Madrid26f2

26/02/2024

O agro galego esixe en Madrid políticas agrarias respectuosas cas produtoras e que garantan o dereito a unha alimentación saudábel

Como Coordenadora Europea Vía Campesina hoxe tamén participamos nas mobilizacións que teñen lugar en Bruxelas. Reiteramos as medidas demandadas ás administracións públicas nas mobilizacións galegas do pasado martes 20 de febreiro

Baixo o lema O campo esixe apoio, respecto e recoñecemento”, esta mañá o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) participou canda milleiros de persoas procedentes de todo o Estado na manifestación e tractorada convocada en Madrid pola COAG, UPA e ASAJA con motivo da xuntanza do Consello Europeo de Ministros de Agricultura. 

As organizacións agrarias demandamos na capital do Estado respostas rápidas e estruturais á crise actual á que se enfronta o sector agrario, comezando pola eliminación da burocracia que nos afoga; a articulación de mecanismos efectivos para acabar cos baixos prezos en orixe e coas marxes abusivas entre os prezos que perciben as persoas agricultoras e os altos prezos que pagan as persoas consumidoras; cambios nas medidas que afectan negativamente ás pequenas e medianas producións -que son maioritarias en Galicia- ou que non están adaptadas á realidade galega ou da Cornixa, así como deixar de utilizar a agricultura como moeda de cambio nos chamados Tratados de Libre Comercio, que facilitan a importación de alimentos que non cumpren os estándares mínimos de seguridade e protección do medio ambiente esixidos na UE.

Asemade, o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas está tamén hoxe a participar nas mobilizacións convocadas en Bruxelas pola Coordenadora Europea Vía Campesina (CEVC) e outras organizacións agrarias e sociais aliadas, nas inmediacións da xuntanza de ministras/os. Na liña das reivindicacións defendidas en Madrid -e a semana pasada nas mobilizacións desenvolvidas na Galiza-, dende a CEVC insistimos na importancia de regular os mercados e conseguir que a Directiva sobre prácticas comerciais desleais sexa obrigatoria, co fin de garantir prezos xustos e estables, protexidos da especulación, que cubran os custos de produción e o traballo das persoas labregas; a eliminación dos Tratados de Libre Comercio e a competencia desleal deben ser prioridades. Tamén esiximos que a Unión Europea manteña o principio de precaución e deteña a desregulación dos organismos xenéticamente modificados e das novas ténicas xenómicas; que sexa asegurado un orzamento suficiente e unha distribución equitativa das axudas da PAC, a fin de facilitar unha transición xusta cara a agroecoloxía e as prácticas sostibles, así como a redución das cargas administrativas para as pequenas e medianas granxas.

En declaracións dende Madrid, a Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), Isabel Vilalba, salientou que estas mobilizacións estanse a levar a cabo nun momento decisivo: “Estamos perdendo moita poboación dedicada á agricultura. No noso caso seis de cada dez persoas agricultoras xubilaranse nos próximos anos. Temos un contexto de dificultade enorme no sector agrario e na zonas rurais, e isto pode ser a puntilla para que moita xente teñamos que abandonar o sector. Entón, estamos moi pendentes do día de hoxe. O propio Ministerio dixo que se estaban facendo estas políticas como unha especie de despotismo ilustrado, é dicir, unha maneira de gobernar de maneira déspota, obviando todas as dificultades que ten un sector estratéxico que é o que proporciona alimentos ao conxunto da sociedade. Esperemos que estean á altura as decisións que tomen hoxe e senón teremos que seguir na loita para defender o sector agrario e gandeiro”.

Dende o Sindicato Labrego Galego demandamos que se activen os cambios necesarios para que a Política Agraria Común estea verdadeiramente ao servizo do dereito á alimentación, tanto no que respecta á produción como á comercialización e consumo. A actual orientación cara as exportacións e o mercado internacional non beneficia ás persoas consumidoras e prexudica ao medioambiente, ao tempo que provoca que as persoas labregas recibamos prezos que non cubren custos nin remuneran o noso traballo. É un sistema que só beneficia á agroindustria e aos grandes poderes económicos, á costa dun ben imprescindíbel como é a alimentación.