que sexa, non funcionaron. Mostra diso é o ritmo de peches e abandono de granxas que ten o sector. E os poucos que se dan, teñen moi difícil liderar o camiño do sector cara á soberanía alimentaria e o cambio da sociedade rural. Aínda así, non estamos vencidas e mentres quede un mozo ou moza, dende o Sindicato Labrego Galego loitaremos xunto con elas para manter vivo o rural galego. Irea Blanco Rodríguez, moza que vai coller o relevo da granxa familiar e que forma parte da Dirección Nacional do SLG, presentou a parte dos textos congresuais vinculados co relevo xeracional e con outras figuras de comercialización. “Somos conscientes de que co actual sistema de produción de leite na Galiza, as cantidades de leite producido, así como os moitos anos dun modelo de recollida industrializado, dificultan outros sistemas de comercialización”, sentenciou. “Vémonos na obriga de pensar e esforzarnos por sacar adiante novas formas de comercialización que abran camiño para rachar con esa dependencia e tecer unha rede de complicidade e confianza máis forte coas consumidoras”.

    Saneamento animal e fauna salvaxe

    Manolo Villaverde, responsábel do Sector, adentrouse nos puntos do relatorio vinculados co saneamento animal e fauna salvaxe. “Falta moita xente, moitos datos, respostas”, incidiu. A Xunta ten que asumir e compensar polo custo real, todas as perdas ocasionadas, sen incrementar as esixencias administrativas ou burocráticas para as granxas, destacando ademais os danos causados polo lobo. “Afrontamos épocas incertas no referido á seguridade sanitaria ou sanidade animal, exposta nos últimos anos a novas doenzas que incrementan as perdas e os custos de produción dedicados a previr e paliar os danos de enfermidades como a EHE, Lingua Azul, Dermatose Nodular... Dende o SLG apelamos á responsabilidade das administracións para non tratar á lixeira a protección das nosas granxas”, aseverou o gandeiro.

    Acceso á terra

    Segue sendo unha loita vixente a loita polo aceso á terra. É este un factor característico da clase labrega a loita pola terra que traballamos fronte aos intereses capitalistas que arruínan as nosas vidas e o terreo do que arrincan todo o seu valor para deixar miseria e lixo. Por iso debemos congratularnos das batallas colectivas nas que temos participado contra Altri, a minaría, a eólica ou recentemente as plantas de biogás. Un dos grandes elementos acaparadores de terras deste país é a eucaliptización coas falsas moratoria,mais temos que estar vixiantes coa entrada de proxectos para grandes cultivos intensivos como as grandes extensións de viñedos industriais que co seu modelo van desprazando ás producións locais e enfermando ás persoas que aínda quedan nas aldeas e lugares. Sen terra non hai nin modelo, nin rendibilidade, nin harmonía ambiental.

    O SLG, a ferramenta de loita das labregas e labregos de Galiza

    Para finalizar, María Ferreiro destacou as grandes preocupacións do sector saíntes do debate final do Congreso do Sector Lácteo do SLG, que son: a baixada dos prezos, a burocracia, o acceso á terra e o papel da administración, que non apoia o sector, entre outros. “Aínda somos moitas persoas neste sector e noutros que estamos producindo alimentos e dende aí temos a fortaleza para seguir traballando”, resaltou a gandeira, subliñando que cómpre facer visible o noso modelo de granxa. “Temos que dignificar e valorizar o que facemos, e para todo iso temos unha ferramenta que é a nosa organización, o Sindicato Labrego Galego”.