Novas

  • O comportamento antidemocrático da Consellería do Medio Rural coa falta de convocatoria do Consello Agrario Galego chega á Valedora do Pobo da man do SLG

    O comportamento antidemocrático da Consellería do Medio Rural coa falta de convocatoria do Consello Agrario Galego chega á Valedora do Pobo da man do SLG

    • 06,Nov 2025
    • Posted By : Sindicato Labrego
    • 0 Comments
    • O SLG presentou en rolda de prensa os motivos da queixa presentada onte ante a Valedora do Pobo para esixir a convocatoria do Consello Agrario Galego.

    • Dende a nosa organización non descartamos acudir aos tribunais para facer valer os dereitos das labregas e dos labregos de Galiza.

    Compostela, 6 de novembro de 2025. Dende o Sindicato Labrego Galego–Comisións Labregas (SLG-CCLL) presentamos onte, 5 de novembro, unha queixa formal ante a Valedora do Pobo pola falta de convocatoria do Consello Agrario Galego dende que tomou posesión a actual Consellería do Medio Rural (CMR). Denunciamos así a inacción e o funcionamento autoritario desta Consellería, que continúa a incumprir a Lei 1/2006 e a negar ao sector agrario galego o seu dereito legal á representación e ao diálogo democrático.

    A presentación da queixa foi explicada esta mañá nunha rolda de prensa celebrada no Local Nacional do Sindicato Labrego Galego en Santiago de Compostela. Durante o encontro cos medios, o SLG explicou que o Consello Agrario Galego non foi convocado en todo o tempo que leva a actual conselleira, malia as reiteradas solicitudes feitas polo sindicato e polo propio sector.

    Isabel Vilalba rolda de prensa 6 novembro Compostela

    Na rolda participaron Isabel Vilalba Seivane, Secretaria Xeral do SLG, gandeira e produtora de faba de Lourenzá; e Brais Álvarez, apicultor e integrante da Executiva do SLG. Ambos incidiron en que por lei é obrigatorio convocar o Consello Agrario Galego catro veces ao ano. “Isto vímolo denunciando dende a chegada da actual conselleira. Tanto en peticións por escritos como por reunións, fomos facéndolle chegar estas preocupacións a Consellería do Medio Rural, e incluso nunha xuntanza que tivo a CMR con nós e con outras organizacións agrarias conseguimos que se comprometese a convocalo en setembro -esta reunión foi o 29 de xullo-. Pasou setembro e outubro e seguimos agardando”, denuncia Álvarez.

    rolda de prensa 6 novembro Compostela

    Funcionamento caciquil e opacidade

    Durante a comparecencia, o SLG cualificou de “caciquil e autoritario” o comportamento da Consellería, por non convocar o principal órgano democrático de participación do rural galego, mentres “cociña por detrás” acordos con organizacións que aplauden o seu modo de actuar. “Este órgano, onde ás persoas labregas se nos recoñece o noso dereito a participar democraticamente nas políticas que nos afectan, tería que reunirse catro veces ao ano e hai dous anos que non se reúne”, declara Isabel Vilalba. “Hai un incumprimento que é reiterado, hai conciencia de que non se cumpre a lei”, engade.


    Un órgano fundamental para o sector

    Dende o Sindicato Labrego lembramos que o Consello Agrario Galego, regulado pola Lei 1/2006, é o espazo no que deben tratarse as cuestións fundamentais que afectan ao sector, como a nova Política Agraria Común (PAC) ou a crise sanitaria pola Dermatose Nodular Contaxiosa, e que a lei é clara ao establecer que “o Pleno se reunirá, como mínimo en sesión ordinaria catro veces ao ano, e será convocado polo Presidente, a iniciativa propia, a petición da comisión permanente ou a proposta da metade dos seus membros”.

    Queremos amosar o que é para nós a indefensión que supón a falta da convocatoria en momentos tan importantes coma estes nos que se está negociación a PAC que vai a haber nos seguintes períodos e non temos ningún marco de traballo. No tema das enfermidades emerxentes, a finais do ano 2023 o propio Consello Agrario creou un grupo de traballo para elas, naquel momento aínda era conselleiro José González, tiñamos un grave problema coa Enfermidade Hemorráxica, e ese grupo de traballo reuniuse en febreiro antes desta conselleira, e nunca máis se volveu a reunir. Neste momento non sabemos que vacas poden estar entrando neste momento de Francia, estamos moi preocupados pola Dermatose Nodular Contaxiosa, que xa levan sacrificado máis de 2000 animais por protocolo ao aparecer este foco en Girona, e existe moita preocupación no sector”, esclarece Vilalba.

    A falta de convocatoria do Consello Agrario non é un erro administrativo, senón unha decisión política que exclúe deliberadamente ás labregas e aos labregos da toma de decisións.

    Brais Álvarez rolda de prensa 6 novembro Compostela

    Posíbeis pasos xurídicos e chamamento ao sector

    Se a Consellería persiste nesta actitude e non convoca o Consello Agrario Galego conforme establece a lei, non descartamos acudir aos tribunais para facer valer os dereitos de representación do sector. “Vémonos na obriga de buscar outras vías para poder exercer os nosos dereitos como labregas”, sinala Brais Álvarez. “Non podemos tolerar que de forma interesada e de forma totalmente antidemocrática se elimina a representación dunha parte do sector porque á conselleira o decide. Temos que exercer os nosos dereitos para que o sector sexa tido en conta para os temas que nos afectan no día a día”. O Sindicato Labrego Galego concluíu a comparecencia reclamando o restablecemento inmediato dos órganos democráticos de participación agraria, lembrando que o que está en xogo non é só unha reunión, senón o dereito das persoas labregas galegas a participar nas decisións que marcan o futuro do noso rural.