Durante a tarde deste xoves, 28 de maio, as viticultoras e os viticultores do SLG-CCLL xuntaranse no Restaurante O Palancas en Crecente (Villar, Bº da Nogueira 6, 36429, Pontevedra) no marco do Congreso do Sector do Viño do SLG, que se inaugurará ás 17h.
A realización do Congreso do Sector do Viño do SLG afróntase coa mirada posta na defensa dunha vitivinicultura social, ligada ás persoas, á terra, ás nosas variedades autóctonas e a unha cultura milenaria como nai sustentadora do sector.
O pasado 29 de novembro de 2025 o Sindicato Labrego Galego celebrou o seu XI Congreso en Lalín, baixo o lema Fortalecendo o SLG para unha Galiza labrega con futuro. Tras iso, ao longo deste ano, realizamos os Congresos Sectoriais da organización. O Congreso do Viño será o último en realizarse e con el ficarán pechadas as novas Direccións Sectoriais do Sindicato Labrego Galego.
Galiza, 26 de maio de 2026. O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) realizará este xoves, 28 de maio, o Congreso do Sector do Viño en Crecente (Pontevedra). O acto terá lugar a partir das 17h da tarde no Restaurante O Palancas (Villar, Bº da Nogueira 6, 36429, Pontevedra). Nel farase unha diagnose da situación actual do sector e definiranse os pasos a seguir pola organización nos vindeiros catro anos, ademais de renovarse a dirección do sector, composta polas correspondentes comarcais, responsábel e vicerresponsábel do Sector do Viño do Sindicato Labrego Galego.
O SLG, na defensa dunha viticultura social ligada á terra
Na nosa organización, afrontamos o Congreso coa mirada posta na defensa dunha vitivinicultura social, ligada ás persoas, á terra, ás nosas variedades autóctonas e a unha cultura milenaria como nai sustentadora do sector. Neste modelo de viticultura social é imprescindíbel a digna permanencia dos viticultores e viticultoras e das pequenas adegas de colleiteiro/a. A arquitectura do viño é un elemento fundamental das nosas ribeiras e dos pobos produtores. Non nos estamos a referir ás grandes inversións en adegas dos últimos tempos, nin da restauración de pazos e casas grandes para dedicar a adegas ou ao turismo enolóxico. Referímonos á arquitectura tradicional do viño, como a pegada que nos deixaron os nosos antepasados e neste sentido falamos das covas, das adegas, das muras e socalcos, así como outras construcións menores que posibilitaban a elaboración e conservación do viño.
Dende o Sindicato Labrego Galego cremos firmemente que a paisaxe só se pode manter con labregos e labregas traballando nas ribeiras. O abandono ou a viticultura industrial degradan o medio, e tamén actúan dun xeito preocupante para a paisaxe vitícola a forestación de terras agrarias, en especial cando acontece coas viñas.
Acaparamento de terra
Nos derradeiros anos estamos vendo como a administración, tanto galega como do Estado español, están favorecendo as grandes concentracións de terra, non inverten nas pequenas persoas produtoras, nin na clasificación e mellora do viñedo de calidade, daquel viñedo que é traballado por persoas, e serve para fixar poboación no rural, nin fan nada para recuperar os vellos socalcos que crean valor engadido nos viños, un valor patrimonial que noutros países europeos está protexido.
Todo o contrario, as axudas públicas van todas destinas ás grandes concentracións de viña, arrasando montes comunais, carballeiras, zonas con enorme valor ambiental, nas chairas fáciles de mecanizar, e todo isto para producións de baixo valor engadido que compitan nunha economía de escala. Estas grandes concentracións de terra, neste caso falando do viñedo, leva a moita veciñanza a formularse fuxir do seu lugar. Fuxir porque os abafan con pesticidas, sulfatos, herbicidas, e toda clase de produtos fitosanitarios. Producións labregas que se contaminan nun mar de nubes abafantes de tóxicos, con graves riscos para a saúde humana, a fauna, as augas, etc.
Este modelo, concentrando en poucas mans a produción, pon en grave risco a viabilidade dos proxectos de centos de labregas e labregos que levan anos traballando de xeito sostíbel, apostando por producións de calidade. No marco deste terreo, xorden voces que queren unha pausa para pensar cara a onde imos, cal é o noso modelo como país. Dende elas o Sindicato Labrego Galego artellará as súas propostas para o futuro do Sector do Viño este xoves 28 de maio no Restaurante O Palancas, en Crecente.
Fortalecendo o sector para unha Galiza labrega con futuro
O pasado 29 de novembro de 2025 o Sindicato Labrego Galego celebrou o seu XI Congreso en Lalín, baixo o lema Fortalecendo o SLG para unha Galiza labrega con futuro. Tras iso, ao longo deste ano, realizamos os Congresos Sectoriais da organización. O 1 de marzo tivo lugar o Congreso do Sector Vexetal na Estrada, o 27 dese mes o do Leite en Guitiriz, e o 25 de abril o do Vacún de Carne en Portomarín. O Congreso do Viño será o último en realizarse e con el ficarán pechadas as novas Direccións Sectoriais do Sindicato Labrego Galego.
